viernes, 8 de noviembre de 2013

NOVO POEMA DO MES NO BLOG

Na parte superior dereita do blog, na sección “Poema do mes”, vén de publicarse un novo texto de Antonio García Teijeiro. Coma o mes anterior, nesta ocasión o poemario Chove nos versos, caracterizado pola conxunción de chuvia e palabras, volve ser o protagonista. Na creación deste libro, publicado por Edicións Xerais no ano 2004, xogou un papel moi importante o xa falecido Lázaro Enríquez, bo amigo de Antonio e responsable do proxecto de maquetación e desas ilustracións que reinterpretan a chuvia cun enorme sentido artístico. Lázaro estaba entusiasmado co proxecto e quedou moi satisfeito trala súa conclusión e publicación. Helena Pérez tivo tamén moito que ver coa coordinación dun poemario que contén unha homenaxe ao gran poeta celanovés Celso Emilio Ferreiro, ademais de referencias ás obras de Nicolás Guillén ou Aquilino Iglesia Alvariño. O libro inclúe poemas contra a barbarie da guerra, poemas-xogo e moitas imaxes dunha innegable calidade estética e poética. Se premedes na sección do “Poema do mes”, poderedes gozar cun novo texto extraído de Chove nos versos.

ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ