viernes, 26 de junio de 2015

ESCAPARATE POÉTICO (LI) Xosé María Álvarez Cáccamo (2)



                     XOSÉ  MARÍA  ÁLVAREZ  CÁCCAMO  (Vigo, 1950)



CONSIDERANDO, pois que os feitos que se indican  poden
     ser constitutivos de delito, ordeno

que vos sexa retirada palabra e dereito de instrucción,
Xosé Mª Álvarez Cáccamo (Foto de Anxo Cabada)

que vos poñan voz acusadora e ferros fiscais e luvas quentes nas mans,

e que vos neguen terra desde esta parte ata a raia do mar
     en vintecinco metros da chea máis alta, e que vos
     falte a música,

e que as linguas se confundan para que non saibades
     nunca rematar a torre, así cando ún precise arxila
     entreguen xabre e terra negra e sucumba a construcción
     desde as alturas,

e que tres veces vos sexa negado auxílio ou recompensa,

e quen ouse auxiliar ou ceder a tentativas de imitación
     sexa tamén castigado,

e lle retiren asimesmo palabra, música, dereito de instrucción

e se lle negue a todos os que así procederen

o reducto cativo do circundo onde pretendan

cultivar algunha rosa branca.






É vosa filla   nai
baixando feita neve por un río de oucas
metida nun caixón onde se arranxan
diminutas industrias
falaba con gramática dun cristal amazónico
sabia das outras beiras pero conciliadora
cos idiomas de noso para non dar tristura sobre tristura


unha noite o seu corpo fora deitando peso
e camiñaba leve como folla de outono
con pasos que eran danza


eu dormía escoitando
a traslación secreta culpábel do seu tránsito


e de mañá qué branco
sol deitado na erba como un ferro de xelo
a miña irmá que nunca!







                                                                                            (Do libro Os cadernos da ira, editado por Espiral Maior. 1999)