martes, 8 de octubre de 2013

CATAVENTO DE POEMAS INFANTÍS (XXX) María Canosa




MARÍA CANOSA   ( Cee. A Coruña, 1978)



CONGRO

María Canosa
Vive nas entrañas
das profundidades
por iso non fai
grandes amizades.

É moi escuro,
negro ou mouro
o peixe sen cores
chámase congro.

De corpo redondo
e de carne branca
con tantas espiñas
a moitos espanta.

Vive nas furnas
busca acubillos
por iso é feliz
no barco afundido.

En calquera fenda
atopa pousada,
pero o mellor sitio
é nunha empanada!



ARROAZ

Quen trae as novas
Ilustración de Dani Padrón
ao fondo do mar
son o golfiño
e mais o arroaz.

Contentos e ledos
sempre camiñan
ao lado dos barcos
que serven de guía.

Van escoitando
os sabios mariños
e sucan os mares
co longo fociño.

Gústanlle os nenos,
correr e brincar
é inconfundible
a aleta dorsal.

O lombo escuro
o ventre claro,
con só dúas cores
están decorados.




LURA

Non é un peixe,
é un molusco
que ten agochado
o luscofusco.

Falo da lura
que garda no peto
a tinta que o enche
e lixa de negro.

Este saquiño
está coroado
por unha cabeza
e oito tentáculos.

Cando se asusta
e quere fuxir
con tinta escura
vainos tinxir.

Todos os lazos
que ten na cabeza
converten a lura
nunha marquesa.


(Do libro Acuario, editado por Edicións Embora, 2012)