Mostrando entradas con la etiqueta garcía rivas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta garcía rivas. Mostrar todas las entradas

jueves, 1 de septiembre de 2016

ESCAPARATE POÉTICO (LXXXVI) Manuel Álvarez Torneiro





                         MANUEL  ÁLVAREZ  TORNEIRO (A Coruña, 1932)




FRAGMENTO DOS CAMIÑANTES



Crúzanse nos camiños
tristísimos xigantes de ignorancia e tenrura,
Manuel Álvarez Torneiro
montañas de silencio, ou ben restos de un himno.
Pasan falando sempre do de nunca:
serias figuras de benaventuranza,
resistencia de mel ou mica pobre.

    Van aínda negando a princesa do conto,
atuando o horror sobre anacos de louza,
referindo as trampas da música,
ou fan xogos de mans nos milladoiros, beben
ou xuran vingarse se non medran os ríos.

    Levan pouca equipaxe, algo de cinza,
navallas que concentran o fulgor das tormentas,
unas estampas sepias que os delatan:
esa debilidade por facer memoria,
restaurar interiores tan afíns ao misterio.

    Ás veces atópanse á sombra das cortizas,
nos pórticos ociosos,
ou saíndo dos museos que os devolven tan tristes,
o una pólvora enteira que mollou o inverno.

    E son os confidentes: esas palbras neutras
a partir dalgún intre decadente,
a partir desas mans de medir o pecado.

    E poden ser felices se non recordan nada
ou conspirar e telo moi calado.

    Ás veces, ata poden ser felices e dignos,
negar certa ruína
ou velar o extravío co que se fan os soños.





PALABRAS DE VIVIR


Sabía que con outras palabras se construían reinos
que non hai (mais existen),
que se espallaba o clima das magnolias,
o azul, a menta.
Sabía que o mar tiña escribas propios
e illas que levitan,
que o oficio do soñador acadaba
luz zodiacal e coros para hosannas,
e que a norte, ese poder primario,
habitaba extra muros.

    Sabía que con outras palabras
se mentía en beneficio da latrina e o deserto,
das voces do apestado, da alcoba desnortada.
Sabía que hai palabras para explicar a Bach,
custodio aínda da alma mellor;
que hai palabras para matar a espada,
facer o rito
"Fervenza". Xulio García Rivas. (Tinta china sobre papel)
ou retomar o tempo das grosellas.

    Pero as súas eran palabras de vivir:
de dúbida en decembro,
miméticos vocábulos de pedir
piedade pola seca:
palabras de implorar entendemento, auga,
misericordia mesmo.



SEMPRE


Permanece un rostro primitivo,
un perdón imperfecto,
ese retorno á patria non querida,
aquel que bebe calma en flor de desmemoria.

    E o cómplice da pena
que entra, irreverente, no salón orballado.





(Do libro Rigorosamente humano, editado por Ed. Kalandraka, 2015. Col. Tambo)

miércoles, 23 de septiembre de 2015

GARCÍA RIVAS LE E REFLEXIONA SOBRE " AS ÚLTIMAS GALERÍAS ", A RECENTE NOVELA DE XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ CÁCCAMO.

Xulio García Rivas
Que Xulio García Rivas é un gran pintor non o dubida ninguén.
     Pero Xulio é moitas cousas máis. Entre elas, un gran lector. Non vai de crítico, non. Ese non é o seu labor.
     Xulio le e le moi ben. Despois reflexiona e consegue, cunha claridade evidente, artellar un discurso coherente co lido.
     Animeino a que puxese por escrito o que me contaba sobre a novela do poeta Xosé María Álvarez Cáccamo, As últimas galerías (Ed. Galaxia.2015).  Estaba entusiasmado.
     
     Xulio, que é moi ben mandado, non dubidou en facelo. Daquela, escribiu este magnífico texto sobre a lectura para compartir con vós, queridos seguidores de Versos e aloumiños. Pura intelixencia. Pura xenerosidade.

       

AS ÚLTIMAS GALERÍAS

Novela de Xosé María Álvarez Cáccamo.

Editorial Galaxia. 2015.



Un feixe de cartas de amor e un álbum de fotos conforman a historia  de Amalia, unha muller internada nunha residencia  xeriátrica, de memoria fráxil, inquietante con luces e sombras esvaídas  na néboa da súa vida. En conversas co narrador  móstrasenos  todo o proceso da reconstrución dunha vida desde a mocidade.

      É evocadora, enigmática, misteriosa, poética. Algúns dos seus  capítulos  suxiren fantásticas imaxes  extraídas, por exemplo, do capítulo 2.. " Soñei  que a  miña  nai  conducía  unha  cama de hospital.... . Tráenme a memoria ás inquietantes e suxestivas imaxes dunha escena da película Roma ( Federico Fellini.1972 ) na que se mostra a entrada na cidade do equipo que roda a película e como a cámara viaxa nun enorme guindastre cuberto por plásticos, que recorda a unha cama con dosel, durante unha noite de treboada e néboa xerando impactantes  imaxes que logran conmover o noso espírito como o fai  tamén brillantemente coa palabra Xosé María Álvarez  Cáccamo neste segundo episodio da súa novela. 

     Tamén a min, claro, gústanme ás referencias pictóricas e o humor  dalgúns   parágrafos :  "Entre ás pinturas da casa, eu tiven  sempre  un  aprecio especial por un óleo sobre  táboa.... ou " Píntame un fajanjasto  para o cuarto de estar",  pedíamoslle  a Luis.

     A recreación do tempo en que transcorre a trama, a guerra, a postguerra, Vigo, a represión franquista está moi ben documentada, as cancións de  Amalia: “Están clavadas dos  cruces en el monte del olvido”, “Camino Verde” ou Solamente Una Vez” contribúen a crear unha atmosfera fondamente emotiva.

     Ten un ritmo  atraente  debido  a que é unha novela  que narra unha serie de acontecementos decisivos na vida da protagonista e que van logrando crear un ambiente enigmático que só se vai desvelar se seguimos lendo ata o final. Está moi ben a figura do narrador convertido en personaxe:

Xosé María Álvarez Cáccamo
     "E coidarei  esta  nova  fantasía de vello, o  home  que ve  pasar a figura aérea dá  nai  nena a correr  sen  esforzo  pola  pista de  patinaxe  e   conducir a  súa  vida  por  onde  a  levan  ás horas,  sen  proxecto,  sen  peso,  sen  medo. " E polo medio unha  historia  de amor  preciosa,  que posúe unha carga dramática final.

       O poeta, agora novelista,  que xa ten publicado outras obras narrativas,
 utiliza nesta novela a ficción  como o elemento fundamental que compón o texto   
  
     Toda a narración  está tinxida con un delicado aire poético e con unha  rigorosa e fermosísima linguaxe literaria. 

      Estamos diante dunha magnífica novela.

                                                                                                                      XULIO  GARCÍA  RIVAS