martes, 30 de enero de 2024

ANDEL DE NOVIDADES (10) Dous libros para o lectorado novo sobre Luísa Villalta, a quen se lle dedica o ano 2014 o Día das Letras Galegas

 



Estamos no “Ano Luísa Villalta” e temos que agradecer a Edicións Xerais de Galicia a publicación de dous libros sobre a autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas.

Son dous volumes atraentes que nos achegan á vida e á obra da poeta e que están pensados para o lectorado novo.

É moi necesario que os lectores e lectoras de Galicia coñezan estas figuras literarias que tanto fixeron pola nosa cultura.

 

O primeiro deles, Luísa Villalta, melodía de palabras, (Col. Merlín) está escrito pola interesantísima escritora  María Canosa con ilustracións de Laura Romero. Ao longo de 78 páxinas, María Canosa converte nunha partitura os feitos máis sobresaíntes da poeta coruñesa falecida no ano 2004. 

Dende o Pentagrama inicial ata a Harmonía final, a escritora vai salientando aspectos fundamentais da vida de Luísa Villalta, así como o seu carácter, xogando coas notas musicales. E nós, coma lectores, desfrutamos da DOzura da poeta, do REservada que era, da MIlitancia e a aMIzade. Coñecemos a súa obra SÓLida, a súa Formación académica e sentimos o LAtexo e o SIlencio dunha muller que fundiu coma ninguén dúas paixóns: música e poesía.

Remata o libro cuns poemas extraídos de dous dos seus poemarios: Música reservada (1991) e En concreto (2004).

Interesantísima, tamén, a presentación audiovisual, por medio de código QR, onde María Canosa fala sobre Luísa Villalta.

 

 O segundo libro que nos chamou a atención leva por título Alma de violino. É un álbum precioso escrito por dúas mulleres sensibles e coñecedoras da vida de Villalta, Beatriz Maceda e Eli Ríos e ilustrado por Laura Suárez.

É este un traballo atractivo de achegamento á poeta para os pequenos e pequenas lectoras.

A través dunha personaxe, Alma, que sae dun violino, cóntase a historia que agroma á beira de Luísa Villalta: a das nosas palabras favoritas. Un enfoque orixinal que parte da frase inicial do libro: as palabras gardan as memorias de todos os tempos.

Así a rapazada coñecerá a paixón de Luísa pola música e que, co seu violino, nos levaba a calquera lugar onde voase a imaxinación.

 Cóntanos, así mesmo, a importancia das palabras na vida da poeta; esas palabras que ás veces parecen mesmo que andan soas polo mundo, pero que aparecen alí onde fan falta. Cando  escoita esas falas entende que están nelas as súas raíces. E sabemos da importancia de Galiza e os silencios escoitando a vida nos seus paseos pola Coruña.

Queda moi claro sempre o compromiso de Luísa co seu país e a súa rebelión contra a inxustiza, os conceptos de liberdade, da escrita, a cidade cos seus ruídos, palabras, accións pero sempre como lugar único e máxico.

 Unha historia fermosa, moi poética e moi directa ao tempo que permite que o lectorado se faga unha idea real da vida e da personalidade desta marabillosa muller.

Sen dúbida, coma no título anterior,un acerto das autoras o enfoque que se lles dá a estes libros.

Todo iso, ademais, complementado polas magníficas ilustracións de Laura Suárez, con moito colorido e moi vivaces que fan moi agradable o feito de pasar as páxinas, lelas e gozalas esteticamente.


martes, 23 de enero de 2024

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (LXXXVIII): "Cando o avó esqueceu o meu nome", de Rosalía Morlán

 




                                     ROSALÍA MORLÁN VIEITES (Trazo, 1959)

 

 

O MUNDO DE NADA

 

     Cando o avó

esqueceu a miña cara

    e quedou perdido

no mundo de nada,

cando o esquecemento

  lle roubou as ganas,

    quitoulle os soños

e agochounos en caixas,

cando me decatei de que

    pouquiño a pouco

se esvaecía a súa ollada,

   abraceino moi forte

      e camiñei con el

    repetindo palabras.

 

 

 

OS CAMIÑOS DA ALMA

 

     Cando o avó

esqueceu a súa casa

Rosalía Morlán
e marchou sen rumbo

sen saber que buscaba,

     collino da man

e percorremos xuntos

os camiños da alma.

 

 

O SEU CABALO

 

Contome un día o avó

a historia do seu cabalo,

     cando el asubiaba

corría lixeiro ao seu lado.

   Que amigo tan nobre!

    que gran compañeiro!

   Con el compartiu o avó


pequenos e grandes segredos.



Ilust. MªBelén Rodríguez Pazo


MENTRES ME CANTABAS

 

     Quedei durmida

     cuberta de bicos,

 mentres me cantabas.

  Escoitando a túa voz,

      ollando a túa cara,

        fiquei adormecida

    mentres me cantabas.

 


(Do poemario Cando o avó esqueceu o meu nome, editado por E.Galaxia e ilustrado por María Belén Rodríguez Pazo)


lunes, 8 de enero de 2024

FAÍSCAS (17) "CONCHITA, A PEGADA INDELEBLE DA POESÍA". Un artigo de Noa García Garrido.

 




No IES Escolas Proval (Nigrán) decidimos comezar este curso con actividades de voluntariado. Emma Barbosa, a profesora de Economía, foi a iniciadora deste fantástico proxecto, que está vinculado ao programa Bibliotecas Escolares Solidarias. A primeira iniciativa que levamos a cabo foi o pasado 18 de decembro e consistiu na visita á  residencia de maiores Vila do Conde, situada en Gondomar. Alí o alumnado interpretou cancións populares galegas e recitou poemas de grandes voces da nosa literatura, como Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Ana María Fernández, e, por suposto, Antonio García Teijeiro. O entusiasmo e o agarimo amosados polos estudantes mentres declamaban fixeron que moitos residentes se emocionaran e incluso nos pediran cantar o himno galego.

     

Un momento do tan emotivo acto


     Cando rematamos a actuación, empezamos a interactuar co público, e eu achegueime a unha muller, Conchita, coa que conectei dun xeito moi especial, pois díxome que era unha gran amante da poesía. A medida que iamos falando de literatura e de música démonos conta de que compartiamos a admiración por artistas como Alfonsina Storni, Víctor Jara ou Mercedes Sosa. Conchita contoume que a ela lle apaixonaba escribir poesía, pero agora xa non podía facelo. Esta incapacidade debíase a que había uns anos fora sometida a unha operación que non saíra ben e perdera moita mobilidade nas pernas e nas mans. Cando soubo que non ía poder escribir, sentiu unha angustia moi fonda. Comprendín perfectamente a súa frustración, porque, como ela corroborou, escribir é un acto íntimo que brota da sensibilidade individual: non é posible ditarlle a outra persoa o que queremos plasmar no papel.

     En palabras de William Wordsworth, a poesía é unha explosión de sentimentos reunidos en tranquilidade, e só quen viviu esas emocións pode transformalas en verbas líricas. A pesar da impotencia que sente Conchita, ela é unha muller forte e afouta que se solidariza coas causas inxustas, como me demostrou cando falamos da guerra de Ucraína ou do xenocidio da Franxa de Gaza. A súa vitalidade é realmente contaxiosa: oxalá todo o mundo denunciase de maneira tan firme os abusos aos que asistimos cada día.

     Despois de compartirmos impresións sobre a actualidade e sobre distintos detalles da súa vida, Conchita fíxome un agasallo moi especial: recitoume de memoria un poema que escribira de nova. Esta composición fora publicada nunha revista chamada O berro, editada pola asociación de veciños de Cabral. 

O poema está dedicado a Vigo e di así:

 

De Cabral os seus piñeiros,

de Lavadores os campos,

de Bouzas as súas ondiñas

e de Castrelos o pazo.

Piñeiros, pazo, ondiñas

e verdes e doces campos

levádesme o pensamento

cando lonxe de vós ando.

 

     Ao escoitar a Conchita rememorar o seu poema, empaticei coa súa nostalxia e sentinme moi conmovida polo amor que transmiten estas verbas cara ás parroquias da nosa cidade. A alma lírica desta poeta non esmorecerá nunca, porque a súa extraordinaria sensibilidade traspasa as limitadas fronteiras do papel.

                                                                                                                            Noa García Garrido