martes, 9 de junio de 2015

A TENRURA E A CURIOSIDADE NUN NOVO LIBRO DE PACO MARTÍN MIRANDO CARA Á LIBERDADE

    

      A rula, o peluche e a nena  é a historia dunha rula moi curiosa. Pero que moi curiosa.
     Airosiña, que así se chama, foi a primeira das irmás en botar a cabeciña fóra do  niño feito polos seus pais na póla dun vello carballo que había por tras dunha casiña de fiestras verdes.
     E que viu Airosiña, ademais do ceo, das nubes e da silueta das montañas ao lonxe?
     Pois os cristais que pechaban unha galería e, a través deles, un oso de peluche.
      Ese foi o punto de arranque dunha fonda amizade. O  comezo dunha historia marabillosa escrita co bo saber e a sensibilidade dun dos máis grandes escritores da nosa LIX: Paco Martín.
     
Paco Martín
     O noso autor tece un relato no que fai das descubertas e da tenrura o centro do mesmo. Salferido, ademais, cun lúcido diálogo con Jimena, vai contando o nacemento desta nena entre trazos de aventura e de curiosidade. Esta curiosidade que levará a Airosiña (e a súa irmá, Voandeira) a descubrir diversas características vitais dos seres que poboan o mundo.
     Enxeñosa a maneira de contar, por exemplo, quen lles pon nome ás rulas, que son as tías (si, si, as irmás dos pais ou nais), que son os papaventos e de que materiais están feitos, que son as rodas e algunhas cousas máis.
 
Ilustración de Belén Martín
    E Quemitraste, que ese é o nome do oso, vai abríndolle os ollos a Airosiña con simpatía, con agarimo e, aínda que algunhas veces parece algo pedante, entre eles comeza o que será  unha fonda amizade que  vai ser moi positiva para os tres personaxes desta historia.

     Na casa onde vive o peluche vai nacer unha nena. E Airosiña decide quedar alí ata que naza. Coa axuda de Voandeira vai gardando nunha caixa de madeira grans e outras sementes para cando chegue o inverno e non poida saír na procura de alimento.
     Voandeira e os seus pais marcharán polas rotas do sur ao chegar o frío, pero ela non. Ela vivirá agochada preto de Quemitraste para gozar do nacemento da pequecha. Porén, tamén o peluche sairá gañando con todo isto, algo que o fará feliz. Algo que os lectores e lectoras do conto descubrirán con deleite. Airosiña e Voandeira serán as "culpables" desa felicidade.

Ilustración de Belén Martín

     Paco Martín, unha vez máis, escribiu un relato moi rico literariamente (linguaxe coidada e viva, forma novidosa para estas idades, personaxes ben deseñados, situacións magnificamente construídas...) e ateigado dunha tenrura que envolve cada aventura, cada momento, cada pasaxe.
Na presentación, Paco comentou o seguinte: 
     «A rula representa a ansia de liberdade, que tamén ten o peluche, que vive arrombado no cuarto da nena, mais ao que lle gustaría viaxar e coñecer o mundo, o que conseguirá grazas a axuda de Voandeira, outra rula viaxeira. Pensei que a rula e o peluche facían unha simbiose bastante agradable.»
     
Con Manuel Bragado na presentación do libro en Lugo

     Unha historia para ler e para contar. Unha invitación para emocionarse e para gozar, cunhas ilustracións de Belén Martín, moi vivas, que acaen perfectamente ao espírito do libro.
     "A rula, o peluche e a nena" é  unha historia tenra que engaiola e que ole a liberdade.
     Unha historia fermosa que nos permite respirar o aire puro da boa literatura.



                                                                                                                        ANTONIO  GARCÍA   TEIJEIRO