TÍTULO: Quokka
Moka.
AUTORA: María Solar.
EDITORIAL: Xerais. Colección: Merlín.
A xornalista e
escritora María Solar estase a
converter nunha das voces salientables dentro
da nosa LIX pois nas súas achegas ao lectorado infanto-xuvenil latexa un
transfondo social que convida á reflexión, que leva os seus lectores a
formularse moitas situacións reais. É pois unha literatura comprometida coa
sociedade e que aposta por un futuro mellor, máis plural e equitativo.
María Solar |
Quokka
Moka é a protagonista e pertence a unha especie que presenta un trazo único no
mundo animal, sempre sorrí. Aínda que esta particularidade non se corresponde
co seu estado anímico, pois, ás veces, está triste ou enfadada pero o seu rostro
mantén un sorriso. Ao longo dos 14 capítulos imos descubrir como Quokka sen
querelo, pero grazas ao seu comportamento egoísta, insolidario e despreocupado
vai provocar que a súa especie case se extinga. Por iso a súa avoa decide
levala con ela nunha viaxe ata o Antiuniverso
para que se decate da importancia
dos actos, do engano que supoñen as aparencias e o necesario que é a amizade, a
xenerosidade e o respecto.
Ilustración de Víctor Rivas |
As ilustracións
coloridas e vivas de Víctor Rivas están
en sintonía co ton textual.
Páx.110: “…estabamos
todos reunidos dentro para decidir botala do tobo por insoportable, rabuda e
egoísta…”
Páx.125: “Eu serei sempre a túa amiga. Dáme igual o
que sexas. Sabes canto te quero”
Páx.142: “Pero
agora tamén lle importaban outras cousas e outras persoas…As cousas normais
tíñanlle importancia, e tamén respectaba o que era importante para outros”
ALBA PIÑEIRO