viernes, 21 de mayo de 2021

FIESTRA ABERTA (5) Poemas de Noa García Garrido, asistente á Escola de Letras (Editorial Galaxia/Deputación de Pontevedra)

 





A Escola de Letras que promoven a Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia é un proxecto formativo arredor da literatura e a escrita literaria, pioneiro en Galicia e sen moitos precedentes no conxunto de España. A Escola de Letras da Deputación de Pontevedra é un proxecto que pretende constituirse nun motor de actividades centradas na Literatura, na Escrita Creativa e no goce da palabra.

 A Escola de Letras, toda a súa oferta formativa e loxística de funcionamento (convocatoria de obradoiros, xestión do alumnado, contratación e pago do profesorado, comunicación, mantemento de redes sociais, edición dos libros, etc.) é un traballo feito polo equipo de profesionais da Editorial Galaxia.

 Unha actividade formativa de gran poder lúdico que aúna literatura con pracer e que permitirá, aos asistentes, gozar dos libros, da lectura e da escrita dunha maneira nova e insospeitada.

 



Así se explicaba o nacemento da Escola de Letras promovida pola Deputación de Pontevedra e a Editorial Galaxia.

E así foi, sen dúbida, na súa primeira xeira. Eu tiven a sorte de impartir un obradoiro de poesía en Vigo (en xuño dareino en Pontevedra) e a paixón poética do alumnado foi marabillosa. Dúas sesións ateigadas de poesía, de creatividade e cunha acollida marabillosa por parte do alumnado.

  

     Noa García Garrido foi unha das asistentes ao obradoiro. Notábase que amaba a poesía, que a vivía e escribiu dun xeito marabilloso.

    Así que lle pedín uns poemas para a nosa Fiestra aberta e ela, moi xenerosa, envioume unha fermosa reflexión sobre a poesía e varios poemas que reproducimos aquí cunha enorme ledicia.

 

REFLEXIÓN SOBRE A POESÍA

 

A poesía non é só o uso estético da linguaxe. Non pode quedar reducida a unha simple enumeración de recursos literarios, nin se pode limitar o seu alcance a unha serie de características exclusivas dunha época concreta. A poesía é un discurso que amplía o noso coñecemento do humano e que nos permite ler ou escoitar aquilo que sempre sentimos pero que nunca dixemos. A través da musicalidade dos versos, das sorpresas agochadas neles, desciframos a orixe dos nosos anhelos e entendemos tamén a sensibilidade allea. En tempos coma os actuais, nos que padecemos a ausencia das apertas, a poesía permítenos afastar a esa amante inoportuna que é a soidade. Ademais, a linguaxe lírica, como certos himnos musicais, cura as feridas da nostalxia. Os acordes poéticos pulsan as teclas dos recordos impedindo que a ledicia e o amor queden soterrados baixo o manto do esquecemento.

 


Noa García Garrido



POEMAS

  

                               Poema incluído en Tes cinco minutos

 

“Aloumiño musical”

 

A Luis Eduardo Aute, o poeta

 que soñou a destrución do esquecemento.

 

 

As balas da melancolía

convértense en apertas consoladoras,

cando a túa voz meliflua

ispe os segredos da miña memoria.

 

O teu canto nostálxico resucitou

as historias de amor

cosidas nos teares do pasado.

 

Invocaches cos teus versos

o poder dese latexo

que esperta os tímidos anhelos

cinguidos ás saias do vento.

 

Imaxinaches o intrépido Ícaro

voando por lácteos universos de licor.

Cantaches a súa libido extremada,

afastada da tiranía do pudor.

 

Evocaches a lembranza

dos slows que levan no seu ritmo

o tesouro agochado

nas fontes do Nilo.

 

A beleza do teu lírico furor

apagou as silenciosas danzas

da parasita ambición.

 

As túas cinzas namoradas

abandonaron xa esta absurda realidade,

pero eu, que sinto a música

dende as cadeas da saudade,

sei que nunca poderei olvidarte.

 

 

 Poemas compostos a partir das sesións do obradoiro


1. Poema libre (primeira sesión)

 

“Falar a fala nai”

Fuxir da soberbia ignorante;

revivir a voz censurada;

loitar pola herdanza;

rescatar as sombras caladas.

Educar na rica sabedoría

dos ilustres devanceiros;

escoitar as súas historias

e os seus cantos feiticeiros.

Sentir a caricia do fol;

respirar os acordes da muiñeira;

identificarnos co amor á terra.



2. Poema inspirado noutros versos (segunda sesión)

 

   “No es bueno

quedarse en la orilla

como el malecón o como el molusco que quiere calcáreamente

     imitar a la roca                                                      Vicente Aleixandre


Mergúllate nas selvas máis remotas;

atrévete a desenredar os prexuízos;

esquece o sixiloso paso das horas.

Non escoites a traizoeira voz do perigo;

imprime a túa fonda mensaxe nas follas.

 

3.

Cal foi a derradeira?

Esa que demos con forza,

sen medo, sen présa.

Non podemos devolver xa esa aperta,

ese doce refuxio

que apagaba o inverno,

que afastaba as meigas

e suspendía o tempo.