martes, 29 de marzo de 2022

Relatorio de Antonio García Teijeiro, "A poesía dende a miña voz", nas Xornadas GÁLIX. "Desfacendo a raia".

María Canosa inicia o acto do relatorio



Os días 15 e 21 de febreiro tiveron lugar as “Xornadas GÁLIX. Desfacendo a raia”, desta volta dedicadas á poesía que se fai para as nenas e os nenos en Galicia.

Co nome de Poesía cargada de futuro para as futuras xeracións, reunímonos en varias palestras mulleres e homes que levamos xa un bo tempo escribindo para as crianzas e a mocidade.

 




Eu tiven a fortuna de ser presentado e conversar coa escritora, querida e admirada, María Canosa, con quen sempre é un pracer compartir un acto calquera.

 

O meu relatorio, A poesía dende a miña voz, consistiu fundamentalmente en falar de como descubrín a poesía, tras unha formación de costas a ela, como comecei a ler poetas que me deixaron pegada dende o principio e como todo iso marcou a miña vida. Contei, tamén, a introdución dos versos nas miñas clases e a diferente evolución da poesía castelá á galega e a necesidade que me levou a escribir poesía infantil a partir da utilización nas aulas de Os soños na gaiola, de Manuel María.


 

Tras o relatorio, iniciamos María e mais eu unha conversa sobre os temas tratados, todo salferido por poemas meus e alleos.

 

Moi necesarias estas xornadas de GÁLIX, porque se a literatura infantoxuvenil precisa visibilidade, non digamos a poesía e mais o teatro.

Un acerto, pois, da direccción desta asociación que traballa firmemente a prol da literatura galega.

No vídeo que segue a esta información, podedes atopar a miña intervención completa.










jueves, 24 de marzo de 2022

ENCONTROS 2022 (1) No IES de SANXENXO (BALTAR)

 



O mércores, día 23 de marzo, visitei o IES de Sanxenxo (Baltar) para conversar e vivir unha xornada poética arredor do mar cos alumnos e alumnas dos tres Primeiros de ESO deste centro.


Foi un acto de fondo espírito lírico, no que eu fun presentando a Triloxía do mar, formada polos poemarios En la cuna del mar, Poemar o mar e Palabras do mar.



Con Rafael Alberti como referencia, faleilles do meu encontro coa poesía, a importancia da mesma na miña vida e o desexo profundo de escribir versos e de facer partícipe o alumnado da súa importancia na formación dos seres humanos.



Linlles uns poemas de Marinero en tierra, do poeta gaditano, varios poemas da triloxía, fixemos algunha proposta lúdica oral e escribimos un par de poemas conxuntos no encerado da aula.



Houbo preguntas arredor da miña traxectoria poética e a mañá foi pasando, insistíndolles a necesidade da poesía nas súas vidas.


Un banzo máis nesa escaleira interminable de acadar que os poemarios estean nas aulas e que a lírica ocupe un lugar importante na docencia de hoxe en día.




lunes, 21 de marzo de 2022

NO "DÍA DA POESÍA", UNS POEMAS DE "DE POMBAS E BOLBORETAS" E "NO XARDÍN DO POETA" DENDE A MIÑA VOZ.

 



Polo xardín do poeta andan a voar pombas e bolboretas.

Non, non é un verso fácil para que quede bonito.

Non, non.

Ilustración de Víctor Rivas


É que é certo. No xardín do poeta (Ed. Xerais), ilustrado por Víctor Rivas, acaba de aparecer uns días despois de que vise a luz De pombas e bolboretas (Ed. Embora), ilustrado por María Lires.

De aí que anden todas algo excitadas por voar polo xardín dun poeta, Federico García Lorca, con quen conversei a partir duns seus versos nun exercicio poético moi gratificante para min.

 

Ilustración de María Lires

E, claro. Todas pelexan por pousarse nos pétalos das flores, beber nas súas fontes, camiñar polos carreiros, abanearse nas ponlas das árbores e respirar ese aire poético que tan ben fai a todos os que o proban.

 


Para que ese voo das pombas e das bolboretas chegue a todas e todos vós, velaquí uns poemas en dous vídeos dende a miña voz de ambos os dous poemarios.


Espero e desexo que teñades desfrutado con estes poemas e que a poesía permaneza sempre nas vosas vidas. Que o Día da Poesía nos leve a poñer un poema, alomenos, na nosa vida cada día.


Ilustración de María Lires



miércoles, 16 de marzo de 2022

ONDE O MUNDO SE CHAMA CELANOVA: UNHA CONVERSA SOBRE A POESÍA DE CELSO EMILIO FERREIRO

Celso Emilio Ferreiro é unha influencia ben grande na poesía de Antonio García Teijeiro, pois o celanovés foi un dos poetas galegos que máis pegada ten deixado na concepción poética de Antonio. Isto fica claro, non só nos seus poemarios, senón tamén no seu labor de escolma e de estudo académico. 

 

     Non hai moito, convidei a Antonio a participar nunha conversa arredor da poesía de Celso Emilio, centrada nesta ocasión en Onde o mundo se chama Celanova, o seu derradeiro poemario, publicado en 1975. Amais de partillar algunhas lembranzas sobre a súa relación de amizade con Moraima, Antonio comenta os elementos poéticos máis salientables dun libro que é case unha síntese da poesía ferreiriana. 

 

Antonio tamén le algunhas das composicións do poemario, que inclúe unha sección, ese Diario de a bordo composto en 1972, no que Celso Emilio afonda en temas filosóficos e recoñece en versos de gran fermosura a importancia que Moraima tivo ao longo da súa experiencia vital. Se vos interesa, podedes achegarvos á conversa neste podcast que deixamos aquí abaixo.






ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ 


viernes, 11 de marzo de 2022

ESCAPARATE POÉTICO (CXXXIV) María Álvarez Landesa

 





                                 MARÍA ÁLVAREZ LANDESA (Vigo, 1970)

 

 

 


O MEU NOME

 

O meu nome consolídadse cando me pronuncias.

Toda eu gaño consistencia e unha ledicia descoñecida arríncame

da crisálida na que adormecía.

María Álvarez Landesa

 

 

 


SOLPOR ANUNCIADO

 

Entre as miñas mans, caricia cálida de veludo gris.

Ronronar doce nun salón que espera o solpor.

Suavidade cotíá de final do día.

Unha cunca en data de nacemento

agarda presumida os beizos dun sol decadente.

E nunha explosión de luz dourada,

un peixe de prata pintado de ilusión

refulxe na parede do mar.

 

 


UN BICO ESPECIAL

 

Liña inclinada de caligrafía leve nun papel en branco.

Agarimo suave de tinta vermella bicando os meus ollos.

                                 Un bico especial.

                                    Catorce letras.

                                    Tres palabras.

                                         Especial.

                              Un adxectivo impreciso

                         enfeitando un substantivo de mel.

                         No meu berce de lúa leo cos beizos

                                      esa ringleira sinxela

                                              escrita para

                                                     min.

                                  u-n-b-i-c-o-e-s-p-e-c-i-a-l

 

 

 

 

PUNTO CERO

 

Un abrazo virxe, sen antes nin despois.


Un agora renovado.

Folla en branco infinita que quere escapar

das voces impuras e impostas.

Nada que contamine con palabras nin brazos

a pureza do único momento que existe.

Facer perdurar

nun futuro eterno

este presente pasado.

 

 

 

 

(Do libro Como dúas crebas, editado por Medulia Editorial, 2022)


martes, 8 de marzo de 2022

CARTAS ENTRE DOUS AMIGOS: O EPISTOLARIO DE ÁLVARO CUNQUEIRO A FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO, 1949-61

Ao longo de máis dunha década, entre 1949 e 1961, Álvaro Cunqueiro enviou case un cento de cartas ao seu amigo Francisco Fernández del Riego. Eran intres difíciles para Cunqueiro, trala súa volta a Mondoñedo despois dun tempo en Madrid e trala separación da súa dona. Estas cartas a Del Riego supuxeron para el un contacto co mundo exterior e, sobre todo, co ambiente cultural galego que entón emanaba de Vigo, onde vivía Del Riego. Grazas a unha excelente edición de Dolores Vilavedra publicada hai xa un tempo pola Editorial Galaxia e titulada Cartas ao meu amigo, podemos gozar deste epistolario que nos abre tamén unha fiesta ao proceso creativo dun dos escritores máis valiosos do século XX. Neste vídeo, Antón García-Fernández comenta en profundidade o epistolario e salienta ademais o papel de Del Riego como verdadeiro editor de Cunqueiro nunha época na que o mindoniense estaba a xestar obras coma o Merlín, o Sochantre ou o Don Hamlet.




jueves, 3 de marzo de 2022

DARDO POÉTICO (LXXXI) "Ana Fachini reflexiona sobre a poesía + 1 poema"

 



REFLEXIÓN SOBRE A POESÍA

 

 

Adoitamos preguntarnos que é a poesía. Investimos moito tempo e esforzo en tentar definila, analizar as súas características, clasificala e explicala. E case sempre sen éxito, na miña opinión, porque ou ben teorizamos sobre conceptos vagos e abstractos, sen dar atopado as palabras precisas para nos facer entender e afastándonos da súa verdadeira esencia; ou ben, no mellor dos casos e aínda sen pretendelo, rematamos por facer poesía.

 

Talvez a cuestión sexa que resulte imposible falar de poesía sen crear poesía a un tempo. Ou quizais o que ocorre é que a nosa teimosía en querer domeala, etiquetala e escudriñala carece totalmente de sentido, cando o único que deberiamos facer sería ler, escoitar, compartir, cantar, xogar e respirar poesía.

 

Permitírmonos sentir e máis nada. Entregármonos, sen reservas, libres de todo prexuízo, deixándonos levar pola musicalidade e a beleza das palabras, pola emoción da nosa propia voz, dispostos a atrapar coa nosa ollada a poesía que vive en todo o que nos rodea. E deste xeito, converternos, nós mesmos, no máis fermoso dos poemas.

                                                        

                                                                                     Ana Facchini


Ana Fachini




Todo iso e moito máis.

 

          Un gran berro no silencio.

            Un ramallo de lembranzas.

Un oasis no deserto.

       Un pedazo da túa alma.

 

    Asomarse a un precipicio.

 Escalar altas montañas.

  Un encontro inesperado.

         Sementar cantos de infancia.

 

A beleza feita ollada.

Unha bóla de cristal.

       A tormenta das entrañas.

     Conxugar o verbo amar.

 

Un sorriso azul no ceo.

Darlle ás ao teu maxín.

   Baleirarse por completo.

  Pensamentos danzaríns.

 

Malabares de palabras.

          O máis grande dos misterios.

  Apostar a todo ou nada.

      Atreverse a non ter medo.

 

Un latexo acompasado.

Unha meta que acadar.

Atopar o teu espazo.

Aprender a camiñar.

 

         Un papel que cobra vida.

Arrepíos na túa pel.

     Bolboretas na barriga.

    Levantarse tras caer.

 

              Comprender que nada sabes.

     O universo na túa man.

    Un pastel de chocolate.

 Espertar cada mañá.

 

   Ir descalzo pola area.

     Bicos con sabor a mar.

      Perfumarse de alegría.

 aprender a camiñar.

 

  Todo iso e moito máis,

      cen mil cousas pode ser.

 Se ti a queres atopar,

   mira ben ao redor teu.

 

    Dime logo que será    

  se comeza por un P

 

                     

martes, 1 de marzo de 2022

UNHA NOVA GADOUPADA DO MAR: "O Villa de Pitanxo" naufraga nas augas de Terra Nova". Poemas sobre o rostro escuro do mar.

 



Xa están de volta os que puideron volver. Tres.

Xa están de volta nove cadáveres.

Moitos máis permanecen nos espazos descoñecidos que o mar presenta moi a miúdo.

Familias rotas. Impotencia. Dor, moita dor. E o mar segue sendo o mar coas súas facianas diversas.

Unha vez máis, ese mar condenado cobrou as súas vítimas.

Outro suceso de loito tras unha vil gadoupada dunhas augas que, dende hai ben tempo, son moi traidoras.

O mar, si, é plasticidade, paixase amable, fonte de alimentos, apertas de auga e sal, si; pero tamén é morte, perigo, anguria e loito.

Isto e moito máis sinto perante o terrible naufraxio do Villa de Pitanxo nas augas crueis de Terra Nova.

 

 



Fermoso o artigo en La Voz de Galicia de Víctor F. Freixanes sumándose e evocando a voz dos poetas para reflectir a dor que lle produciu o terrible naufraxio que se levou por diante vidas humanas.

 

 




Os que me coñecen saben moi ben o que o mar significa para min. Porén, non son tan inxenuo de considerar ese mar como algo bucólico e pintoresco unicamente. Xa en 1996 no meu poemario tan querido, Na fogueira dos versos, escribía eu este poema no que salientaba un dos rostros negros dos océanos.

 

 



E en 2016, no meu libro Poemar o mar incluía outro poema que amosaba de novo esa faciana que o mar ten de devorar aos seus fillos.

 

 


 

A tristura invádeme fondamente.

Amo e odio o mar nestas circunstancias.

Téñolle moito respecto, medo -nalgúns casos- e sinto por el un desexo enorme de fundirme coas súas esencias.

Pero en situacións coma estas, repudio o seu comportamento e fico desanimado vendo as súas consecuencias.

Cos homes e mulleres do mar, SEMPRE!




                                                                                                                                             ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO