TÍTULO: Iridium
AUTOR: Francisco Castro.
EDITORIAL: Galaxia. Colección: Costa Oeste.
O
escritor, editor e actual director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro,
achégalles aos lectores adolescentes e tamén adultos esta novela que pon de manifesto
a importancia de visualización e normalidade da diversidade na sociedade.
Novela realista e valente ao denunciar certos
prexuízos con fortes raizames na nosa sociedade actual. Moitas veces
consumista, superficial e hipócrita que prexulga a través das aparencias, sen
ser quen de botar unha ollada máis alá do físico.
Iris é a protagonista, unha adolescente do
seu tempo, estuda primeiro de bacharelato e domina as redes sociais, chegando a
ser “ unha raíña” do Instagram con milleiros de seguidores en todo o mundo.
Pero agocha un segredo aos seguidores, pois como adolescente, o que pensen e
digan dela, impórtalle demasiado. Antes do accidente, Iris era feliz: tiña
amigos, fama no instituto e noivo...Pero agora sabe a diferenza entre existir e
vivir, mellor dito, sobrevivir porque é o que fai todos os días para intentar
vivir a súa vida sen a sobreprotección dos seus pais, nin dos chamados amigos.
Será, en boa parte, grazas ao amor como descubrirá o que é real e verdadeiro
porque a fará sentir “normal” dentro deste mundo desigual.
O feito de que estea estruturada en
dezaseis capítulos curtos, cunha linguaxe directa, non exenta de humor, e
artellada por medio de diferentes canles dixitais, facilita que os lectores
mozos conecten axiña con ela.
Iridium é
unha novela necesaria para que os mozos reflexionen sobre o futuro que queren
de pluralidade e equidade ou cheo de prexuízos que tapizan a realidade a base
de teas superficiais e sen ningún retallo de humanidade.
Algúns exemplos do dito:
Páx.46:”...agora case que
ninguén se atreve a dicirme que non a nada por todo o que me pasa...De
feito,regaláronme cuarto da ESO e con todas aprobadas.”
Páx.51: “Os profesores e
profesoras, as compañeiras e compañeiros, todo o mundo aquel día (aínda hoxe o
fan) comportouse exactamente como non había que comportarse. Sei que o fan por
ben, coma meu pai.[... ] Quero ser normal. E que me traten normal”.
Presentación en Moaña de Iridium. (Foto Gonzalo Núñez) |
ALBA PIÑEIRO