Mostrando entradas con la etiqueta paseniño paseniño. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta paseniño paseniño. Mostrar todas las entradas

miércoles, 15 de abril de 2020

VERSOS NO CONFINAMENTO IV : Vento, ventiño, venteiro e Paseniño, paseniño

Nestes días de obrigado confinamento, nos que a incerteza e o desacougo se trocan en protagonistas da nosa vida cotiá, a poesía adquire aínda unha maior importancia. E é precisamente por esa razón que Antonio García Teijeiro está a gravar, na súa casa no centro de Vigo, unha serie de vídeos nos que recita versos contidos nalgúns dos seus libros, agardando que a poesía faga para toda a xente máis levadeira a estancia entre esas catro paredes. Nun destes vídeos, un bo amigo de Antonio, o monicreque mariñeiro Martiño, recita uns poemas de Vento, ventiño, venteiro (Edicións Xerais), mentres que no outro, o propio Antonio escolle uns versos de Paseniño, paseniño (Edicións Xerais).

VENTO, VENTIÑO, VENTEIRO (con Martiño)



PASENIÑO, PASENIÑO


viernes, 25 de enero de 2013

Dende cativos, Rosalía, sempre

O ano que rematou hai un mes, celebrouse o 175 aniversario da nosa máxima expresión literaria e, máis concretamente, poética: Rosalía de Castro. Para celebrar ese acontecemento a Fundación que leva o seu nome e que tanto está a facer pola memoria viva de Rosalía, publicou unha interesante obra para achegar esta muller á infancia. O libro chámase Antoloxía para a infancia. Unha iniciativa que aplaudo con calor, porque estou seguro de que moitísimas persoas falan de Rosalía sen tela lido en condicións. E isto non é san para a saúde da nosa sociedade que maltrata demasiadas veces a nosa lingua e, tamén, a nosa literatura. Di Helena Villar Janeiro, na presentación da escolla, o seguinte, referíndose aos pequenos lectores: "Queremos facerche máis doada a lectura e presentarche unha mostra representativa da súa variada creación. Por iso, algúns poemas longos non están completos. saberás que pasa así cando vexas puntos suspensivos, que indican que se interrompe o texto. Se che gustou ese fragmento, podes completar a lectura no libro ao que pertence". O libro recolle poemas das súas tres grandes obras poéticas: Cantares gallegos (1863), Follas novas (1880) e En las orillas del Sar (1884). Remata Helena a presentación dicindo: "Cando acabes este libro, coñecerás á que é considerada a nosa mellor poeta e unha entre os grandes autores da literatura universal".

A min paréceme unha iniciativa necesaria. Resulta importante que xa, dende as primeiras idades, saiban os nenos e nenas da importancia de autora tan sublime.  A súa obra é transcendente. Non é unha muller que posúa unicamente unha importancia histórica, que si a ten, por suposto. Foi unha persoa cunha vida complexa, chea de atrancos, cunha saúde feble, que non andou nos círculos intelectuais do seu tempo. Tampoco foi unha muller cunha formación completa - máis ben mediocre - e que tivo moitos problemas económicos. Malia todo isto, escribiu con intensidade e ánimo uns poemas que serviron de guía a tantas e tantas persoas, que, coma min, permitiron coñecer o máis fondo da alma humana. Rosalía foi un símbolo da galeguidade, pero quedarse niso podería ser perigoso. De aí, que todo o que se faga por dar a coñecer a súa obra, de que os seus versos nos resulten próximos, será imprescindible. Rosalía non pode morrer e non morre, grazas a diversas iniciativas que manteñen viva a súa imaxe. Personalidade sobranceira, sempre vencellada á nosa terra, está nun lugar de honra na literatura galega e, tamén, na literatura universal.

Podemos afirmar que boa parte da súa poesía foi e é moderna. Dela partiu a andaina poética en Galicia. A publicación de Cantares gallegos en 1863, hai agora 150 anos, marca o comezo da literatura de alta calidade. Hai moitas Rosalías en Rosalía, como sempre mantiven que hai moitos Albertis en Rafael Alberti. Unha Rosalía crítica, unha Rosalía que escribe dende a dor, unha Rosalía amorosa, unha Rosalía que chora a emigración, unha Rosalía que, como di Anxo Tarrío no seu libro Literatura gallega (Ed. Taurus) "era consciente de que escribía dende un país marxinado e malia os compoñentes costumistas e folclóricos dalgunhas das súas páxinas, non é outra cousa ca ilustración dunha ideoloxía que pretendía tanto afirmar os valores específicos da patria galega como denunciar, a través dun berro de indignación, as inxustizas de que eran vítimas as súas xentes". Noto, polo que escoito e leo, que se fala dunha Rosalía sentimental. Tamén existe. Pero esa Rosalía indignada falaba ben alto. Non esquezamos que para ela escribir en galego foi, ademais, un compromiso coa lingua e contra aqueles que a maltrataban. Tiña unha enorme concienciación coa linguaxe e, como dicía Manuel Murguía, con quen casou en 1858, un pobo que perde a súa lingua é un pobo morto. Chea de enigmas, automarxinada moitas veces, consegue dar aos seus versos unha profunda intensidade e unha intemporalidade que a fai actual decote. Orixinal en Follas novas con respecto á métrica, adiantouse uns anos aos modernistas, o que fai de Rosalía unha adiantada ao seu tempo. Din que non é brillante. Para min si que o é. As arestas da súa poesía son unha marabillosa realidade.

Por iso, doéronme as palabras que o petulante Luis Antonio de Villena se permitiu dicir sobre ela. Calificouna de poeta mediana. Esta afirmación doeume e moito, porque non é certo. A capacidade de chamar a atención deste poeta non ten lindeiros. Eu escribín poesía en galego, grazas aos seus versos. Os meus libros teñen unha chea de referencias a ela. Paseniño, paseniño, un dos meus libros preferidos, é un camiñar constante, por vieiros non sempre amables, ata chegar a Rosalía, coa que remato o poemario. Detrás da miña mesa onde escribo sempre está o seu retrato. Nos andeis da miña biblioteca poética está unha figura da "nosa nai e señora". Fíxenlle homenaxes con palabras dende os meus poemas. E hoxe, revolvendo na libraría, que visito case todos os días, dei con outro libro para os pequerrechos, editado por Espiral Maior en 2010. Non o coñecía, confésoo. Ilustrado por Isabel Pintado, recolle o poema Parece unha rosa. Cada estrofa leva a súa ilustración. É unha verdadeira preciosidade. Moi recomendable para todos, faltaría máis, pero ideal para ler cos nosos fillos e fillas e introducilos na fermosísima poesía desta gran muller.

Anúncianse actos para o día 24 de febreiro, data do seu nacemento. Rosalía segue viva. Leámola a miúdo. Non estaría mal que sobre a mesiña de noite sempre houbese unha antoloxía poética súa. Non só non faría mal a ninguén, senón que axudaría a reflexionar sobre esas actitudes tan pouco afeccionadas a ler poemas.
A min, dende logo, prodúceme unha compañía que me dá serenidade.

ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO
Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón