miércoles, 25 de octubre de 2023

A LUZ DAS PALABRAS (92) Soledad García Riveiro

 



Soledad García Riveiro é unha muller incansable que ama fondamente a literatura. E faino dende puntos de vista moi diferentes. Coñecina nunhas sesións poéticas que impartín hai un tempo e axiña notei a súa predisposición a escribir e facelo de xeito coherente e apaixonado.

Ten un discurso literario ben interesante. Entre a poesía, a LIX e a divulgación ofrécenos obras dun valor innegable.

 

Muller sensible co que a rodea, fai da palabra o seu centro vital. Escribe por pracer e porque o precisa para respirar.

De aí que Versos e aloumiños lle pedise un texto libre no que expresase a súa visión literaria e, sobre todo, poética (aínda que non unicamente).

 

Enviounos estes textos que poden ler deseguido e que indican por onde van as súas inquedanzas poéticas.

Grazas, Sole, pola túa xenerosidade.



Soledad García Riveiro



Diría que somos bosques ao fío das palabras dunha gran esponxa. E esa esponxa é hoxe este instante, no que me les.

 

Quero agradecer a Antonio García Teijeiro por convidarme a expresar a miña paixón pola poesía a través desta escolla de sementes que teño prantadas.

 

Permíteme comenzar con Aposiopese. Aposiopese quería ser unha compañeira de viaxe pola natureza a través dos haikus, quería ter pairos coma as canilongas e derrubar fronteiras, máis a cruel realidade tornou o seu rumbo e ficou espida coa dor que se sente cando perdes a un pai. Por el, polo meu pai, Aposiopese.

 

HABITA en min o veleno

un código deserto mórdeme as crinas

xermolan augamares na memoria

porque a memoria é un animal doente

que xoga a camuflarse na néboa

 

mata de voces cavila esmigallada

nunha marea présa ferinte

devece pola vida

a cuadratura accidental dun pentagrama

 

Remata o verán, un verán fermoso sen máscaras, sen distancias, un verán de abrazos…


técese e destécese a noite

féndese a lúa

nun manto de estrelas durmidas

 

como doe non ter ese abrazo diario

cando a terra te deixa no olvido

as paredes embranquecen

as sabas de liño en trincheiras

pensar en arrincar o corazón

para sembralo

 

así escribía en Poemarcovida, imaxes de palabra e vida, un poemario homenaxe ao persoal sanitario pola súa encomiable labor durante a pandemia.

 




convídote a un abrazo e a deter o tempo

 

Daquela era primavera, a época na que nacen os garranos. Ao meu pai encantábanlle os garranos, as burras do monte, e todos os garranos nacen na primavera.

 

Artai é redondo e pequeno, da cor do mel.

Ten as crinas negras

e unha mancha en forma de raio na fronte

que nos cabalos se chama cordón.

Artai ten un cordón de raio e

 o final das patas brancas como se levase botas

e con elas brinca na Serra da Groba onde naceu.

 

Porque Artai naceu unha noite de inverno

cando caeu un raio no Cortelliño e fixo un burato,

un burato do que naceu Artai.

Un burato que empezou a encherse de auga

e converterse en poza, na Poza Nova.


E así é como todo o mundo pensa

que Artai é fillo da manda,

porque naceu sen nai,

alimentado por todas as nais da Groba,

pola agua da poza onde naceu

e polas landras dun carballo,

o seu amigo Quer.

 




Así comeza “Un paseo por Baiona”, creado xunto a Fran Fernández Davila, e traducido ao inglés no libro "A walk in Baiona" para defender os garranos en Europa na Feira Internacional Börse de Berlín , porque 

ONDA ONDE

onde miras ti

respirarei as pistas do teu lombo queimado


Eiquí un extracto das “As palabras son cinzas por soprar, premio Manuel Oreste Rodríguez de Paradela, que se publicará en decembro 2023.

 

E despídome de ti cun extracto de "O camiño de Perséfone". Un poemario no que tento explorar a dualidade entre a tecnoloxía e a natureza a través de imaxes evocadoras de muller, ilustradas pola artista Ángela Costas.


Perséfone é a deusa grega da agricultura e da fertilidade, a pesar de enfrontar desafíos, persevera na busca dunha nova primavera e o seu renacemento persoal.

Premio Manuel María en Gipuzcoa, consta de 4 estacións, unha dualidade e a miña escolla para ti é o verán.


 

 o verán es ti

unha serea envolta en leite

e na proa somerxes os abrazos do mar

 

ti es os ollos pechados

e esbancas o liño desta áncora sentida

 

o verán es ti

e ti bailas coaa brisa

a impulsar

o ronsel

dos motores do amor

                                                                                                                                                  

Que sigamos lendo, crecendo e soñando.

 

Moitas grazas,Teijeiro!   : )



                                                                                                                                                      Soledad García Riveiro