Mostrando entradas con la etiqueta raquel castro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta raquel castro. Mostrar todas las entradas

martes, 6 de febrero de 2024

REMUÍÑO DE LIBROS (80): "Sobremesas sobre versos", de Raquel Castro

 




Fermoso libro o que teño nas mans. Un libro diferente que conxuga narrativa, poesía e…gastronomía!

Emocionoume o contido do mesmo pola súa sensiblidade, polos afectos que viven nel e pola humanidade e intelixencia do seu discurso.

Con este volume, Sobremesas sobre versos (Galaxia. Col. Árbore.2023. Ilustracións de Diana Pastoriza) , Raquel Castro gañou a primeira edición do Premio de Literatura Simbad para o Recordo e o Alzhéimer 2022.

Sempre tiven a Raquel Castro como unha autora inqueda, diversa, cargada de sensibilidade e que, sobre todo no que nos ocupa, escribe moi ben. Esta licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa e Filoloxía Hispánica, que traballa no ensino secundario, é unha incansable autora teatral, cuxas obras escritas para representar posúen unha calidade extraordinaria. O seu labor a prol do teatro é admirable, pero non abandona nunca os demais xéneros.

E aquí, neste precioso libro, Sobremesas sobre versos, demostra a súa capacidade para chegar a través da palabra narrativa e a palabra poética aos lugares máis fondos do ser humano.

A historia comeza cando a pandemia nos pechou nos fogares e comprendemos a importancia da liberdade. Pechada a autora nun piso, cos aplausos no balcón, vivindo a dureza dun confinamento que nos colleu co pé cambiado, intentaba, pegando o nariz á xanela, ver máis alá das catro paredes que a retiñan.

Era incapaz de cociñar. Estaba desilusionada.

Ao tempo, a avoa comezou a esquecer. Quixo esquecer o mundo que nos esquecía e pechouse nos recordos que a facían feliz.

O mal do mundo, quizais. Pero talvez o mal da avoa levou a autora de Vigo a Visuña. Deixou a cidade e marchou ao CAMPO, con maiúsculas. E recuperou veigas, altas montañas que case tocan o ceo e auga que nace nos recunchos. E alí comezou a respirar.

A avoa púxose maliña. Era costureira de profesión e poeta mais reposteira por vocación.

E disto vai o fermoso libro con que Raquel nos agasalla. Unha tenra historia na que se contan feitos que sucederon ao longo dos tempos e que , no día a día, volver asomar a cabeza. E unha avoa que, como outras, comeza a despoboarse de saberes e recordos.

E o libro, entre parágrafos narrativos,  preséntanos en verso  diversas receitas de sobremesas deliciosas que, aos larpeiros coma min, nos enchen a boca de auga.

Dende filloas con mel ata a crema doce, pasando polas orellas de entroido, polos churros, pola xelea de amorodos ou o leite fritido, entre outros manxares, imos vendo os ingredientes e a preparación dos mesmos.

Receitas rimadas que soan directas e limpas. Escritas con claridade e enxeño poético deitan dozura no seu amplo sentido da palabra.

Coma exemplo do que digo, vexamos a receita dos CHURROS:

 

Ingredientes

 

Medio litro de leite

mais unha cullerada de aceite,

Raquel Castro
de auga bota a metade,

do sal unha presa á túa vontade,

de fariña poñamos

uns trescentos setenta gramos,

con azucre e canela

atrae o churreiro a súa clientela.

 

 

Preparación

 

Fervemos o leite

con auga, sal e aceite.

Bota fariña ao ferver

sen deixar de remexer.

Cando a masa estea pastosa

e sen grumos escumosa,

deixámola arrefriar

para podela traballar.

Logo métea enteira

nunha manga pasteleira,

mentres nunha tixola grande

tes quente aceite abundante.

Vas a manga apertando

e os churros vas cortando.

Cando estean douradiños

poñelos enfeitadiños

de azucre branco ou moreno

cada un no seu desexo.

Chocolate ou canela

como sexa a comedela.

 

Que vos parece? Non pode ser máis orixinal.

Un libro, pois, atraente que fará as delicias do lectorado e, ademais, fará auga na boca de todas as persoas que se perden polas larpeiradas.

 

 

 

                                                                                            ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

 

 


viernes, 14 de enero de 2022

REMUÍÑO DE LIBROS (77) "Dormente", de Raquel Castro

 





TÍTULO: Dormente.

 

 

AUTORA: Raquel Castro.

 

 

ILUSTRACIÓNS: Laura Veleiro.

 

 

 

 

EDITORIAL: Galaxia. Colección: Árbore.

 

 

 

Dormente é unha obra de teatro da escritora e profesora Raquel Castro, coñecida pola súa traxectoria no eido do teatro galego para os máis novos, tanto coma creadora de pezas teatrais destinadas á súa representación polo grupo de teatro infanto-xuvenil “Ata sempre”, coma Presidenta e Fundadora da Asociación Teatral de Alxén dende 1999.

 

Raquel Castro con “Dormente” amosa o seu coñecemento do importante papel da literatura en xeral e, en concreto, do teatro no desenvolvemento das persoas. Coma fonte de reflexión ao observar os diferentes comportamentos humanos e, xa que logo, como poder transformador da sociedade a través dos individuos para crear un futuro plural, equitativo e xusto onde nin os prexuízos teñan cabida, nin os erros veñan cargados coa culpabilidade senón que sexan resortes para impulsar a aprendizaxe.

 

 A historia desenvólvese ao longo de catro actos máis un preacto introdutorio nos que nove personaxes atemporais e dispares nas súas profesións conducen o lector a un universo onde o pasado e o presente se mesturan para dar lugar a un futuro máis prometedor. Nove personaxes do máis variado dan vida a esta reinterpretación do clásico “A bela adormecida” adaptándoo aos tempos actuais, deixando ler entre liñas, botando abaixo prexuízos e estereotipos de xénero e abrindo unha venta á reflexión e ao debate.

 

A trama xira ao redor de Dormente e a súa negativa a espertar. Por medio das pescudas levadas a cabo por Xerlo e Amara, detectives privados contratados polo Rei (o pai de Dormente) descubriremos que o amor non se pode impoñer porque é libre e só atende ás emocións, que a mentira acarrea consecuencias e que a solidariedade é unha boa arma para desmontar as convencións sociais que lastran a realización persoal. Coñecemos os personaxes polo que din pero tamén polo que calan.

A linguaxe directa, clara e expresiva acompañada polo humor tanto nas palabras coma nas situacións conectan co lector e fano partícipe.

 Laura Veleiro é a encargada de dotar con vida os personaxes por medio de expresivas ilustracións.

 

 

 

Páx.22: “Rei: O Rei, que rei vou ser, O Rei.

               Xerlo: E non ten nome?

               Rei: Teño moitos, mais todo o mundo se puxo de acordo en chamarme Rei ou

                       “Súa maxestade”.

               Amara: A súa?

               Rei: Non, a súa

               Xerlo: A miña?”

 

 

 

Páx.149:

                 “Toniño: Está durmida?

                   Raíña: Si, aquela meiga de alí, enfeitizouna.

                   Toniño: Que mala!

                   Malévola: Si, é o que ten ser una meiga. Non podo deixar de facer mal.”

 

                                                                                                        Alba Piñeiro

 

 

 


viernes, 29 de septiembre de 2017

REMUÍÑO DE LIBROS (33) "As terapias da doutora Ledicia", de Raquel Castro






TÍTULO: As terapias da doutora Ledicia.
 
AUTORA: Raquel Castro.

ILUSTRACIÓNS: Almudena Aparicio.

EDITORIAL: Galaxia. Colección: Árbore.





As terapias da doutora Ledicia é unha comedia que chega da man da editorial Galaxia na colección Árbore e que supuxo a primeira obra publicada da súa autora Raquel Castro, profesora e con ampla experiencia vencellada ao mundo do teatro.
Ademais esta peza teatral vén avalada polo Premio de Honra nos premios Estornela de Teatro da Fundación Xosé Neira Vilas no 2014.
 
Raquel Castro
     Tanto a súa estrutura  -consta dun único acto e dúas escenas- coma o seu contido están destinados a atraer a atención do lector pois están elaborados con dose de humor ben salferido, chegando mesmo, ás veces, a producirse certas situacións absurdas que non desentoan porque son levadas dun xeito natural.

     A doutora Ledicia é unha psiquiatra e psicóloga acostumada a traballar terapias en grupo e con sona de solventar os máis diversos males interiores. As súas terapias baséanse na risa, nas apertas e nas cancións como métodos infalibles para afastar a tristura e achegar a felicidade de estar a gusto con un mesmo. Conta coa colaboración de Carolina para axudala a levar a consulta adiante.
 
Il. de Almudena Aparicio
     Ao longo das dúas escenas un elenco variado de pacientes van chegando  para participar das terapias. Deste xeito, aparecen: Euloxio Ribeiro máis coñecido por ser o home do saco; Armando Xesteira, o apalpador; Antón Fontao, un lobishome; as tres Marías; María dos Meles, María Castaña e María Silveira. Todos eles veñen porque non son felices ao perderen a súa identidade mantida ao longo do tempo grazas á tradición oral, pero que agora, cos tempos que corren semella que xa non son útiles. A este grupo súmase unha muller vella que acode á consulta porque precisa de xente coa que falar, rir e cantar. Con paciencia, agarimo e intelixencia a doutora Ledicia logrará o seu obxectivo.



     
     As vivas ilustracións de Almudena Aparicio dotan de vida os diferentes personaxes.

                                                                                                       ALBA PIÑEIRO