jueves, 25 de junio de 2015

DARDO POÉTICO ( XXI ). Catro poemas inéditos de Ana María Fernández.

                       


    Teño que dicir que, dende que lin os primeiros versos dun poemario seu, Ana María Fernández converteuse para min nunha das poetas de referencia.
     
     
Ana María  Fernández


     Corría o ano 1990, o libro, editado por Edelvives, chamábase Pola rúa dos versosEspreguiza o galo / ó senti-lo día / a capa de plumas / e logo esgutía (…)
     
    


      Nunca deixei de lela. Cada poemario seu (tamén a narrativa)  entraba na miña casa  sen petar na porta. Así gocei das súas Ondas de verde a azul (Ed. Xerais, 1994). Imaxes luminosas que me engaiolaron, ritmo, musicalidade…
     Servilletas de nubes / encol dos manteis dos aires, / a buli-los paxaros / no banquete da tarde; / e o sol a brillar no medio / coma unha froita moi grande.

     


     Con Ana María dei tres ou máis voltas ao planeta. Entre os seus versos gocei dunha viaxe fermosa e aprendín a salientar o valor do pequeno (algo que sempre me interesou) e a entender algúns dos misterios da vida. Era o seu poemario Tres voltas ó planeta, editado por Everest-Galicia en 2000.
     Campaíñas do Courel, / feitas a duro cicel. / Aló arriba no camiño, / entre a chorima e o espiño, / tocades con ese aquel… (…)
     
     


     No ano 2002, aparece un libro extraordinario, Amar e outros verbos (Everest-Galicia), que gañou o Premio Lazarillo de Creación Literaria. É este un libro dunha calidade infinita, no que a autora vai trazando un discurso sinxelo e intenso á vez, coa emoción da experiencia do día a día convertida en versos. Hai alumnas que tiven eu que veneraron este poemario.
     De nenos, xogamos / a estar tristes, entre risas, / e os ollos lávansenos con lágrimas puras / que limpan o po / das rúas encantadas, / por onde cruzan abesouros / que endexamais dormen. / As lágrimas son / unha mensaxe / das nubes da alma / e nós lemos e relemos a mensaxe / e choramos de novo / porque non entendemos nada.(…)

     
     
     Dous anos máis tarde, no 2004, tamén en Everest-Galicia, aparece outro poemario de referencia: O país de amarnos. O amor espallado a través das palabras; versos que procuran a emoción coa tenrura, coa rabia e co amor á terra. Unha delicia.
     Sobre unha mesa fría / coma xeo, / ela, a mística escultura da palabra, / sobrevivirá no silencio / da escritura maldita. / A nosa voz será só / dos que nos coñeceron, dos que verán a tinta dos nosos nomes / anoados por cardos e corolas. / Para os outros, / quedará só / este papel, / esmorecido e enrugado / con larganza de labios / e lumbrigares solitarios (…)

     

     
     
     No ano 2007, nun poemario que viu a luz na editorial Tambre, colección Ala Delta, atopei un grilo falangueiro. Un grilo que lle cantou poemas a Ana María Fernández e que ela transcribiu para que gozásemos con eses versos.
     O libro leva o nome de Poemas que me cantou o grilo.

     Perdeuse un rodaballo / baixo as areas do mar. / Tres cunchas e unha perla / a quen o poida atopar. / Levaba traxe claro / cun ganduxo de sal. / Melgachos, robalizas, / ollade, que ha pasar. / Pagamos un tesouro / a quen o poida atopar.





Non hai moito decateime que no 2011, outra vez Everest-Galicia (que gran labor o de Irene Penas!) saíra un novo poemario de Ana María Fernández: Páxinas de Carricanta. Escapárame e fun á libraría e merqueino. Unha vez máis puiden gozar dun poemario intelixente, nacido das experiencias cotiás dun humilde animal (calquera o diría, pois semella un ser humano) que vai na procura de respostas diante dos misterios da existencia:
     Non sei se foi o meu eco, / que se apoiaba entre dúas rochas / para explicar a sombra de tres nubes que discutían / pola xeometría dos espazos. / Ou se máis ben sería un eco orfo, / porque eu tiña a boca aberta, / pero non me lembro de que dixera nada / en especial sonoro. (…)

     

    
      Hai unhas semanas, Ana María Fernández tivo a xenerosidade de enviar a Versos e aloumiños tres poemas inéditos. Que enorme satisfacción! Un agasallo que agradecemos fondamente e que temos a honra de publicar aquí, neste espazo onde viven as emocións e os sentimentos. Neste espazo aberto á palabra literaria.
     
     Desta volta, a palabra literaria dunha das voces máis significativas da nosa poesía para nenos e nenas e para todas as idades.

     
     Grazas, Ana María, por tan fermoso galano.




CHOVE

Chove no campo e as aforas.
De vagarciño,
achégasenos un océano de pingas cantareiras.
E toda esa auga é nosa,
pertence ao ceo, á terra e a nós mesmos,
que somos recipientes de augas submariñas,
XULIO  GARCÍA  RIVAS. "Treboada na Costa da Morte".
que vivimos entre as nubes e os charcos,
entre o azul e o gris máis tormentoso.
Chove,
barruza,
chuvisca,
orvalla,
zarzalla,
marmañisca…
Poucos verbos para tal número de gotas
que, ademáis, veñen a este mundo coa gloriosa misión
de facer que non se estiñe a fonte nin se deteñan as canles,
que existan as fervenzas e os regatos,
que corra o sangue polas veas
e que o mar siga sendo grande,
para que o entendamos como a unha metáfora.
A chuvia non ten ás,
pero parece,
non ten boca,
pero bícanos,
non ten ollos coma os nosos,
pero sabe onde caer para ser abundancia.
Hoxe chega ata nós cun lombo de húmidas promesas.
E ten moito que dicir.
Abre o paraugas!



ORIXINAL

O campo, tantas veces virxe,
publica nestes días
as páxinas profundas doutra primavera.
XULIO GARCÍA RIVAS.  "Xardín XVIII"
Un orixinal de lagos, de congostras,
de agochados matices de verdura
que escalan precipicios,
que furan polas marxes de refuxios ancestrais
ata facérense herba,
rama,
copa…
O campo resucita
na perfección da ave que se eleva,
allea á mirada das súas presas,
na brasa do sol,
nas ribeiras, preñadas de sementes…
En tanto,
eu detéñome a vivir conscientemente,
a non perder un só detalle de beleza
ao pé da uz florida,
dos montes de carpazos,
da salgueira que sostén o canto do ouriol,
segrel de escuras fragas.
Todo xorde nun complot de arte,
de enerxía vital que desconcerta...
E de todo formo parte,
se así o considero.



SOÑOS


Sinto o meu soño
a un metro de min mesma,
a un tiro de lingua de sapo;
xusto despois de xirar o pomo dunha porta.
Segundo din,
XULIO GARCÍA RIVAS. "Árbore do amor".
con el debo marchar cara ao Infinito,
dobrar esquinas,
cruzar cruces,
distraer o pé,
diante da aspereza dunha pedra,
saltar muros,
canles e regatos…
Pero o meu soño non se manifesta,
aínda está por vir,
por achegarse a min, que pido esmola.
Non se albisca nin se toca.
Deixoumo en herdanza
a casualidade,
o roce dunha noite perfecta,
unha onda que se desmelenou no meu xeonllo…
Ademais, posúe tantas caras
que cada norte do seu mapa é distinto,
e uns días,
amañece cuberto de neve, seis centímetros por rama,
outros, a verdegar
nunha insolente primavera de dez pisos.
O meu soño é grande e tamén invisible;
volve sempre
coa gana de condecorar os escenarios dos meus días,
pero marcha sen despedirse,
ferindo as expectativas,
desamañándome o tempo,
que se acurta,
que se perde entre os aplausos dos vivos.




CAOS

Sucede nas lavas dos atardeceres translúcidos,
cando o mundo é máis musical e vespertino.
XULIO GARCÍA RIVAS. Sen título.
Un espiñazo de luces ergue entón a testa
contra a bravura dos ventos perfumados.
Oboes nos bosques,
Tremor nas copas,
Vertixe de vida contra vida…
E eu no caos,
enfocándome no marabilloso,
centrada na experiencia grupal
onde todo o biolóxico
se devora;
onde a materia,
en apariencia, ordenada e metódica,
fagocítase nun clímax de utopías.
Quen nacerá para contemplar o contraluz da parra,
para gobernar os desafíos?
Estrela a estrela, a noite volve de vagar,
respira fondo
e chama unha curuxa e tres morcegos,
disposta a explicar, desde o balcón dunha galaxia,
o misterio da súa lenda.




Con Ana María Fernández e Xoán Babarro na Coruña.


                                                                                                                                                                    ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO