martes, 31 de marzo de 2020

VERSOS NO CONFINAMENTO II : Lendo lendas, digo versos

O libro Lendo lendas, digo versos (Edicións Xerais) é practicamente unha obra única, froito da colaboración entre Antonio García Teijeiro e Antonio Reigosa. Este último, investigador incansable da literatura de tradición oral, recolleu e escribiu unha serie de lendas populares galegas que serviron, despois, para que o primeiro argallase uns versos inspirados por cada unha das lendas, ademais de seren acompañados estes textos polas magníficas ilustracións de Xosé Cobas. O libro resultante recibiu a distinción de entrar na prestixiosa Lista de Honra do IBBY en 2018. Nestes dous vídeos, dende o confinamento da súa casa no centro de Vigo nestes días tan estraños, un dos dous Antonios que asinaron este libro le dous textos que podedes atopar nel.

LENDO LENDAS, DIGO VERSOS - Vídeo I




LENDO LENDAS, DIGO VERSOS - Vídeo II



jueves, 26 de marzo de 2020

VERSOS NO CONFINAMENTO I : Bicos e non balas

Nestes días tan estraños nos que, no mellor dos casos, a xente se atopa confinada entre as catro paredes da súa casa, sen saber con certeza o que vai ocorrer nin ata cando continuará esta situación, a poesía é aínda máis necesaria que de costume. Por iso, Antonio García Teijeiro está a publicar en Facebook e na súa canle de YouTube unha serie de vídeos nos que recita textos extraídos dalgúns dos seus poemarios. Velaquí tedes dous vídeos nos que Antonio recita versos dun dos seus libros máis recentes, Bicos e non balas (Editorial Galaxia). 

BICOS E NON BALAS, Parte I




BICOS E NON BALAS, Parte II



viernes, 20 de marzo de 2020

REMUÍÑO DE LIBROS (68) "A pequena compaña", de Carlos Labraña









TÍTULO: A pequena compaña.


AUTOR: Carlos Labraña.


ILUSTRACIÓNS: Óscar Villán.


EDITORIAL: Edicións embora.




A pequena compaña é unha obra teatral cuxo autor Carlos Labraña é de sobra coñecido e premiado no mundo do teatro para os máis novos. Dende a fundación en 1988 do Colectivo Garola, dedicado á creación e montaxe de pezas de teatro infantil, ata os nosos días amosa un longo e fértil percorrido neste eido. Desta volta, A pequena compaña, vén avalada por ter acadado o VIII Premio Estornela de Teatro para Nenos da Fundación Xosé Neira Vilas.
     
     Trátase dunha peza teatral estruturada en dous lances con dez escenas o primeiro e nove o segundo. Neles un elenco  do máis variado de personaxes, dende humanos ata vexetais e mesmo lendarios, coma a Coca de Redondela,  a Serpe Chuchona ou o can Cérbero teñen cabida nesta historia na que se distinguen perfectamente os roles dos personaxes. Os bos e  xenerosos: a Avoa, Xigantón ou o cociñeiro Marrán que recollen e axudan os nenos perdidos e abandonados, por diferentes motivos, dándolles acubillo e protección fronte aos que representan a escuridade, a maldade e o egoísmo.
     
     
Carlos Labraña
Medusquiñas, Pedichón, Soldadiño e Xoaniña son os últimos nenos recollidos na casa da Avoa, pero a súa estadía vese ameazada ao ser descubertos pola Serpe Chuchona e o sapo Papón que devecen por comelos. A única solución é chegar á porta do Alén, pero para iso van ter que emprender unha viaxe na que aprenderán a resolver os conflitos en equipo e descubrirán o significado da amizade.
     
     A través de diálogos dinámicos cunha prosa directa, expresiva e salferida tanto polo humor intelixente de situación e personaxes coma polo coñecemento do imaxinario da literatura de tradición popular, o autor achégalles aos lectores a importancia dunha infancia feliz, sen violencia, indiferenza ou illamento para ter unha sociedade máis xusta.
     
     As ilustracións coloridas de Óscar Villán dotan de vida os diferentes personaxes.

Páx.47:  SOLDADIÑO: “ Onde eu vivía ninguén quería a guerra, agás uns ricos mandóns que a argallaron para facérense aínda máis ricos e máis mandóns. Primeiro levaron os homes e as mulleres á forza a loitar nela e, cando morreron, volveron á procura dos nenos e das nenas.”

lunes, 9 de marzo de 2020

"Be water", de Antía Yáñez, entre a auga e a afouteza.





Be water , de Antía Yáñez, entre a auga e a afouteza



                                                                                                                 Antonio García Teijeiro


Gústame a poesía que denuncia, pero que sexa literatura.
Gústame a narrativa ética, tamén en consonancia coa estética, pero que sexa literatura.
A literatura coma ferramenta para criticar certas realidades, pero sen que se convirta en algo impostado. A tensión narrativa, o feito de enfrontarse ao discurso literario a través de situacións intelixentes e que fagan da palabra un edificio que sexa literatura.

     E Be water é un deses casos que me seducen por posuír as características dunha obra literaria capaz de sinalar, de poñer ao descuberto situacións inxustas a través da creación seria e sen aditamentos

    
Antía Yáñez (Foto de Concha Salgado)
Be water
, escrito por Antía Yáñez, é un relato tremendo sobre unha realidade dura na que un cataclismo- o Gran Cataclismo-  deu a volta a unha sociedade inxusta : a Era Superficial xa non existe  no planeta Terra e a humanidade sobrevive  soterrada nunhas estruturas elípticas chamdas Colmeas. Con dous sectores ben diferenciados, trala catástrofe, atopamos moita represión nunha contorna que non dá opción aos sentimentos.

     Terrible e dura a vivencia nesa Colmea piramidal, obxecto dunha terrible ditadura onde nada é o que debe ser. Unha novela distópica na procura da utopía da liberdade e da xustiza moi ben tecida  pola autora.

      Unha novela de personaxes moi ben construídos: a Raíña (ditadora do abuso do poder, do diñeiro e dos privilexios, alguén que ten afogado o pobo que conseguiu sobrevivir ao desastre).
Unha muller loitadora, Iolanda, que revive os seus sentimentos maternais con Lucrecia,a súa pequeña filla, e busca a felicidade e a supervivencia. A presenza fonda da avoa, muller afouta quen, malia desaparecer nun determinado intre, deixa unha pegada fundamental na neta e no seu curmán, Fabián, porque vén sendo un referente do mundo exterior e, talvez, da ansiada liberdade. Un relato que nos fala da situación da muller e do papel que é capaz de asumir na sociedade malia os atrancos que lle poñen.
    
      E  debemos salientar unha personaxe fundamental (amais de Aquiles): a auga, un ben prezado sobre o que xira boa parte da acción controlada polas elites. Cada habitante ten unha cota determinada dela, sempre exigua nas clases baixas. Non existe o diñeiro en Colmea e todo se compra con auga. Un aviso intelixente da autora sobre o que ocorre con ela no noso mundo. Unha maneira perfecta de denuncia sobre un medio ambiente moi maltratado polo ser humano.
.
Presentación en Vigo na Libraría Cartabón

     Hai un Sector Superior (que domina) e un Inferior, no que os obreiros traballan para acadar auga e así sobrevivir.
Manteñen a orde do Sistema os Abázcaros, educados para non teren sentimentos nin seren débiles.
Pero algo sae mal con Aquiles, o preferido da Raíña, sobre todo ao aparecer un cadáver nun lugar de difícil acceso e atópase fronte a fronte con Iolanda, no intre en que ela, Lucrecia e Fabián dan con el.
Iolanda é unha muller con coraxe que fai dos sentimentos case bandeira.
Ela comenzará a derruír o sistema superando moitas dificultades, entre a cautela e a decisión.

     É Be water unha novela de loita, de desexo de liberdade, de torpedear un sistema tan inxusto ou máis que o que foi destruído.

     Escrita cun rítmo áxil (algo que se agradece), cunha linguaxe ben coidada, non leva o lector ou lectora, a confusión pois está tecida con naturalidade, cunha certa maneira de narrar que amosa que Antía Yañez é a dona do relato. Cunhas pasaxes eróticas moi ben contadas, cunha pugna entre o ben e o mal, entre un sistema amputado e xélido e a felicidade que provocan os sentimentos, o lectorado vai saborear as virtudes da boa literatura. Esa que, pola súa calidade, non precisa de adxectivos.

      Unha novela da conciencia que rexeita a explotación da muller (e do ser humano en xeral) sen dicir máis do que debe (apálpase), que afronta o prexuízo da escaseza de auga, das ditaduras, dos privilexios das clases dominantes sobre seres humanos que viven soterrados e aos que lles custa liberarse.

Pero ten tamén trazos de aventura, de amor maternal e, mesmo, de amor sen adxectivos. Unha novela de rebeldía, de loitas persoais, de camiños a percorrer, coma o de Iolanda, que loita por salvarse (e salvar) e que, malia certa axuda, sabe moi ben que certas vitorias só dependen dun mesmo.

     Os paratextos que encabezan os capítulos non poden ser máis atinados. Palabras moi acaídas de El Perich, Paul R. Ehrlich, Banki-moon ou Jacques Cousteau sobre a importancia da auga, como dixen, un personaxe esencial neste novela.
      Parabéns a autora e a Cuarto de inverno, unha editorial que dá os seus primeiros pasos con solvencia e boa dirección.


lunes, 2 de marzo de 2020

NA COMPAÑA DE... PACO IBÁÑEZ. Sección de Antonio G. Teijeiro no CÍES Podcast

Antonio García Teijeiro ten nomeado en máis dunha ocasión a Paco Ibáñez como un dos seus mellores profesores de literatura e quen lle abriu as portas da poesía. Pode comprenderse con facilidade, entón, o moito que para el supón a amizade que, dende xa hai ben tempo, o vencella ao gran trovador, Desta amizade, precisamente, falou Antonio hai unhas semanas na súa colaboración mensual no CÍES Podcast de Rafa Valero e Guada Guerra. Esta nova entrega da sección Na compaña de... é unha homenaxe á figura de Paco Ibáñez dende a emoción e o amor pola música e a poesía, inseparables na obra de Paco. Se vos interesa, podedes escoitar a Antonio nesta ligazón, a partir do minuto 22.