miércoles, 20 de noviembre de 2013

CONCERTO "75 Aniversario da Batalla do Ebro". PACO IBÁÑEZ, chamando a que non esquezamos nunca os vencidos.

Paco Ibáñez
Danme noxo todos aqueles que intentan silenciar a Paco Ibáñez. Semellan querer que non exista.
Mais iso resulta imposible.
Paco vive.
Paco respira cando canta e faino moi a miúdo.
Si, Paco Ibáñez está vivo.
E segue a sacudir conciencias ao longo de España, Europa e América.

Ao longo de 2013, Paco deu unha morea de concertos.
Non saen na prensa nacional, claro. A súa dignidade, a súa voz, as súas cancións emocionan a moitos, pero amolan a demasiados "personajillos", eses que, normalmente, teñen o poder político, o poder económico; a eses que manipulan a xustiza, a eses que viven mergullados na corrupción con todo o descaro do mundo.  Ladróns de sentimentos. Magos ruíns que pisan todo aquilo que o pobo reclama. Desnaturalizadores da sociedade, queren títeres e non cidadáns que pensen, cidadáns con iniciativas, reflexivos, loitadores. Son os que dormen o paso dos días e afogan todo intento de reivindicacións xustas.
 
Paco diante dunha foto dun campo de concentración. Argelès-sur-Mer

Con Paco Ibáñez non poderán. Leva moitos anos resistindo. E milleiros de persoas ateigan os seus concertos, xa sexan en Uruguai, Chile ou Arxentina, coma en Francia, Bélxica, Túnez  ou o territorio español que percorre coa súa guitarra na man e a poesía na súa gorxa, saíndo do seu corazón rexo e xeneroso.

Ben, pois o día 28 de decembro no Auditorio Felip Pedrell, de Tortosa, un dos enclaves históricos da guerra civil, Paco Ibáñez dará o "Concerto 75 aniversario da batalla do Ebro", con todo o orgullo de pertenza aos ideais derrotados naquela encrucillada.


E Paco Ibáñez, artista comprometido, representante dos poetas, humanista, cantará as súas cancións nun concerto de conmemoración e testemuño para lembrar os republicanos españois e os membros das Brigadas Internacionais, eses homes que o deron todo no nome da liberdade.

É unha chamada democrática. Estamos cansos de escoitar a historia, a deles, e, como dicía León Felipe, de"que nos duerman con cuentos". Pero somos moitos os que espertamos, e non aceptamos nin o esquecemento nin falsas versións dunha historia que se debe coñecer en toda a súa dimensión e, xa que logo, en liberdade e con rigor.
Trátase da dignidade humana.

Fotografía de Llibert Teixidó
E nestes tempos duros, nos que a indignación está a flor de pel, escoitar a Paco Ibáñez faise necesario.
Que moitos outros e outras tomen nota do que este home fai, resiste e non permite que ninguén o domestique.

Podedes picar nesta ligazón para entrar na súa páxina, saber algo máis do concerto e ver tres vídeos do noso trobador cantando a Luis Cernuda, Rafael Alberti e Pablo Neruda.


www.aflordetiempo.com/concierto-ebro
 
 
Batalla do Ebro
 
 Menos mal que, ademais dalgunha que outra cousa, nos queda a súa palabra.
 
                                                                                           ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO