miércoles, 25 de enero de 2023

ANDEL DE NOVIDADES (6) "Pequena Mitoloxía de Galicia", escrita por Xosé Miranda, Antonio Reigosa e Xoán Ramiro Cuba



Ter nas miñas mans a Pequena Mitoloxía de Galicia non só me produce unha inmensa ledicia, senón que considero que a reedición que acaba de facer Edicións Xerais resulta dunha necesidade e dunha importancia incuestionables. A primeira edición viu a luz no ano 2001 e, esgotada,  conviña traela á actualidade pola súa importancia.

   Unha vez máis, a creación da colección Seica supón un acerto, pois nela aparecen volumes de indubidable interese e de temas diversos moi ben tratados.

     

Escrita polos prestixiosos investigadores da nosa literatura tradicional Xosé Miranda, Antonio Reigosa e Xoán Ramiro Cuba, este libro resulta verdadeiramente fascinante.  Se nos introducimos nas súas páxinas, deixamos de momento o mundo real e sentimos o poder da maxia popular.

Damos no volume con cidades asolagadas (quen non escoitou algunha vez este fenómeno?), cun bergantín pirata aló polas Cíes, co sacaúntos, cos biosbardos, coas xacias, coa muller-carneiro ou co rabeno.

Nestas follas coñeceremos o que agocha o Pico Sacro, que hai no mundo subterráneo, lembraremos o Cocón, ese ser co que nos ameazaban se non durmiamos axiña: E durme, neniño, / que vén o Cocón;/ vai levar o neno/ que non dorme non. E quen é Mariamanta? Onde se atopa a Lucerna de Valverde? Como son esas tres doncelas transparentes?

Como din os autores no limiar do libro “queremos tratar dos habitantes imaxinarios de Galicia, os habitantes dun mundo máxico, que non é distinto do real, ou que polo menos non está moi lonxe deste, e pode entreverse algunha mañás, entre os raios de sol que perforan a néboa”.

Coñecer a nosa literatura máxica e tradicional fainos máis conscientes do espírito da nosa terra. Axúdanos a comprender de onde vimos e que camiños nos quedan por percorrer.

Edición de 2001

Hai moito saber na literatura de tradición oral e é a nosa obriga coñecelo. Faranos máis felices, máis imaxinativos e valorar moito máis o noso, que, como todas as culturas do mundo, posúe un selo especial que nos emociona.

Completa o libro unhas expresivas ilustracións en cor de Sr. Reny.

Un libro delicioso que nos fará pasar momentos de verdadeiro pracer.

                                                                                                                          Antonio García Teijeiro




viernes, 20 de enero de 2023

A BUTACA DO LECTOR (15 ) "Días de intemperie", de Antón Riveiro Coello

 



Nada lle gustaría máis ao Lector que os libros que tocan a violencia bélica fosen só novelas ou relatos de ficción. Pero a ficción procede dunha realidade cruel que non cesa.

Cando o Lector dá cun autor ou autora comprometidos co ser humano e o seu tránsito pola vida, sabe que as súas obras están tocadas por situacións ás que non poden darlles as costas.

Acaba de saír do prelo un novo libro -desta volta de relatos- dun dos escritores que máis admira o Lector. Para el, a aparición dun novo volume de Antón Riveiro Coello  supón unha festa literaria.

Riveiro Coello é un narrador que non perde a cara diante dos problemas que asolan esta sociedade nosa. Está comprometido coas persoas, pero, e isto é fundamental, en primeiro lugar coa literatura.

O Lector mercou Días de intemperie, editado por Galaxia, e leuno coa avidez de quen agarda pola auga no deserto. En ningún momento se sentiu defraudado, malia a dureza dos relatos.

Xa se veu inmerso o Lector na voráxine da guerra dende o primeiro conto e precisou de algo de alento para moverse desamparado, como as protagonistas, nas cidades de Mariúpol e Kíiv, no medio de teatros e edificios derruídos polas bombas da actual invasión de Ucraína polo exército ruso.

Custoulle recuperarse da sensación de agobio e destrución cando, por arte de Riveiro Coello, xa estaba sufrindo polas contendas en Siria, Rusia, Vietnam ou a raia ourensá.

Cando o Lector rematou o derradeiro relato con este parágrafo: O odio medra coma unha planta rubideira durante toda a noite e, moito antes de que abra o día por tras das fiestras, Un Gon xa está vestido ao pé da cama coa neura fixa de visitar a Dick, o soldado negro de Oklahoma que, con certeza, lle arranxará a orfandade, o Lector pensou que, unha vez máis a poderosa prosa de Riveiro Coello o transportara polos vieiros da boa literatura. Tenso e feliz a un tempo, o Lector volveu a sentir a chama dunha lectura gozosa e proveitosa.

Hai moitos temas nestas narracións. Dende a fidelidade, a angustia, a covardía ata a vinganza, a suplantación da identidae, o amor polos libros ou a orfandade, pensa o Lector.

E afirma, unha vez máis, que estamos diante dunha literatura de personaxes creados para conversar con aquelas persoas que invadan o mundo do papel para penetrar nuns universos ateigados de conflitos, con protagonistas devorados pola intemperie que a calquera de nós pode facernos dano.

A linguaxe, clara; o ritmo vertixinoso, ás veces, e máis pausado outras. A tensión narrativa non decae en todo o libro e permite que o Lector poida respirar  só de cando en vez. Nada falta nin nada sobra no que Riveiro Coello quere contar. Está todo moi medido.

O Lector reflexiona sobre o lido e volve a pensar que está diante dun escritor que enche de sentido literario todas as súas expectativas.



lunes, 16 de enero de 2023

DARDO POÉTICO (LXXXIX) Poema de João Pedro Mésseder sobre o poeta que sae do mar

 


Coñecer a José António Gomes -João Pedro Mésseder, nome literario- é un auténtico pracer.

Compartindo unha sesión do máster en Compostela

Este licenciado en Filoloxía Xermánica e doutor en Literatura Portuguesa do século XX, é un verdadeiro pozo de sabedoría.

É profesor de literatura na Escola Superior de Educação do Instituto Politécnico de Porto.

Este escritor, conferenciante, especialista en LIX, orientador de teses de doutoramento, editor de revistas, colaborador en seminarios didácticos, articulista, crítico literario e unha chea de actividades máis, está moi vencellado a Galicia e ao grupo de investigadoras que dirixe a profesora Blanca-Ana Roig Rechou.

Nos másters que impartimos xuntos creouse unha amizade e unha admiración mutua, debidas á sintonía e á visión que partillamos no tocante á literatura escrita para os máis novos.

José António Gomes ten unha ampla bibliografía coma escritor e investigador e sobre a súa obra podemos atopar un bo número de estudos arredor da mesma.


Foto final das nosas sesións dun máster en Compostela, coa profesora Blanca-Ana Roig

Pois ben, hai uns días sorprendeume cun fermoso poema que escribiu a partir dun post de facebook, no que eu contaba o baño que dei na praia o domingo 4 de decembro.

E emocionoume pola simpatía e o carácter lírico do mesmo.

De aí que en Versos e aloumiños decidimos reproducilo moi felices e agradecidos a este home dunha bondade moi grande.

Mil grazas, amigo e mestre. 

Dá gusto estar sempre en contacto contigo.





Oh, que água tão fria

Mas o poeta que dela emerge

traz consigo o calor da poesia

Trá-lo nos olhos nos braços e nos cabelos

Chega do mar o poeta como de um sonho

esse sonho que sempre o apanha

Chega do mar o poeta como de um sonho

e um véu de nuvens o acompanha

 

                                           João Pedro Mésseder



lunes, 9 de enero de 2023

ANDEL DE NOVIDADES (5) "O moucho voa", filosofía en 28 conversas, de Miguel Vázquez Freire

 



Calquera libro que vexa a luz de Miguel Vázquez Freire é un motivo para min de felicidade ( e debe selo para o sistema cultural galego). Son moitos anos seguindo a este home poliédrico, capaz de escribir de cine, de ilustración, de filosofía, de banda deseñada…ademais de ser un excelente narrador. E nunca defrauda.

Sempre tivo Miguel un agarimo especial pola divulgación. Un xénero, este, que se fai ben necesario e que tanto ten axudado a que nos fósemos formando nas moitas disciplinas do saber.

Acaba de ver a luz, O moucho voa (Filosofía en 28 conversas), editado por Edicións Xerais.




A min, que me entusiasma a Filosofía, pareceume un libro magnífico para achegar a xente nova a unha materia que convida a pensar con rigor e a abrir camiños para transitalos avisados e comprender os asuntos que preocupan ao ser humano.

Dixen e pensei na xente nova, pero non é certo: este libro é axeitado para as persoas de calquera idade que teñan inquedanzas filosóficas. A xente, dun xeito espontáneo, ten preocupacións relacionadas coa filosofía e, demasiadas veces, non é consciente. De aí o convite que O moucho voa fai a pensar.

O volume que teño nas mans comeza cunha advertencia do autor que manifesta que non pretende ser un curso de filosofía.

Durante o último trimestre de 2020 e o primeiro de 2021 Radio Neria, a radio municipal de Corcubión, emitía unhas charlas radiofónicas que, co nome O Moucho voa.15 minutos de filosofía, pairaban nas ondas.

A transcrición das emisións, lixeiramente modificadas, renacen agora mesmo neste libro tan necesario.

Resulta apaixonante e gozoso ler as conversas que o autor escribe de maneira sinxela para un mellor entendemento do espírito filosófico que posúen. Paula e Xabier (á veces, tamén, Rapaz A e B) falan ao longo de todo o libro para achegar discusións que avivan a nosa curiosidade e que demostran que o cotián ten moito que ver coa filosofía, aínda que non sexamos conscientes diso. Paula e Xabier existen, pero son ficcionados por Miguel.

Dá gusto ler este texto porque ten un ton desnfadado que chega ao lector con claridade e permite que razoe sobre o que está a ocorrer ao seu redor.

Catro son os epígrafes en que está dividido o libro. Catro epígrafes que, como explica o autor ao principio do texto, fan referencia a catro das grandes categorías que tradicionalmente reúnen os principais temas dos que se ocupa a filosofía: o Ser, obxecto da ontoloxía; a Verdade, da teoría do coñecemento ou epistemoloxía; o Ben, da filosofía moral ou ética; e a Xustiza, da filosofía política.

Hai, loxicamente, moita moita reflexión filosófica, pero o autor ten o acerto de acompañala de referentes concretos moi recoñecibles, incluídos exemplos ou casos tomados da realidade máis próxima.

A linguaxe é clara, directa e expón moi ben o que se quere afirmar, baixo a magnífica idea de conversar, discrepar, reflexionar e, xa que logo, de aprender moitos conceptos que nos interesan a medida que os imos coñecendo.

                          

O autor, Miguel Vázquez Freire, co libro

                                     

Un auténtico pracer a lectura deste libro. Moito aprendín ao lelo. Velaí o ton axeitado para que o lectorado, novo ou non, se achegue á filosofía sen prexuízos nin medos. Un acerto, para felicitármonos, e para entender, dunha vez, que a filosofía vive máis preto de nós do que moitos cren.

Ah, e non quero pasar por alto as puntuais ilustracións  e a cuberta de María Lires, que lle dan ao libro un toque plástico que se agradece. Moi no seu estilo marabilloso.

Parabéns, unha vez máis, a Miguel Vázquez Freire, polo seu traballo divulgativo e grazas a Edicións Xerais por apostar por libros que se precisan, sen ningunha dúbida, no panorama da cultura galega.

 

                                                                                                                      Antonio García Teijeiro