Mostrando entradas con la etiqueta tradución.. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta tradución.. Mostrar todas las entradas

jueves, 12 de octubre de 2017

DARDO POÉTICO (LI) "Dous poemas de Clara Janés deitados ao galego"




Non é un segredo para ninguén que entre as miñas voces poéticas favoritas se atopa Clara Janés.
     
     Versos e aloumiños tenlle dedicado varias entradas pola súa calidade literaria (mesmo máis alá da poesía)  e pola humanidade da que fai bandeira. Ademais, dende que tiven o pracer de coñecela persoalmente en Granada, foi unha muller xenerosa comigo. Sempre garda un detalle orixinal para min. Sempre recibo unha mostra de que non se esquece de alguén que a quere e valora.
 
Clara Janés
     Por todo isto, non vou volver falar dela en profundidade. Pódense consultar textos aquí, neste blog-revista, se alguén quere saber do que opino da súa obra ou ler poemas recollidos en diversas sección.

     Hai un tempo tiven a sorte de recibir dous libros dela. Dun deles, xa falei no seu momento. Era La noche de la pantera.
     
       O outro, editado pola editorial Tusquets, acabo de lelo. Trátase de Estructuras disipativas.
     Unha vez máis entrei nos seus versos e fiquei fascinado: unha proposta orixinal (toda a súa obra ten un moito de orixinalidade) que contén referencias á ciencia de vangarda; unha ciencia que aporta as súas metáforas para que o lector poida mirar con ollos diferentes un universo sacralizado. Ademais,  paga a pena salientar o feito de recorrer a versos doutros poetas para mesturar os seus e homenaxealos ademais de complementar as composicións de seu.


     E nestas estaba cando decidín atreverme a traducir ao galego dous dos poemas de Estructuras disipativas. Sei que é unha ousadía, pero sei, tamén, que Clara mo vai perdoar. Sentín a necesidade de poñer na nosa lingua a beleza e mais esa aventura do inesperado que é a poesía dunha muller que está en procura constante do novidoso. Desexaba sentila máis preto aínda do que está en min. O resultado está aquí abaixo.

       A ver que vos parece.



NA AREA


VOLVÍN  botar a rede ao aire
e o aire entre as mallas
fuxía
e na area os paxaros morrían
e o sol queimaba o horizonte
chamando as cinzas.
A palabra sen casca
era va:
á intemperie ficaban a ficción
e o seu intento.
Derreados a esperanza e a fe
recollían o derradeiro salouco do amor.
E na area os paxaros morrían
e na area esmoreaba o sono.

Entre as nubes brancas
unha vela sen rumbo
perdíase.




ANUNCIO DE FINAL


COMO a aguia, caeu sobre a súa presa
e, por aquela perda,
Sillón "u" da RAE que ocupa Clara Janés
coutando todo nexo
co seu centro,
cravou o alfinete da ausencia
e estableceu no corpo
unha insalvable
distancia coa vida.
O aire e mais a mansedume
esvaeceron,
e a inmobilidade foi
anuncio de final,
aínda que o sosego das plantas durmidas
enchía a penumbra
previa ao amencer.


                             


                                                                                                              ANTONIO  GARCÍA TEIJEIRO