jueves, 18 de junio de 2015

FIESTRA ABERTA (2) . Sesións poéticas no Colexio Possumus (Vigo).


     Sesións poéticas na escola. Un soño. Un gozo profundo.
     Si, un soño que se vén cumprindo estes dous últimos cursos. Queda un terceiro e ¿adeus? Non o sei. Non podo responder. Non depende de min.

     Entre rapaces e rapazas de Secundaria ( de 1º a 4º da ESO) vou lanzando versos ao aire e a esencia dos mesmos cae coma chuvia miúda sobre as súas cabezas, sobre os seus corazóns, sobre o espazo que habitan.

     A poesía non se ensina. A poesía fíltrase. E fíltrase se a escoitan en voz alta, se buscan poemas cos que se poden identificar, poemas cos que xogar, cos que soñar, poemas que interiorizan, que fan seus. Eu limítome a crear un lugar común no que a palabra sexa o centro.

     Palabra divertida. Palabra fonda. Palabra sutil. Palabra rouca. Palabra que sinala. Palabra que aloumiña. Palabra garimeira. Palabra seca. Palabra-luz.

     E unha vez que se van filtrando os versos, doulles ferramentas para que dean forma a ese líquido poético que os acariñou.

     Resulta emocionante ver a evolución curso a curso. Porque a emoción se converte nun eixe que salfere o que tocamos. Coa música, coa rima, co verso libre, coa prosa poética, coa reescritura, coas glosas, con transformacións léxicas... con isto e máis, tecen discursos líricos que che fan pensar que a poesía para eles permanecerá decote desprovista de adxectivos como ridícula ou cursi e serán adultos que, como mínimo, a van respectar. E non é pouco nos tempos que estamos a vivir e outros xa vividos.

     Trátase de educar sensibilidades, de que crean neles mesmos, de que teñan autoestima a través da literatura. E abofé que se conseguen obxectivos. Vexamos algunhas mostras do que digo. Libremente responderon á miña proposta de publicalos en Versos e aloumiños. Non buscamos a excelencia, senón a ilusión de crear.


     Así que, obxectivo cumprido.



Eles e elas escriben isto:

                    
                   (Tic-tac, Tic-tac)
Nicole
Nos queda un largo camino
pero somos los dueños del destino
                   (Tic-tac, Tic-tac)
El vaivén de las agujas intrépidas
no cesa y no espera a nadie
                    (Tic-tac, Tic-tac)
Los cobardes son sueños divididos
separados valen mucho menos
                   (Tic-tac, Tic-tac)
Los valientes son los que lloran
con la cara a la cruel intemperie
                    (Tic-tac, Tic-tac)
El viento grita y nos eleva hacia el futuro…
                    (Silencio, Eco)
            Es nuestro destino
nosotros no somos esclavos del tiempo
             ni del mar oscuro…

                                                                      NICOLE DOURAL DOMÍNGUEZ





De ti a min un mar de dúbidas
Uxía
onde  os cantares quedan afogados
cos recordos do pasado.
Mentres, no vidro da xanela
escoito o bruar dos navíos
e atópome nun labirinto
do que non sei saír.
Entre ollos sombrizos
e rostros mancados
intento matar de esquecementos
aquela mente teimosa que tiñas.

                                                                                     UXÍA  PEIXOTO  GONZÁLEZ






Esmorecen os meus días,
recordos do pasado
voan como paxaros
polo presente que eu vivo.
Jenny

Luceiros de olliños cegos,
rompen os muros do silencio,
verbas, palabras e versos
latexan nun abismo apaixonado,
un abismo cheo de engaños
que fan brillar as ausencias
como alegres cantigas.

E a brisa da eternidade
transportoume a aquel verán
onde o ceo e o eco do silencio
se esqueceron de soñar.

                                                                  JENNIFER  RODRÍGUEZ  LAGO




De min para ti,
Marta
núa choiva.
Hoxe para esquecer
a franxa  de bágoas,
ti, puñal escuro,
ondas de laios.

De min para ti,
día digno.
Escuro soño
dun exército noctívago
embelece algo de min,
mentres dormes na alba.

                                                                                MARTA  OTERO 





Diego
No sé, si
entre tus labios
hallaré el fuego
que no quema.

No sé, si
entre tus ojos
miraré el agua
que no moja.

No sé, si
entre tu pelo
encontraré el viento
que no sopla.

Sí, sé, que
entre tus manos
pierdo todos
mis sentidos.

                           DIEGO  FERNÁNDEZ


                                           PAULA  CABAÑAS

E Paula ama a música e comeza a compoñer. Letra e música son dela nesta fermosa canción, "Esencia", que cantan os seus compañeiros, os alumnos e alumnas de 4º da ESO do Colexio Possumus.



                                                                                                   ANTONIO  GARCÍA TEIJEIRO