martes, 23 de abril de 2013

NO DÍA DO LIBRO


Teño que recoñecer que non creo moito nos Días de...Non vou dicir tampouco que non sexan necesarios. Seguramente que o serán.
Pero o triste é que son sinais de mínima normalización.
Con eles, quérese chamar a atención sobre aspectos nos que incidir porque, fose polo que for, non se está a facelo habitualmente.
Co  Día do Libro quérese poñer o acento na bondade da lectura, na necesidade de mercar libros, de visitar as librarías e festexar un día en que moitas persoas mercarán algún libro (da calidade, mellor non falar) e, probablemente, non o lerán. Ou, ao mellor, ata o intentan.
Xa o digo: son moi escéptico neste tipo de celebracións.
E debo recoñecer que un San Jordi, estiven en Barcelona e quedei  impresionado co aspecto que presentaban as Ramblas, cheas de postos con libros, flores, sinaturas de autores e autoras, ou sexa, toda unha festa arredor da literatura e o que non o era... Lembro que aproveitei para mercar algúns poemarios de poetas cataláns na súa lingua como Joan Margarit, Martí i Pol ou Pere Rovira.

Ben, pois velaquí a miña aportación ao Día do Libro. Un texto poético e un artigo. Gustaríame que ambos textos servisen para que, dunha vez por todas, todos os días fosen días do libro, así, sen minúsculas.

Espero e desexo que vos gusten. Que e o texto poético sexa un exemplo máis dos moitos que hai e que o artigo vos axude a reflexionar.


As Ramblas, Barcelona, un día de San Jordi





LECTURA EN CORES DA NAI



A doce voz da nai.
O doce murmurio da nai pousando
nos oídos da nena as cores dos contos.

Porque os contos teñen cores.
O verde das fadas e das olladas.
O azul dos príncipes e das bágoas.
O negro dos lobos e das esperanzas.
O amarelo das meigas e das ilusións.

Hai camiños grises, arboredas violetas, horizontes vermellos nas páxinas dos contos.
Cores de encantamentos, de fantasías, de maldicións nas páxinas dos contos.
E todas, todas esas páxinas bailan arredor  da nena, xogan arredor da lúa.
Ela quere coller unha, dúas, tres páxinas.
Non as dá collido.
Fanlle cóxegas e sorrí.

A nai segue a contar contos.
A nena segue a escoitar as cores nas páxinas dos contos.
A nena pecha os seus ollos
e aló,  no seu universo fantástico
creado con dozura pola nai,
o soño vaise cubrindo, amodiño,
do feitizo das cores,
da placidez da lúa,
da maxia infinita dos contos.




E agora, a ver se vos axuda este texto a mediadores, lectores, nenos e nenas  aos que lles guste escribir.




       
 
Un dos moitos encontros cos rapaces e rapazas que realizamos os autores e autoras




LER E ESCRIBIR: DÚAS CARAS DUNHA MESMA MOEDA                                            
                    

 Di o poeta  arxentino Juan Gelman que “ler é viaxar por un mesmo”. Fermosa
definición.
E o teólogo da Liberación, Leonardo Boff, afirma que “ler significa reler e comprender, interpretar. Cada un le cos ollos que ten. E interpreta a partir de onde os pés pisan”. Unha reflexión intelixente, sen ningunha dúbida.
Canto se ten escrito arredor do acto de ler e, xa que logo, do acto de escribir!
Encántanme as palabras do escritor alemán Günter Grass cando expón, cunha enorme tenrura, que “ non hai espectáculo máis fermoso cá ollada dun neno que le”. E é certo. Compróboo nos meus alumnos ano a ano, cando nunha necesaria lectura silenciosa na aula son quen de esquecer o que os rodea e pérdense felices polas páxinas dun libro. É unha ollada externa que nace dunha ollada intensa aló no máis fondo do corazón.


Ler e escibir. Velaquí as dúas caras dunha moeda que me traen hoxe ata aquí, encantado e feliz ao descubrir que neste lugar hai moita literatura en/detrás dos vosos traballos.É algo que se percibe, non só nos traballos premiados, senón no ambiente de amor os libros que se crea acotío.
Porque, quero deixárvolo ben claro, non se pode escribir correctamente e dun xeito creativo sen ler. Imposible.
A casa e as aulas son espazos propensos á lectura. Idóneos, sen dúbida, para estimular a curiosidade dos alumnos polos libros e a oprtunidade inmellorable de atopar neles a complexidade do mundo e todo o afecto que a vida contén e que nas súas páxinas podemos descubrir.
Como di Agustín Fernández Paz: “ os libros axúdannos a entendernos e entender o mundo en que vivimos”. E permítennos soñar, comprender a maxia da palabra, facer vivos os nosos sentimentos e tocar a beleza cos nosos ollos.
Sempre ocorre nos meus encontros. Pregunto aos rapaces e rapazas que deben facer para chegar a escribir ben. Ser escritor ou escritora non é o obxectivo á vosa idade. Pero si facervos sentir o amor pola literatura. Dende aí, dende ese amor pola palabra literaria podedes chegar a metas insospeitadas.

Fago, pois, esta pregunta: Cal é o primeiro paso que debemos ter en conta para chegar a escribir ben?
E os nenos dubidan. E din/dicides toda unha chea de cousas que están moi ben pero que non son a primeira. Ao final, sempre aparece alguén que dá co que quero oír. Daquela, sorrío e son feliz.
O primeiro que hai que facer é LER.
Lendo, ademais do que xa dixen, aprendemos maneiras de escribir, enriquecemos o léxico, captamos os diferentes enfoques literarios, collemos ideas, enchemos os nosos ocos creativos de sabedoría literaria.
Non se pode escribir ben sen ser un bo lector.

O segundo paso a dar é ANDAR POLA VIDA cos OLLOS MOI ABERTOS, cos oídos moi atentos, co corazón predisposto a emocionarnos coas pequenas cousas que, ao final, son moi grandes. Porque tamén se escribe sobre a vida dende o corazón.

Podo afirmar que eu, que levo escribindo ben anos, baseo a miña literatura nestes puntos: o que leo, o que escoito, o que vexo, o que sinto e o que viven e senten os demais.

O terceiro paso é ESCRIBIR. Escribir e escribir. Coller o hábito de facelo, expresar de xeito variado o que se sente, o que se ve, o que se escoita. Escribir de todo (eu comecei facendo os meus propios xornais). Escribir a partir do que se le: un verso pode facilitarnos un tema para escribir outros versos ou un conto. A partir do que escoitamos ou vemos ao noso redor: unha nena cun can , un velliño cun paraugas azul ou unha porta semiaberta poden suxerirnos razóns para escribir. E coñecer a literatura de tradición oral. Só fai falta que voe a imaxinación. Escribir o que che pasa no día, escribir sobre unha noticia que viches na televisión ou liches nun xornal ou revista…escribir sobre a necesidade de escribir.


E o cuarto paso pode ser CORRIXIR. Hai que ter paciencia coa escrita. Non se pode acabar nada nuns minutos. O acto de escribir esixe limpeza léxica, precisión, corrección lingüística, ritmo, que flúan as oracións, que teñan coherencia os parágrafos, que non se empreguen retrousos dun xeito abusivo, que os versos sexan sonoros, que non se utilice a rima fácil etc.
Corrixir, reescribir, como ler e reler, é a verdadeira maneira de escribir.

Escribir para coñecernos, para sentírmonos eixe dun mundo de noso, para afondar nos sucesos que nos conmoven, para descifrar os enigmas que nos obsesionan. En fin, unha maneira de medrar por dentro a través da literatura.
Escribir e ler. Ler e escribir: dúas caras dunha mesma moeda.
Escribir e ler. Ler e escribir para adquirirmos un compromiso. Para chegar a ser persoas comprometidas co ser humano, coa natureza, cos valores cívicos, cos dereitos innegociables das persoas, coa paz.

E remato cun poema meu que fala dese compromiso que toda persoa que escribe debe ter presente. Iso si, primeiro debe comprometerse coa literatura e logo coa realidade que a rodea.
                      

Hai moitos ollos no mundo,
ollos ledos e baleiros,
pequerrechos, preguiceiros,
ollos tristes e profundos.

ollos de todas as cores
Ollos ollando os abrentes,
ollos con olladas frías,
ollos de noites e días,
olladas de ollos doentes.

Ollos claros e marróns,
azuis, negros, verde escuro,
ollos que baten nos muros,
ollos-corisco e limón.

Ollos das pombas feridas,
ollos de pombas feridas
ollos limpos,meiguiceiros,
ollos que aluman carreiros,
ollos de olladas perdidas.

Hai moitos ollos na terra,
ollos ollando as olladas
doutros ollos e as moradas
de tantos ollos que berran.

                  (Do libro Paseniño, paseniño, editado por Everest- Galicia.2003)

                                                             

                                                                                ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO