jueves, 28 de noviembre de 2013

DESCUBERTAS FONOGRÁFICAS ( II ) . JOHNNY GRIFFIN



A comezos dos anos sesenta do século pasado, cando Johnny Griffin estaba no cumio da súa carreira, acadou renome por ser quen de tocar o saxo tenor cunha rapidez inusitada. Pero non creades que Griffin era un Satriani do saxo, con moita celeridade pero pouco contido. Non, as ideas musicais de Griffin eran inesgotables, mesmo cando as súas notas superaban o límite de velocidade, e ademais a el nunca lle gustou realmente ese alcume d’ “o saxofonista máis rápido”. Griffin adoitaba tocar a centos de quilómetros por hora porque ese era o seu estilo, pero era tamén, como Ben Webster, outro dos grandes do jazz que ás veces fican un chisco esquecidos, un músico versátil que podía interpretar baladas tinxidas de tanto romanticismo ou máis ca calquera dos versos de Lord Byron.

Nado en Chicago en 1928, a aprendizaxe musical do xove Griffin pasou polo rhythm and blues. Tras escoitar a Gene Ammons, decidiu que o saxo ía ser o seu instrumento e axiña atopou traballo acompañando a T-Bone Walker, un dos clásicos do r&b. Por entón, a finais dos anos 40, a era das big bands, estaba xa en declive, pero Griffin aínda tivo tempo de entrar a formar parte das orquestras de Lionel Hampton e Jo Jones. O seu paso polo servizo militar non foi, alomenos, unha total perda de tempo, non só porque o fixo en Hawaii (se hai que facer a mili, ese non é o peor lugar que lle pode tocar a un) senón tamén porque tivo a oportunidade de participar co seu saxo nunha banda do exército. Os anos cincuenta e sesenta foron os máis produtivos da súa carreira. Griffin realizou innumerables colaboracións xunto a outros nomes da calidade de Thelonious Monk, Donald Byrd, Bud Powell ou Art Blakey (e estou a citar só catro) e ademais fixo unha serie de gravacións con Eddie “Lockjaw” Davis que se atopan entre as miñas favoritas.

Pero o disco que vou recomendarvos hoxe chámase A Blowin’ Session (Blue Note), que como o seu propio título indica, é unha sesión na que un grupo de músicos se reúnen para soprar nos seus saxos e sacarlles as notas máis imaxinativas posibles nunha especie de competición musical amigable. E vaia amigos que facía Griffin! No álbum, rexistrado en abril de 1957, participan canda el John Coltrane e Hank Mobley ao saxo, Lee Morgan á trompeta, Wynton Kelly ao piano, Paul Chambers ao contrabaixo e Art Blakey á batería. Iso si que é un dream team comparable ao do baloncesto en Barcelona ’92! Conta, ademais, a lenda que, nun principio, Coltrane non ía participar na sesión, pero Griffin atopouno cando ía de camiño para o estudio de gravación e convidouno. Coltrane, amante da boa música como era, non se fixo de rogar e aceptou, e o seu saxo brilla neste fantástico triunvirato jazzístico, especialmente no tema "The Way You Look Tonight".

Como moitos outros dos jazzmen da súa xeración, Griffin decidiu establecerse en Europa a mediados dos anos sesenta, pois comprendeu que no Vello Continente apreciaban a súa música moito máis ca na súa propia terra. Ao longo dos anos residiu en Francia e Holanda e seguiu a tocar o saxo e a facer discos notables, viaxando de cando en vez aos Estados Unidos para participar nalgún festival de jazz. Deixounos non hai moito, no ano 2008, falecendo na súa casa do oeste de Francia. Lembrades que algún telexornal falase da noticia? A verdade é que eu tampouco. Pero, afortunadamente, quedan as súas gravacións, algunhas das cales están entre as mellores da historia do jazz, e todas elas son testemuña da arte dun home que era a conxunción perfecta de técnica e sentimento.



E, para rematar, aquí tedes un vídeo cunha épica versión de máis de nove minutos de "Funky Flook", na que Johnny Griffin e o seu gran amigo Eddie "Lockjaw" Davis comparten protagonismo nun concerto nalgún lugar de Escandinavia:





                                          ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ