martes, 1 de octubre de 2013

DARDO POÉTICO (IX) Coma ti, sempre, Paco, coma ti !!!



A primeira canción de Paco Ibáñez que me abraiou foi “Como tú”. Imposible compoñer unha música tan axeitada a este poema para que ambas partes, música y verso, puidesen ter o mesmo protagonismo á hora de escoitala.
Aí, con esta canción, e con “Palabras para Julia”, principiou a miña febre poética e comprendín que un home como Paco Ibáñez podía facer moito pola poesía naquela España gris necesitada de cultura e liberdade.
Paco Ibáñez na súa casa de Barcelona

E así foi. Moitos amamos a Paco Ibáñez e toleamos co seu disco gravado no Olympia de Paris, un clásico da canción comprometida. Digo moitos, si. Mesmo aqueles que estaban nas primeiras filas nos seus concertos, que erguían a man co puño pechado, que lanzaban mensaxes aos demais, que cantaban con el, que berraban contra o réxime. Si, moitos, moitos. Eses que, anos máis tarde, ocuparon as poltronas do poder e se esqueceron del. Hipócritas que, como di Aute, non souberon rozar nin un intre a beleza.

Pero Paco Ibáñez seguiu o seu camiño dunha maneira exemplar. Combativo pero non panfletario. Crítico co fascismo en todas as súas vertentes, sempre ao lado daqueles que sufrían. Paco Ibáñez arrincou as carautas a tantos, que vergoña lles debía de dar falar cando falaban (e seguen a falar) sen a máis mínima ética e cun cinismo que fere.

Paco seguía a avisar. Decote comentaba que estaban agochados, que había que ter coidado porque, se nos confiabamos, saltarían sobre nós. E así foi.Hoxe en día temos o exemplo. A mesma chamada esquerda tamén o ignorou. Máscaras fóra! Non serviu de moito o A galopar albertiano co que Paco Ibáñez remataba os seus concertos.


E el, coa súa dignidade por diante, continuou levando a poesía a todos aqueles que precisabamos dela. Eramos moitos. Seguimos sendo moitos. Máis dos que pensan algúns.
A andaina de Paco Ibáñez é brillante. Silenciado polos medios de comunicación segue sendo o mesmo. Ergue a súa voz contra a inxustiza. Non casa con ninguén. É accesible a aqueles que queiran achegarse a el. Xeneroso,próximo, sensible e duro cos que nos converten en bonecos, Paco continúa a cantar por todo o mundo. Francia, boa parte deste país noso, (tan desagradecido con persoas que molestan e din a verdade), Latinoamérica…son testemuñas do que estou a dicir. E non podemos esquecer que segue a gravar fermosos discos, o último dedicado aos poetas latinoamericanos.
Paco Ibáñez en Vigo.

Semella que non existe porque así o desexan os grandes emporios mediáticos. PERO SI QUE EXISTE e somos MOITOS OS QUE O NECESITAMOS E QUEREMOS. A súa voz non cala. Canta en castelán, catalán, galego, francés, éuscaro e outras linguas. 

Non acadarán acalalo pois a súa fortaleza ideolóxica e vital non o permitirá endexamais.

Coas dúas cancións arriba mencionadas, moitos de nós coñecemos a León Felipe e a José Agustín Goytisolo. E a tantos máis...!
León Felipe

Así que neste dardo poético, imos poñer o poema completo do poeta de Tábara (Zamora) e poderemos escoitar no vídeo esa peza marabillosa que un día me deixou asombrado e me permitiu seguir a vida pola senda da poesía.

COMO TÚ…  (León Felipe)
Así es mi vida,
piedra,
como tú; como tú,
piedra pequeña;
como tú,
piedra ligera;
como tú,
canto que ruedas
por las calzadas
y por las veredas;
como tú,
guijarro humilde de las carreteras;
como tú,
que endías de tormenta
te hundes
en el cieno de la tierra
y luego
centelleas
bajo los cascos
y bajo las ruedas;
como tú; que no has servido
para ser piedra
de una Lonja,
ni piedra de una Audiencia,
ni piedra de un Palacio,
ni piedra de una Iglesia;
como tú,
piedra aventurera;
como tú,
que, tal vez, estás hecha
sólo para una honda,
piedra pequeña
y
ligera…





Escoitar a Paco Ibáñez é un pracer infinito. Ninguén foi quen de musicar a poesía coma el.
Podedes gozar co vídeo, un verdadeiro luxo.

                                                                


                                                                                                                  ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO