lunes, 13 de octubre de 2025

PUBLICADO EN "ESTELA" do FARO DE VIGO: "Os libros, seres vivos que perturban". (Antonio García Teijeiro)

 




                         OS LIBROS, SERES VIVOS QUE PERTURBAN

 

                                                                                     Antonio García Teijeiro

 

AGT (Foto de Anxo Cabada)




Sentado diante da fiestra sinto horror polo xenocidio de Gaza e decido boicotear a Vuelta Ciclista e o EuroBasket pola participación de Israel en ambas competicións.




Aplaudo as interrupcións das etapas e danme noxo as declaracións de personaxes do deporte branqueando o sionismo israelí.

Sen música, remato La noche de Tlatelolco, de Elena Poniatowska: masacre e horror institucionais contra a xustiza e a liberdade. Nada novo.

Daquela…

Volve setembro. Van apagándose as esaxeradas calores estivais que padecemos estes meses. Con setembro, entre o remate do verán e o principio do outono, as escolas abren de novo as portas e plantéanse os mesmos retos de sempre.




A rapazada, inmersa en móbiles e redes, volve a atoparse cos libros de texto, cos exercicios, cos controis, cos proxectos e demais. E a lectura?

Eu non podo esquecer os libros de literatura nas aulas. A súa importancia. A súa necesidade. E penso nela como algo fundamental na formación do alumnado. Cada curso apostei por que os meus alumnos e alumnas gozasen da boa literatura. E, se falo a nivel global, por desgraza, dubido da verdadeira consolidación da lectura aberta, de calidade, positiva, nas nosas aulas.

Síntoo moito, pero cada ano que pasa son menos optimista (non quero dicir pesimista para que non me chamen derrotista) no tocante a que a lectura se desenvolva convenientemente nas escolas.

Hai unhas semanas Elena Villanueva apuntaba en FARO uns datos desoladores: o último informe PISA (2024) evidenciou as carencias do alumnado galego en lectura. Sinalaba un retroceso de case trece puntos nos hábitos lectores nunha década. Non me sorprendeu. Nada novo para min. Dende hai uns anos veño constatando, malia certas opinións en sentido contrario, que a lectura entre a mocidade está diminuíndo e que os mozos e mozas non a contemplan como un dos seus plans cotiáns.Na información da xornalista podiamos ler que só un 8% le diariamente, que un 43% dos maiores de cincuenta anos non le nunca e que o IGE (Instituto Galego de Estatística) informa que, referíndose a Vigo, catro de dez vigueses non colle un libro nunca e só un 9% o fai cada día. Son datos estremecedores. Datos para botarse a tremer.

Así que un non deixa de pensar que algo  non se está a facer ben.




Na maioría dos fogares non existe o hábito lector e a escola (agás docentes moi concienciadas) ten a lectura como algo secundario. Pouco ou nada  le unha boa parte dos mestres como sería aconsellable.E se faltan bos ou boas mediadoras todo resulta inútil. Hai excepcións, sen dúbida, pero abondan as prescricións que as editoriais envían aos centros con criterios máis comerciais que literarios. Non se fan postas en común sobre libros interesantes: eses libros que permiten reflexionar -ademais de entreter, que tamén existen- sobre comportamentos dos personaxes, sobre situacións da vida, sobre a complexidade da sociedade. Son textos que axudan, dende a boa literatura, a tomar conciencia do mundo que vivimos, a un coñecemento de cadaquén máis profundo e a procurar horizontes de conciencia persoal e social en liberdade.

Un libro é algo vivo que convida a penetrar nel e a perderse pola infinidade de vieiros que abren ao lectorado. Libros con sensibilidade que rabuñan por dentro e que permiten que sigamos medrando interiormente.

Vivimos na época das RRSS, do inmediato, da velocidade, da imaxe banal. Somos parte dunha sociedade que rexeita, en boa medida, todo o que signifique reflexionar, detérmonos na voráxine cotiá. Que rexeita todo o que supoña un esforzo. O pensamento e a serenidade semellan unha perda de tempo. Aburren. Non queren deixarnos parar. Non lles convén.

Observo unha uniformidade social e de comportamentos que me deprime. E considero que os bos libros nos crean conciencia de nós mesmos. Encantaríame que, dunha vez por todas, puxésemos resistencia ao conformismo imperante cos libros como bandeira.




Na sedución que me produce o acto de ler, coincido coa escritora e ensaísta arxentina Mª Teresa Andruetto cando expón que “a literatura é un espazo de desacato capaz de facer que os lectores e lectoras, no decorrer da lectura, esquiven riscos, loitas e que se planteen toda clase de preguntas”.

Como dixen anteriormente, un libro é  un verdadeiro ser vivo que nos perturba -no bo sentido- e nos ensina a mirar zonas aínda non comprendidas de nós mesmos.

Así o sentín eu cando descubrín a riqueza das boas lecturas e, xa como escritor, como dicía Borges, non son o que son polo que escribo, senón polo que leo.

E por iso sigo a ler a diario textos variados, agardando con ilusión esa hora de lectura feliz , silandeira, á última hora do día. Esa lectura que me reconforta nun mundo que me desespera. Anímense e acompáñenme.