domingo, 28 de abril de 2013

A luz das palabras (23) Xosé Cobas



Xosé Cobas

Acabo de falar con el por teléfono. É desas persoas coas que dá gusto conversar. Chamoume para comentar uns detalles da miña antoloxía da miña poesía infanto-xuvenil galega que logo aparecerá nas librarías e da que el forma parte fundamental coas súas ilustracións. Coméntolle que tería tanto que dicir del e da súa obra que non sei como comezar.
Teño, ademais, o problema da proximidade a todo o que fai. Admiro e quero a Xosé Cobas quen é, para min, un verdadeiro poeta do pincel.
Xa levamos uns cantos poemarios xuntos. Son unha delicia plástica.  Caderno de fume, Palabras envoltas en cancións, Paseniño, paseniño, Cando caen as follas, As palabras están a mirarse arredor da mesa ou Petando nas portas de Dylan, entre os poemarios, son mostras claras do que é capaz de realizar este artista coa miña poesía. Entendémonos perfectamente. Xosé Cobas le os poemas e xa está a poñer en marcha a súa maquinaria marabillosa. Os seus trazos e detalles metafóricos son excepcionais.  É espectacular a empatía, a simbiose que os nosos traballos chegan a acadar. Non é doado que isto se dea con facilidade, sobre todo, na poesía.  Hai algo que me enche de orgullo: Xosé Cobas entrou na ilustración poética cun libro meu. Encantoulle a experiencia. El mesmo recoñeceu que non era un reto doado e tiña certos reparos nun principio.  A min, a verdade, non me sorprenderon nada os resultados obtidos. Xa o dixen antes, e mantéñoo, que Xosé Cobas é un poeta do pincel, un mago das atmosferas plásticas e un creador sen límites. E non dubido que, se decidise  escribir poesía, tamén o faría ben.
Calquera que vexa as ilustracións de Xosé Cobas vainas recoñecer  axiña. Ten un estilo ben recoñecible, pero admiro nel a súa inquedanza por evolucionar, por non ficar no fácil, na comodidade, senón por estar a investigar novas técnicas e outras canles que enriquezan a súa arte.
Cuberta e ilustracións de Xosé Cobas.
Os seus trazos envolventes son dunha delicadeza infinita. As súas ilustracións arrólante pola serenidade que desprenden. Semellan aloumiños para as olladas.
Pero todas teñen o misterio que lles infunde o seu creador, a súa metáfora plástica que as enriquecen por completo.
Son ilustracións que aluman a vista, que che fan reflexionar, que che levan a pousar os teus ollos nelas e gozar dos seus planteamentos e arquitectura estéticos. Cando vexo o traballo de Xosé Cobas, ao carón dos meus versos, xogo a atoparlles a intención coa que o realizou. Aí, decátome da riqueza que posúen.  É un exercicio para min moi interesante, porque chego a conclusións tan particulares como excitantes que, seguro, son ben distintas da intención do artista. Velaí o esplendor da súa visión. Unha visión rica e estimulante. É o que se precisa na poesía.
A Xosé Cobas non lle dou ningunha indicación antes de comezar a ilustrar os meus poemas. Quero que sexa libre para expresar plasticamente o que el considere oportuno tras a lectura dos textos. Que faga a súa lectura literaria el só e que principie a darlles un sentido ás ilustracións en concepto e forma. Isto é así porque sei do seu gusto exquisito con todo o que debuxa. Non se trabucou comigo endexamais. A nosa visión plástico- literaria é moi coincidente. Xosé Cobas somérxese entre os poemas para sacarlles máis proveito, se cadra, aos textos cos que se enfronta. É alguén moi minucioso que procura o control de todas as facetas do seu labor.
E  se nos referimos á persoa, quedo sen palabras para definilo. Tanto el como Ánxeles- biquiños agarimosos para ti-  son extraordinarios. Comprometidos, honestos, loitadores…, en fin, podería utilizar unha chea de adxectivos que non caberían nesta introdución. A miña subxectividade pode comigo.
O que non podo agochar é a xenerosidade de Xosé Cobas. Endexamais me negou nada.  O que lle propoño faino con interese, ledicia e agarimo. Xa intento non abusar. Dá gusto conxugar o verbo compartir con persoas así. Un séntese máis feliz e valora o traballo do ilustrador dun xeito afectivo que che deixa mellor por dentro.
Acábanse as palabras para seguir falando de Xosé Cobas. Mellor que fale el.
Lede, por favor, o fermosísimo texto que escribiu para Versos e aloumiños. Un agasallo máis que, coas súas ilustracións, emocióname.
Grazas, compañeiro, pola túa calidade artística, mais eu non esquezo que o artístico, en ti, vai vencellado á humanidade que desprendes.
É un pracer ser o teu / o voso amigo.

Xosé Cobas e Antonio na Illa de San Simón. Premios Xerais.


 AS IMAXES DA MEMORIA



O traballo do ilustrador, polo simple feito de interpretar visualmente un texto, suscita cantidade de preguntas ás que a miúdo debemos dar resposta. Algo que provoca moita curiosidade son eses espazos onde o ilustrador “busca” para nutrir o seu imaxinario.



Cando xorde unha cuestión como esta, eu, e segundo a miña experiencia, sempre respondo do mesmo xeito: busco, basicamente, na Historia da Arte e na memoria da infancia.



É nesta última, na miña infancia, onde procuro o pouso dun tempo pasado, que traio ao presente para fornecer ese imaxinario. Nesa busca non figura o apropiarse unicamente da “foto fixa” da nenez que todos levamos gardada, ben na cabeza ou ben no corazón. Non, non é só iso. É, como dixen, atopar o pouso, o destilado dunha etapa da vida con sabores e arrecendos propios nun contexto único e irrepetible.
Ilustración de Xosé Cobas



Retrocedamos no tempo e, por un momento, situémonos nesa etapa, nun verán daqueles, por exemplo, cando os rapaces nos iamos bañar ás agachadas ao río; un río, o Tambre, profundo e perigoso no que nos estaba, aos cativos, prohibido o baño. Neste caso non é o feito físico da acción en si mesma o que máis me interesa ―visto

hoxe desde a perspectiva de ilustrador― senón o sentimento, a emoción e a singularidade dese momento e o seu contexto: verán, calor, auga fresca, perigo, risas, clandestinidade...



É, como digo, o sentimento e a percepción máis que a imaxe, o que procuro aprehender daquel tramo da vida. Como un efluvio espiritual que se despraza ata o meu lugar de traballo e móvese como a brétema entre todos os trastos ―algúns deles xoguetes da infancia― que habitan o meu estudio, como se tivesen vida propia.



Tamén é certo que ese bafo, ese arume, ás veces, deixa sombras de melancolía e de nostalxia pero tamén de reflexión e, por suposto... interrogantes. Todo depende da capacidade de observación de cadaquén. Por iso, na miña memoria, na memoria do ilustrador, trato de reter a esencia dese tempo da infancia e convertelo en imaxe. E a imaxe en metáfora, en símbolo ou simplemente en atmosfera.



Neste ambiente lémbrome do acontecido unha “tarde de troitas” co meu avó, cando eu contaba nove ou dez anos. Era primavera e foramos de pesca (nós diciamos ir ás troitas). O solpor ía vencido de camiño á casa. Anoitecía cando nos detivemos no último remanso do río coa intención (se había sorte) de ver os parrulos salvaxes percorrer o río dunha banda á outra. E en fronte estaba Insua, unha aldea pequena que, a aquela hora, deixábanos ver, a través das fiestras, as luces acesas. Luces de cor laranxa, mornas, que se reflectían na tona do río coma se dun espello se tratase. Ao pouco, no cu da aldea, entre carballeiras, amosaba a lúa un potente branco-prata, tamén deitado nese espello que era o río; tan forte era a súa luz que a cor alaranxada das outras, das incandescentes, era case un recordo.

Outra ilustración de Xosé Cobas


Tal como meu avó tiña calculado apareceu unha familia de parrulos: nai con sete ou oito parruliños detrás, en perfecta aliñación. Eu estaba fascinado coa escea. Parecían personaxes escapados dun conto, sobre todo cando atravesaron aquel punto do río no que a lúa os vestía de luz para logo perdérense na escuridade da noite. Aquela experiencia nunca a esquecín.



Pasaron anos desde a marabillosa escena que meu avó me ensinara e quixen que o meu fillo tamén a coñecera. E alí fomos. En primavera, cara á noitiña, con lúa e coa ilusión de que, naquel remanso do río, o meu fillo experimentara a mesma fascinación que a min me engaiolara trinta anos atrás; pero a decepción non puido ser máis grande.



Nas casas de Insua xa non había luces de cor laranxa, e se as houber non tiñan forza dabondo para mirarse no río. Ata o branco-prata da lúa perdera presenza, e o espello do río xa non era un carreiriño estreito de luz reflectida, senón unha desorde de luminarias descontroladas.



Era a luz pública. Un resplandor que envolvía a aldea nunha especie de bafo frío. Ben seguro que nas noites de Insua podíase enfiar unha agulla no medio da eira. Pola contra, naquel recanto do río rachárase a intimidade e fuxiran os parrulos. Con eles, e para sempre, a poesía.



Certo é que a auga dun río nunca pasa dúas veces polo mesmo sitio (como as etapas da vida, que tampouco se viven máis dunha vez); pero aí están a literatura, a poesía, a música... as imaxes, como testemuñas do tempo e da memoria, tamén, para sempre.


Debuxo de Xosé Cobas para a cuberta dun libro de Antonio G. Teijeiro                                  


Xosé Cobas

Primavera de 2013