Mostrando entradas con la etiqueta Paseos poéticos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Paseos poéticos. Mostrar todas las entradas

miércoles, 23 de febrero de 2022

PASEOS POÉTICOS (XIII) Paseo no "Día de Rosalía" polo camiño dos versos que acariñan.

 



Aproveitando este 23 de Febreiro, Día de Rosalía de Castro, paseo pola soidade das miñas lembranzas. Rememoro aqueles tempos da descuberta da muller e da poeta que deu luz e substancia á nosa poesía, ou aínda máis, á nosa literatura.

Camiño entre roseiras e moitas flores que recenden a frescura, a palabra agochada entre as herbas, a versos que ateigan de esperanza os meus pasos tan descridos como arelantes de esperanza.


Rosalía de Castro



E Rosalía non é unha poeta máis. Rosalía sempre foi unha escritora que posuía unha forte vocación de poeta. Sempre foi esa muller comprometida coa terra, co tempo que lle tocou vivir. Rosalía de Castro é un símbolo real, por representativa, da literatura galega de todos os tempos.

A publicación, en 1863, de Cantares Gallegos sinala o inicio do Rexurdimento literario galego. É a recuperación para a arte dunha lingua cuxa tradición literaria fora inexistente ao longo de catro escuros séculos.

 

Sento sobre o tronco dunha árbore cunha antoloxía rosaliana, ao bordo do camiño e reparo, unha vez máis, na potencia da súa voz lírica, do seu verso intimista que descobre moitas das posibilidades que se descoñecían arredor da nosa lingua. Se en Cantares Gallegos puxo a poesía ao servizo do social, en Follas Novas (1880) e, posteriormente, no poemario En las orillas del Sar (1884) preséntasenos como unha poeta da intimidade e, co tempo, da fondura universal.

Sigo paseando e véñenme á memoria os fermosos versos que Manuel Curros Enríquez lle dedicara a esta muller loitadora infatigable a prol da verdadeira  esencia dun país moi castigado polas adversidades.

E recito en voz alta:

 

                                                A ROSALÍA DE CASTRO  (1885)

 

          Do mar pola orela

          mireina pasar,

          na frente unha estrela,

Manuel Curros Enríquez
          no bico un cantar.

 

          E vina tan sola

          na noite sen fin,

¡que inda recei pola probe da tola

eu, que non teño quen rece por min!

 

          A musa dos pobos

          que vin pasar eu,

          comesta dos lobos,

          comesta se veu…

 

          Os ósos son dela

          que vades gardar.

¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!

¡Ai, dos que levan no bico un cantar!

 

 

Que emocionante poema lle dedicou o poeta de Celanova, unha das voces máis xusticeiras do seu tempo e un poeta dunha potencia lírica tan evidente.

Érgome do banco e debuxo co dedo no aire un poema que eu incluín no meu Caderno de fume ao sentir en segredo as campás de Bastabales, esas que enchían de soidade á nosa poeta.

 

 


 

Sigo a pasear con pasos curtos. Deixo as pegadas sobre unha terra que sostén o meu corpo e a miña lectura poética nun día tan sinalado.

Daquela, doulle voz a Rosalía para que sexa ela quen loe esas badaladas tan tristes que a fan chorar. Eu non podo evitar escoitar eu ao lonxe a voz lírica e envolvente de Amancio Prada cantando coma ninguén estes suxestivos versos que apuntan ao corazón do ser humano máis sensible.





E un ano máis, desexo fondamente que Rosalía de Castro pase de ser unicamente un rostro nas camisetas, nas cuncas, nos chaveiros ou nas máscaras e os galegos e galegas se decidan a lela como a súa obra merece. Nunca é tarde e xamais perde substancia na relectura.

 


 

Pouco a pouco foi rematando o paseo; porén, síntome feliz e cobro nova vida.

É a maxia da poesía.

É a maxia de Rosalía.




                                                                                                                              O POETA PASEANTE


viernes, 21 de octubre de 2016

PASEOS POÉTICOS (XII) No Paseo do Verso Libre o Poeta paseante atopa a Luís Valle.




Había tempo que non saía pasear pola Praza dos Poetas Imposibles. Desta volta decidín camiñar e fiquei diante da estatua de Mohammed Bennis, poeta nacido en Fez, 1948. Bennis é un profesor de literatura árabe contemporánea na Universidade de Rabat e un poeta de enorme prestixio, ademais dun referente crítico para os movementos intelectuais e culturais do seu país.
 
Mohammed Bennis
     
Detívenme e púxenme a ler un dos seus poemas do libro Vino:

En mi borrachera topé
con muchos rostros.
Supe que habían nacido
en una tierra cuyos límites se pierden
en silencio.
Confundí esos rostros
con espectros
que llamaban a la puerta, golpe súbito
que sobrecogía a la noche
y a la noche siguiente a esa noche.
¡Eh,
tabernero!
Aquí estamos, en busca de vino de Burdeos.
Un amigo sutilmente
parecido a nosotros
vendrá desde su madrugada húmeda.

     
     Cando rematei a lectura, pensei nese amigo que viría (non sería eu, dende logo, pois non bebo viño) na madrugada e pensei nos latexos dos instantes rebordados.
     

Levaba na man o poemario A caída de Luís Valle. Sentei nun banco da praza e comecei a ler:


¡OUH, AS MIÑAS PALABRAS!
Tiradas
            de dados
consumidos
polas esquinas,
                         pisadas
traducións
de beizo leporino.
     
     
     E, de novo, a pensar esta vez nas miñas palabras convertidas en dados. En tiradas na procura da luz. Unha luz que levo a procurar dende que unha noite a gadaña da morte escureceu a miña respiración e encheu de eivas boa parte dunha  vida infantil.
     E volvín ler a Luís:


COMO A BESTA FATIGADA,
apenas movo o silencio.

     
     Falei ben alto para deixar fatigas e mover os meus silencios obrigados. Case berrei. Estaba só na praza. E Luís Valle seguía a dicir:  SÓ A PEDRA SABE / mirar sempre cara a arriba. / É o único símbolo / verdadeiramente / nostálxico.
     
     E novamente reparei  nas estatuas da Praza dos Poetas Imposibles.
     
     Todo semellaba agora revolto. Collín unha pedra, apreixeina forte e soñei cos meus desexos de neno que xa non eran desexos.  Era lume consumido.
     
Luís Valle
     
     Erguinme e albisquei o Xardín do Verso Libre. Polo paseo que me conducía ata alí recoñecín ao poeta que estaba “a devorar pan con silvas na toba sen fondo… Eu, coma el, “enfiei / o alarido / para coser / o libro inimigo / ao peito”. E, tamén, coma el, me decatei de que “son o que cava / dentro de min mesmo. / Aínda así, / o universo / róubame / o lido”.

     Fun achegándome a Luís Valle amodiño. Unha néboa lixeira comezaba  a afundir os paxaros. Quixen falarlle, abrazalo.  E Luís, cargado de espesuras semánticas, comezou a decirme, cunha ollada inquietante que o paxaro que se afunde na néboa “voa errático por un cuarto pintado por un tolo. Relampa e prégase no abismo: sinistro terrón tras a caída”.
     

     
     Nese intre entráronme dúbidas de significados obtusos. E pregunteime para min se eu sería o paxaro ou o tolo que pintou o cuarto.
     Antes ver ou sentir con claridade algunha resposta, o poeta achégase, dáme unha aperta e deixa na miña man este poema:

   


     Que fermoso agasallo!
    
     Sorprendido por tales palabras, sigo andando desconcertado. Mais noto dentro a maxia das tibias, das letras e, mesmo, da respiración do poeta. 
     Daquela, deixo atrás o Paseo do Verso Libre e diríxome á miña casa para descansar e gozar de tanto poema que me deixa atrapado no misterio das verdades encontradas.


                                                                                                                                             


                                                                                                                                            O POETA PASEANTE

sábado, 24 de mayo de 2014

PASEOS POÉTICOS ( IX ) No Día das Letras Galegas. 2014




     Volvo á beira do mar. Por que me está a chamar constantemente? Esa enorme masa de auga exerce sobre min un influxo entre saudable e meiguiceiro.
      
     Hoxe non me baño. Hoxe paseo con dous libros na man.
      

     Un deles acaba de saír: Estrela do norte. Co outro, gocei alá polo ano 1989 (século pasado!) e fora unha descuberta gozosa: Nimbos. Que sorte tiven de que este poemario da colección Dombate (Ed. Galaxia) chegase daquela onda min!
      
     O primeiro, de Luís Rei Núñez. O segundo, sei que non descubro ren, de Xosé María Díaz Castro. Sóavos este nome? Non me cabe a menor dúbida de que si. Si, si, o mesmo.Ese, ese… O poeta a quen lle dedicaron este ano o Día das Letras Galegas.
      
     O Día das Letras Galegas!
      

     Paseo só, unicamente acompañado pola palabra poética: Unha maragota de vidro / na patela que arman os risos, / vinda desde mareáns tolos (…), di o poeta Rei Núñez.
      
     Levo algún tempo matinando nesta celebración. Cando penso a fondo, aparecen suores frías e non me sinto ben.
      
     Penso na literatura galega neste día festivo. Abro ben os ollos e por moito que miro non atopo casetas con libros na rúa, nin xente con libros en bolsas ou baixo o brazo, nin persoas falando galego e de libros. Non vexo ambiente festivo ningún nas prazas arredor dos libros que van aparecendo nas nosas editoriais antes e despois deste día. Estarei cego? Estarei xordo, talvez? Libros, libros…
      
     Pois non, porque vexo as librarías pechadas, os seus escaparates con ningún ou moi pocos títulos na nosa lingua, as fileiras de coches rumbo ás praias. Sinto o sol que me acariña algo despistado. Distingo algunhas persoas de todas as idades atrapadas polos móbiles, outras sentadas nas terrazas das cafetarías, nenos e nenas correndo nos parques. Oio ruídos varios, gargalladas tolas e demasiada xente de costas ao Día das Letras Galegas. Converteuse nun festivo máis. Unha razón, unha data para descansar ou facer plans alleos á literatura.
Marchando cara á praia
      
     Lembro, entón, o día de San Jordi en Barcelona, cunha multitude enchendo as Ramblas, co murmurio alegre da festa, coas rosas nas mans e moitos libros de ben diversos xéneros e temas.  Lembro, tamén, ter aproveitado para mercar poemarios de poetas cataláns. Libros que custa moito, debido á distribución, atopar nas innumerables visitas que fago á miña libraría de confianza.
      
As Ramblas en Barcelona, un día de San Jordi.
     A festa da literatura (e do que non é literatura, claro). A presenza do libro ben preto dos lectores e lectoras. E sinto envexa.
        
     E o noso Día das Letras Galegas, para que? Para facer actos institucionais que soan falsos, superficiais, obrigados, anecdóticos, hipócritas e un milleiro de adxectivos máis. E organízanos os mesmos que non cren na cultura, que a desprezan  acotío, que non teñen o mínimo rubor en recortar os presupostos necesarios para que esa cultura chegue a todos os cidadáns e ao maior número de lugares.

      
     Son os mesmos que non falan galego, que non mercan ningún libro en galego durante todo o ano, que ignoran todo o que  teña que ver coa nosa lingua e cos nosos degoiros de sermos formados na nosa amplísima e rica cultura. A eses e a esas pónselles a boca grande ao falaren de Díaz Castro e pensan que o poema Penélope, do poeta de Guitiriz , non vai con eles.
      
     Vergonza sinto por todo isto. Dáme noxo velos traxeados dicindo palabras ocas, sen substancia.
      
     Non podo escoitalos nese galego forzado que non senten, nin verlles ese sorriso falso co que pretenden enganar o persoal.
      
     Lamentable. Triste. Tremendo.
    
      
Xosé Mª Díaz Castro
     Pensando en todo isto, detéñome e sento nun banco, mentres o mar segue a rosmar ou cantar, que sei eu! sen deixar de reparar na faciana ben fermosa que  que me amosa.
      
     Abro Nimbos. Busco a páxina 41 do poemario e, sen importarme quen me escoite, xaora, porque todos temos afortunadamente algo de tolos, póñome a recitar en voz alta Penélope:


Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envólveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, ¡Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco, o Outono.
¡Un paso adiante e outro atrás, Galiza!

      
     Cando remato, síntome mellor. As ondas semellan rir de min. Mais non o creo. Son argalleiras  e están ledas neste día. Decátome de que cantan en galego. Non vale rir. Évos así.
      
     Sigo a ver automóbiles cara ás praias e veleiros sucando este mar de Vigo, que cantaron os trobadores.
     
     Non quero deixarme levar pola carraxe que peta no meu interior.
      
     Bebo ondas e gozo co pairar das gaivotas.
      
     E volvo á poesía. Leo a Luís Rei Núñez intentando contestar as súas preguntas arredor da cor do silencio:

     A COR DO SILENCIO

   
Luís Rei Núñez
   ¿Onde está a man dun norte,
e un misto na negra sombra?

  ¿Cando manda a fe nun home,
e no medo as ás  da aurora?

  ¿Qué ispe a flor do misterio?

  ¿Cal é a cor do silencio?


      
     Loxicamente, non teño respostas.Nin quero telas. Sigo a ler este espléndido poemario, Estrela do norte.
      
     Póñome en pé e camiño devagar co libro entre as mans, lendo, desta volta para min:

      
     ¿Cómo fundar razóns na casa do silencio, / xordos á voz que cura do fel esquecemento? / Rosalías, Machados, Pimentel, Cunqueiro… / ¡O poeta rebate a tiranía do tempo! / ¿Cómo vivir se nunca existise ese abeiro…
      
     E non me esquezo.
             
                              É o Día das Letras Galegas!
     




                                                                                                                          O POETA PASEANTE

miércoles, 9 de abril de 2014

PASEOS POÉTICOS ( X ) POLA BEIRAMAR, ESCRIBINDO POEMAS BAIXO O INFLUXO DOS FAROS.


Esta vez paseei comigo mesmo. E fundinme co mar. Cos seus murmurios. Co seu rumor.

        Ao lonxe vin o horizonte e, segundo a miña posición, imaxinei unha cidade. Indescifrables eran  as liñas do seu contorno, porque aparecía, diante dos meus ollos cansos, toda cuberta de brétema.

        Foi un paseo poético pola beiramar.Na miña cabeza notaba como se mesturaban as palabras, os conceptos e certas cores máis ben apagadas.
 
Foto de AGT
        Pero atopábame ben. Avancei paseniño, sen deixar de ver o mar.
        Cada volta, sentín  máis o seu bruar ben dentro de min.

        Sentín a súa voz de sal, rouca e agradable a un tempo.

        Sentín os vestidos curtos das ondas que me provocaban coas súas pernas brancas e cristalinas. “Infelices”, pensei, e rin.

        Sentín que as  mareas  me chamaban, como se fosen noites sen varanda.

        Sentín que a vida tiña, no fondo, certas esperanzas de converterse nun océano que apertase bocas espesas e figuras atafegadas polos cataclismos habituais. Que lles ofrecese a todas elas as súas mans de espazo indómito.

        E, apoiado na varanda, pensaba e pensaba naqueles recunchos máis próximos á calma.
Foto de A. Piñeiro

        Sentín que o mar me falaba. Porén, non acadei comprendelo.

        Sentín que me chiscaba os seus ollos de ser misterioso e astuto.

        E non era así. Descubrín uns faros, coma atalaias fachendosas, que vixiaban os movementos mariños.

        Fiteinos dun xeito inquedante, retador. Non puiden soster a súa mirada.
 
Foto de AGT
        Era unha mirada penetrante que me invitaba a deter calquera instinto de enfrontamento.

        Así que recuei.

        Sentei nun banco. Tirei do bolso un caderno e comecei a escribir estes poemas a eles dirixidos.


         Poema1


Din que alumea
o mar  calado
e que nos conta
berros salgados.

Foto de Carmen Corbal.
Din que nos fala
dun xeito vago
dos horizontes
fríos, roubados.

Din que interpreta
cantos  dourados,
verbas  de  luz,
ritmos  pausados.

Faro na noite
acrisolado,
busca  as pegadas
do meu pasado.

        Cando rematei este poema, que saíu coma unha forza que me vencía, volvín ver o mar;  mais este permanecía calado diante desa luz movediza que se reflectía nel.

        Daquela, continuei a escribir pensando nos faros e todo o que aportan na inmensidade das augas.



        Poema 2


O home buscaba o cume
      doutras terras
Foto de Carmen Corbal
      alén do seu cuarto.
Asomouse á fiestra
      e viu unha cidade salgada.
Ao lonxe, un faro.
   Onda el, o gume dunha
                       navalla de bágoas
                  anegaba os seus ollos
                            de brétemas que estragan.
     Pechou a fiestra
                  e sentiu no seu rostro
                               as voces caladas,
                                     as chiscadelas de luz
                                            que o faro
                                                   apoiaba
                                                       na negrura do mar.


        Que dous poemas tan diferentes saíron de dentro!

        Volvín apoiarme na varanda, enruguei os papeis  e guindeinos contra o mar. Axiña, tiven a sensación de ter escoitado unhas gargalladas crueis entre rochas e refachos de vento.
 
Foto de AGT
        Ben é certo que non o puiden asegurar.
        Pero o faro mantiña a súa figura ergueita e desafiadora.


                                                                                         O POETA PASEANTE