jueves, 28 de agosto de 2014

UNS DÍAS CON FILMES DE INTERESE.



    
   
           Nestes últimos días vin unha serie de películas, algunhas das cales petaron moi forte en min ata sacudir intensamente o máis íntimo.
     Chámolle ao feito de ver cine na casa, a Sala Ernst Lubitsch pola admiración que sinto por este director dende hai xa ben anos.
     Falemos dalgunhas delas.
      
     Non me gustou, por exemplo, Nostalxia de Andrei Tarkovsky. Confusa, pretensiosa, pesada ata a extenuación, recoñezo que non puiden con ela. Moitos dirán que é unha eiva cinéfila. Pois si,será iso. Non o discuto. Pero a min aburriume en exceso. Que lle vou facer! Sei que está moi valorada, que recibiu unha chea de premios. Sei que posúe un gran talento visual, entre algunha outra virtude, pero a min “Nostalxia” pareceume fría, excesivamente lenta, redundante, escura e carecente de emoción. E así quero expresalo.
      

     Gocei, unha vez máis, co mellor cine do xenial Woody Allen. Desta volta, unha nova revisión de Maridos e mulleres. Intelixente sátira sobre a sociedade americana (e de calquera país), na que o drama, a ironía e mais a comedia van da man para alegría do espectador. As boas películas de Allen non perden vixencia.
    

     Entusiasmoume o papel dun Leo di Caprio mozo, un dos meus actores favoritos, na tenra ¿A quen ama  Gilbert Grape?, un drama familiar no que Lasse Hallström nos amosa o tema da discapacidade e da vida rural en Norteamérica. Moi ben, ademais, un  Johnny Depp con vinte anos menos. Estamos falando de 1993.
      

     De novo Leonardo di Caprio, da man do gran Scorsese, asómbranos no despregue visual que é  O lobo de Wall Sreet , unha película  que trata a vida e o ambiente dos corredores de bolsa de Nova York, con todos os seus excesos (sexo e drogas). Un filme que nos introduce no caos financeiro e no culto ao diñeiro nos anos 80.
     

      
       Pero quero determe en dúas cintas que bateron en min polo bo cine que conteñen, aínda que unha delas, Só o vento , non acada a unanimidade de gran película.
     Para uns, esta coprodución húngaro-alemá-francesa resúltalles pesada e confusa na súa narración (Carlos Boyero, por exemplo) ou “unha pataca na retina” (Luis Martínez), para outros, entre os que me inclúo, é unha narración desgarradora sobre a vida dunha familia xitana, que debe sobrevivir na miseria cotiá entre o medo a ser atacada por pistoleiros racistas e  a triste realidade que os envolve.
     Con primeiros planos moi dinámicos, unha estética que absorbe, con pouco diálogo, este filme reflicte a barbarie humana a través dos xestos, das accións dos personaxes e unha linguaxe de cámara realmente magnífica.
      

     

      E a outra, a alfaia desta semana foi, sen dúbida, a marabillosa Cando pasan as cegoñas, obra mestra  realizada na Unión Soviética no ano 1957 polo director Mijaíl Kalatozov, sobre un guión de Viktor Rozov.
     Verónica e Boris son dous mozos moscovitas que están namorados, que se ven forzados a separarse cando estala a Segunda Guerra Mundial. Boris alístase no exército para ir á fronte.
       
      

     Un drama romántico e de guerra, que afonda nos sentimentos íntimos das persoas. A crueldade da guerra vai cambiar os comportamentos dos personaxes e a soidade e mais os soños veranse truncados polo ruído das armas. Os caracteres deses personaxes están perfectamente marcados na película. Os primeiros planos permiten expresar neles todo o sufrimento que os envolve e a actuación de Tatyana Samoylova, no papel de Verónica, resulta verdadeiramente sublime.


     O director intenta, e consegue, tratar o tema emocional por riba dos acontecementos militares. Dinámica, rica e moderna visualmente, “Cando pasan as cegoñas” está ateigada de escenas memorables.
     Unha xoia que recibiu a Palma de Ouro no Festival de Cannes en 1958 e foi nominada a varios premios BAFTA.
     Un pracer gozar con este cinema de auténtica calidade. Descubrilo foi un luxo.         Altamente recomendada para os amantes do bo cine.


                                                                                                                   ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO