jueves, 22 de junio de 2023

PACO IBÁÑEZ E ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO NO AUDITORIO MAR DE VIGO

 


Para non ser repetitivo, non vou falar máis do memorable concerto de Paco Ibáñez no Auditorio Mar de Vigo.

Nin tampouco da emoción que eu sinto cando o escoito interpretar as cancións baseadas nos meus poemas.

      Pero Versos e aloumiños ten a obriga de gardar momentos sonoros coma estes, que se poden escoitar co paso do tempo.

       Velaquí, no vídeo, dous momentos emocionantes para min con Paco no escenario.

Un deles, cantando eu a canción Pomba, na que o mestre me deixou só, a capela, con Paco facéndome unha segunda voz. Esqueceu de tocar a guitarra, moi pendente da letra.

No outro, a interpretación musical do poema Que ocorre na terra?, tan paseado polos escenarios de medio mundo en galego.

      Para que poidan ser desfrutados polos seguidores e seguidoras deste blog-revista, aquí quedan rexistrados nun vídeo excepcional.

Sede, iso si, comprensivos coa miña interpretación porque eu non sei cantar; porén, quen lle di que non ao mestre?







* Grazas a Helena Pérez polo envío de ambos os dous vídeos.

lunes, 12 de junio de 2023

DE NOVO, PACO IBÁÑEZ CANTA EN VIGO E ENCHE DE EMOCIÓN O AUDITORIO DO MAR.

 

Paco Ibáñez durante o concerto, acompañado de Mario Mas (Foto de Susi Fernández)



De novo, Paco Ibáñez en Vigo. De novo volveu emocionar a tantos fieis seguidores que non o abandonamos nunca, porque forma parte das nosas vidas.

Próximo, crítico (ai, a teima do inglés!), irónico, agarimoso e ocorrente.

Feliz de sentir o cariño do público. Cheo de anécdotas, fixo rir á xente, animounos a cantar e encheu de emoción as butacas do Auditorio do Mar.

       Dezasete cancións interpretou neste concerto (tres delas en galego: Pomba, Que ocorre na terra? e a canción sobre o poema Inverno, de Celso Emilio Ferreiro, co título de Chove). Dúas máis en éuscaro, acompañado polo excelente acordeonista vasco, Joxan Goikoetxea.


Antonio García Teijeiro lendo a Oroza. (Foto de María Luisa Abad)
     

Brillou ao seu lado, coma sempre, o extraordinario guitarrista Mario Mas, man dereita do trobador, que fixo as delicias da concorrencia pola súa mestría e o seu agarimo polo artista.

       Despois, repasou moitos dos seus clásicos e puidemos gozar con Lorca, Machado, O Arcipreste de Hita, Quevedo, José Agustín Goytisolo ou Rafael Alberti entre outros.

       Por certo, especialmente emotiva foi a canción final deste último, A galopar, co público cantando entregado e eu compartindo con Paco e os músicos o escenario para poñer punto final a un memorable concerto.

       

Compartindo escenario con Paco Ibáñez (Foto de Anxo Cabada)


     A actuación de Paco Ibáñez en Vigo celebrouse grazas  ao empeño da Asociación Évame -Oroza e, en especial, do seu presidente Xabier Romero.

 

       Houbo un acto previo de homenaxe a Carlos Oroza, un dos grandes poetas orais da poesía española, no centenario do seu nacemento, coa proxección dun vídeo e a lectura dalgún dos seus poemas máis significativos e un a elo dedicado pola miña parte.

 

Todos galopando (foto de Susi Fernández)

       Ninguén saíu defraudado do Auditorio. A calidade humana e artística de Paco Ibáñez brillou, unha vez máis, moi preto do mar vigués.