jueves, 14 de noviembre de 2013

DESCUBERTAS FONOGRÁFICAS ( I ) . HOWLIN' WOLF




O verdadeiro nome de Howlin’ Wolf era Chester Burnett, pois iso de Lobo Ouveante é máis apropiado para un xefe indio deses que saen nas películas do Oeste que para un cantante de blues. Pero o certo é que escolleu ese nome artístico cando comezou a cantar, e os estudosos do tema, que disto han saber un chisco porque para iso son estudosos, din que os ouveos do lobo entraron a formar parte do seu estilo tras escoitar os yodels do lexendario músico de country Jimmie Rodgers. Eu nunca oín a Wolf dicir isto, mais vou crelo porque tampouco é cuestión de dubidar nun pequeno artigo o que nalgún libro ben longo di un biógrafo que adicou parte da súa vida a investigar a figura de Burnett, e ademais gústame esa idea da mestura do blues e do country, da tradición negra e branca. O qué é indiscutible é que Chester Burnett naceu nunha pequena vila de Mississippi e que tivo unha nenez difícil, non só pola cor da súa pel, senón sobre todo porque os seus pais se separaron moi cedo e el tivo que ir vivir un tempo cun tío que non o trataba moi ben. Pero axiña fartouse dos maltratos e escapou da casa do tío e foi á procura do seu pai que, segundo pensaba, residía agora no delta dese río tan blueseiro que é o Mississippi. Parece que viviu entón un tempo co seu proxenitor, quen lle mercou a súa primeira guitarra, pero o que é aínda máis importante é que entrou en contacto con magníficos bluesmen coma Charley Patton, Sonny Boy Williamson (o segundo, pois existiron dous músicos bastante semellantes co mesmo nome) ou Robert Johnson.

Aínda que posteriormente sería coñecido como vocalista e harmonicista, Wolf non era manco coa guitarra, pero dende o comezo da súa carreira concentrouse en perfeccionar o seu estilo vocal potente e enérxico, marcado por eses ouveos de lobo que lle valeron o nome co que pasaría á historia do blues e da (boa) música en xeral. Despois dun tempo no exército, que non lle provocou outra cousa que problemas no sistema nervioso, estableceuse preto de Memphis, e alí foi descuberto por Sam Phillips, a quen non lle gañaba ninguén nisto de descubrir novos talentos, e pouco despois comezou a gravar para o seu pequeno selo, Sun Records. Pero o selo entón era iso, pequeno, polo que Phillips adoitaba vender as súas gravacións a outras compañías máis grandes, e así foi como Wolf finalmente asinou coa Chess, de Chicago, a discográfica para a que rexistrou os seus mellores temas, como “How Many More Years”, “Smokestack Lightnin’”, “Spoonful”, “Little Red Rooster” ou “I Ain’t Superstitious”, algunhas delas compostas polo gran Willie Dixon, todo un poeta do blues. Wolf era un home dunha incrible presenza física no escenario, e ao longo da súa carreira actuou dun xeito incansable, visitando Europa e outras partes do mundo en máis dunha ocasión.

A súa influencia na escena do rhythm & blues británico dos anos sesenta é indubidable, e se non, que llelo pregunten aos Rolling Stones ou aos Yardbirds, por poñer dous exemplos, que gravaron varias das súas cancións e o idolatraban. E, se aínda precisades de máis proba da pegada que deixou Wolf na música de xente máis nova ca el, podedes escoitar o disco que hoxe recomendo, as London Howlin’ Wolf Sessions (Chess), unha verdadeira marabilla rexistrada en 1970, durante unha das súas visitas a Inglaterra. Nel, a poderosa voz de Wolf está acompañada nin máis nin menos que por Eric Clapton, Steve Winwood, Bill Wyman e Charlie Watts, e a lista de temas inclúe composicións propias e outras de Willie Dixon e Big Joe Williams que son xa clásicos do blues. Seis anos despois, Howlin’ Wolf morría de complicacións renais na pequena vila de Hines, en Illinois, pero as moitas gravacións súas de que dispoñemos deixan claro que a música do século pasado nunca tería sido igual se un home de voz e físico robustos chamado Chester Burnett non tivese decidido un día comezar a cantar ouveando coma un lobo.

E, finalmente, a continuación, podedes ver e escoitar a Howlin' Wolf interpretando unha das súas cancións máis memorables, "Smokestack Lightnin'".


                                                                                                    ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ