martes, 15 de octubre de 2019

ESCAPARATE POÉTICO (CXXI) Chus Pato










                                             CHUS PATO (Ourense, 1955)






Seriamente
aquí
só estamos nós
as que non podemos ser ouvidas nin ser vistas

sostéñennos as oxivas
imos en tren e dicimos
Chus Pato  (Foto de Xoel Gómez)
¡¡¡ adeus, adeus!!!

imos esbarroando en castelos enormes
ou fragas
e nos cumes
cristas que cortan a pel
e desafían os ventos

quen aquí falamos somos pedras

iso
o voo dos grous
coñecémolo

…………………………………….

Por iso uliamos a óxido
non eramos quen de chegar até os cristais do faro

desexabamos ver a horta do mar
a franxa
ou nadar e chegar á illa

por iso uliamos a brea
a piche negro
a fondo de gamela

os nosos pés abríanse ao contacto co granito

caïamos dereitos
ou en forma de acio
abriamos a tona das augas
por un intre soportabamos o peso do materno

un canto átono
nas dunas

nel
tallamos os músculos da glote

despois
todo desaparece
o salitre e o iodo as algas o aceite a intelixencia
as voces de Deus

os vidros vermellos

todo

………………………………………

Furtiva
rodeada de árbores tan taciturnas coma ela
xurou
que aprendería a arte das palabras
que poñería en xogo a vida

daríalles caza
traeríaas


................................................................................


Sentes unha ameaza
ves as árbores
seguramente ti tamén o estás
envolta pola néboa
como a montaña que escalas

sábeste dentro da alucinación

para iso serven os tapices
para envolver con eles o teu corpo

baixo os cascos dos cabalos

para que te recoñeza na éxtase
e te garde na memoria


…………………………………………..


Non disparei
claro que non
pero a pel da osa era xusto do meu talle
e sei aleitar as crías
Abandonamos o inverno
os cranios das ancestrais
e o negativo das maos nas paredes da caverna
Ti, poeta
deséxasnos
desexas as augas cristalinas do río
e o peixe cru que devoramos
o mel das nosas bocas
sobre todo o enxameo no ceo da túa
a psique

é extensa
non o sabe


(Do libro Un libre favor, editado na colección Dombate  pola Editorial Galaxia, 2019)

jueves, 10 de octubre de 2019

A BUTACA DO LECTOR (4): "Conta nove estrelas", de Andrea Maceiras


O lector nunca deixa pasar a oportunidade de ler cada nova obra que Andrea Maceiras tira do prelo. E Conta nove estrelas Non ía ser a excepción. De feito, non o foi. Gústalle ao lector o mundo literario desta escritora coruñesa que ateiga de humanidade cada novela que publica.

     Por iso, o lector deixouse levar, como viaxeiro dunha nave espacial da Galaxia de Oma, pola aventura que viven dous seres – tres, en realidade - que os vai levar a desafiar os límites do universo coñecido.

    
O lector viviu ben interesado nun libro de aventuras intergaláctico. E axiña comprendeu que Quepi, Udai e algún personaxe máis rematarían tocando a súa fibra sensible cando a acción comezase a desenvolverse.

     Xa no principio aparece a figura do avó dos rapaces, Acasi, que vive con eles en Dot, un planeta tan bonito coma inhóspito onde ninguén quere quedar.
E aí xa comeza a tenrura que a autora expresa cara a esas persoas maiores que tanto dan e demasiadas veces tan pouco reciben.

     O lector sempre amosou un agarimo especial polos anciáns e anciás. Prodúcenlle esa tenrura que Andrea Maceiras mostra nesta novela.

     Pero cando o lector coñece a Quepi, fica engaiolado polas características desta rapaza marabillosa que pensaba que non era quen de percibir a natureza e angustiábase por iso.

     Quepi é unha nena diferente que conversa coas rusgalias e a quen lle gusta sentirse libre de cando en vez. En soidade, agochada, ocúpase das cousas do fogar mentres Udai e o avó marchan traballar.

     Quepi, pensa o lector, representa a diferenza. Ser diferente é un problema en calquera sociedade. E a nena da melena turquesa, érao e desexaba ser útil por unha vez na súa vida. Sentíase monstruosa e torpe e sufría porque pensaba que todos tiñan que cargar con ela.

     E foi o bobó, un animal perseguido e teoricamente destutivo, quen vai cambiar boa parte do comportamento de Quepi. Mais tamén lle dará enormes problemas que irán superando xuntos.

     O lector participa activamente nos diversos atrancos que os protagonistas teñen que superar. Activamente porque sente no seu interior a necesidade de botarlles unha man e que deixen de sufrir perante tanta circunstancia adversa.

     O lector, coma os protagonistas da novela tamén queren chegar á Estrela Dormente. Quere coñecer a historia dese pobo antigo como o Universo. Ese pobo pacífico que vivía en paz e foi atacado polos habitantes dun planeta veciño e tivo que elixir entre loitar e fuxir.

     E ao lector véñenlle á mente traxedias de pobos que ao longo da historia tiveron que sufrir o éxodo das súas terras.

     O lector séntese triste e, á vez, feliz de comprobar que na Estrela Dormente hai vida, lugares por descubrir e posibilidades para seguir soñando.

     E aí, nese lugar, a diferenza de Quepi anteriormente, Udai séntese verdadeiramente raro. E non quere deixar pasar a oportunidade de ser, por unha vez, o diferente.

     O lector emociónase cando cara ao remate do libro le: “Que sempre exista algo que nos faga diferentes, pero que nunca esquezamos que todos provimos dun mesmo, enorme e único latexo.”

     O lector pecha o libro. Pensa nas diversas reflexións do mesmo e volve ser feliz e non sabe se, por influencia da novela, está a sentirse diferente el tamén.


lunes, 7 de octubre de 2019

REMUÍÑO DE LIBROS (64) "Somos os monstros", de Paula Carballeira








TÍTULO: Somos os monstros.




AUTORA: Paula Carballeira.



ILUSTRACIÓNS: Ignacio Hernández.




EDITORIAL: AGADIC e Edicións Xerais. Colección:Biblioteca Dramática Galega.





Somos os monstros é unha obra teatral que foi coeditada pola Axencia Galega das Industrias Culturais, a Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e Edicións Xerais de Galicia, na colección Biblioteca Dramática. Esta obra vén avalada por ser a gañadora do X Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil 2018.

     A súa autora, a escritora e actriz Paula Carballeira, é unha persoa ben coñecida dentro do panorama da LIX, tendo cultivado diversos xéneros literarios para diferentes idades pero sempre cun transfondo social, humano, que convida á reflexión. E  Somos os monstros non é unha excepción.
      
Paula Carballeira (De fenecom.blogspot.com)
Trátase dunha peza teatral composta por doce escenas pequenas e cun elenco de personaxes xenéricos fixos (Nena, Neno, Monstro grande, Monstro pequeno, Pai e Xente) que representan a todos os do seu xénero, pois a autora afonda na súa psicoloxía e amósanos como, no fondo, os monstros e os humanos non somos tan diferentes.

A partir dunha trama sinxela (Nena e Neno pérdense de noite no bosque queimado no que estaban xogando e aparecen os monstros) e artellada cunha linguaxe clara, directa, expresiva e non exenta de humor, substentada sobre todo nos diálogos dos personaxes, créase un universo simbólico onde o humano e o fantástico se unen cando cae a noite e xa non se sabe quen é o monstro e quen o humano, pois ao fin, todos buscan a convivencia sen prexuízos.

     Ademais plantea o tema do medo nas diversas vertentes: medo ao descoñecido, á escuridade, á soidade a través da figura dos monstros, pero...Quen son os monstros?
E tamén permite abrir portas a novas lecturas sobre temas actuais: relacións pais-fillos, a importancia do xogo compartido, do respecto e coidado do noso medio natural e das diferentes especies para lograr crear un futuro mellor, plural e solidario.

      As vivas e coloridas ilustracións de Ignacio Hernández a partir de trazos sinxelos, danlles vida aos personaxes compartindo o ton textual.


Páx.36:”Monstro pequeno:Eu son un monstro pequeno que busca grandes medos”
Páx.44: “Monstro grande: Comemos o que nos deixades. Vivimos onde nos deixades. Aparecemos cando nos deixades. Fostes vós quen escollestes o día, os camiños sen silveiras. Sodes vós quen asustades os vosos fillos e as vosas fillas. Nós só estamos e, ás veces, xogamos.”
Páx.59: “Nena: Podemos ser estraños, diferentes e perigosos.”
Páx.61: “Nena: Cadaquén vive onde pode ou onde lle deixan.”


                                                                                                  ALBA PIÑEIRO

viernes, 4 de octubre de 2019

CHUS FERNÁNDEZ PRESENTA "Versos e viceversos" na FEIRA DO LIBRO DA CORUÑA

Chus Fernández presenta Versos e viceversos na Coruña




Presentar Versos e viceversos na Coruña, tras as presentacións en Fuenlabrada, Vigo e Pontevedra, requería unha persoa ben espcial para iso. De aí, que pensei axiña en Chus Fernández.
   
     Chus Fernández é unha gran coñecedora da LIX que se escribe en Galicia e fóra dela. É Chus quen fai as reseñas da literatura galega e os percorridos da nosa LIX na revista CLIJ, unha das máis prestixiosas, sen ningunha dúbida, do país.
   
     Pero non só iso, senón tamén a amizade que nos une debido ao tempo que levamos loitando por facer da literatura infantoxuvenil algo máis visible. Ambos os dous sabemos da importancia da mesma, da lectura na infancia e na adolescencia e polo tanto estamos vencellados por este labor tan arduo coma marabilloso.

     A súa presentación foi admirable e Chus tivo o detalle de enviarme o texto (que non leu) para compartilo no noso blog-revista, algo que Versos e aloumiños lle agradece fondamente.



             PRESENTACIÓN VERSOS  E VICEVERSOS                                                     3 de Agosto, 2019.


O libro que hoxe presentamos é sen dúbida un libro singular, especial, unha “rara avis”… E isto por varías razóns.
Unha delas é porque se trata dun libro de poesía, e a poesía é o xénero menos representado no actual panorama editorial. Afortunadamente esta escaseza soe compensarse, como é o caso presente, cunha gran calidade dos poemarios que se editan.
Outra razón é porque este libro ten catro autores. Iremos vendo:
-         Dous son os autores do texto, dous poetas amigos: Antonio G. Teijeiro e Juan Carlos Martín Ramos, un galego e outro andaluz que, ademais de ter entre eles unha boa amizade, forman parte dun clan  común, o clan dos poetas, é dicir, dos sabios da tribo , os que son quen de poñer verbas ao inefable, a aquelo que todos intuíamos e non sabiamos expresar ata que eles nolo descubriron, e era así, xaora, non podía ser doutra maneira. Pero ademais, estes dous son da tribo de Manuel María, de Bernardino Graña, de Gloria Fuertes, de María Elena Walsh,  de Lorca, de Alberti, de Juan Ramón,…dos que saben que cando se escribe poesía para os nenos e nenas hai que facelo co máximo respecto, con todo rigor literario, porque, como dixo Gianni Rodari, “Escribir para a infancia é interpretar maxistralmente unha sinfonía utilizando poucos instrumentos.” Que difícil.
-         Antonio é ben coñecido aquí na súa terra porque él é un dos pais da moderna literatura infantil galega. Narrador, pero sobre todo poeta, leva motos anos achegándonos as súas creacións que xa forman parte do noso patrimonio, e polas que ten recibido importantes premios como o Premio Merlín, o Premio Paolo Vergerio, o Luna de Aire e o Nacional de Literatura infantil e Xuvenil do ano 2017. Pero non só é poeta, Antonio é tamén un militante da poesía, que vai cos seus coñecementos e a súa voz alí onde é requirido, amosando áss novas xeracións  que a poesía non é algo difícil e alleo,, senón algo próximo e necesario “ como el pan de cada día, como el aire que exigimos trece veces por minuto” que dicía Gabriel Celaya.
-         Juan Carlos é outro militante da poesía, con unha extensa e importante obra que ten acadado merecidamente moitos premios: Premio Leer es vivir, Premio Lazarillo, Premio Luna del Aire, Premio Internacional de Poesía para Niños “Ciudad de Orihuela”. Ademais, Juan Carlos é un home de teatro con moitos anos de experiencia como titiriteiro, indo dun lugar a outro dando vida e voz a monicreques, que en repetidas ocasións son personaxes aos que van dedicados os seus poemas.



-         O terceiro autor do libro é o seu ilustrador, Juan Ramón Alonso, outro dos grandes, dos que puxeron  as bases da actual Literatura Infantil.  Coñecemos ben a Juan Ramón Alonso, non podemos deixar de relacionalo co noso querido Juan Farias e as súas extraordinarias Crónicas de Mediatarde,  nin co inesquecible libro de Concha López Narváez  La Tierra del Sol y la Luna, nin coas fermosas ilustracións do libro do noso autor Manuel Janeiro, Pucho o habitador dos tellados. Coñecemos a sorte, ou a habilidade, que teñen tanto Antonio como Juan Carlos de acompañarse dos mellores ilustradores e ilustradoras, e este libro é un fito máis nese brillante historial. As fermosísimas ilustracións de Juan Ramón Alonso poñen imaxes a algo realmente difícil como é ilustrar poesía onde, case sempre, trátase de amosar plasticamente algo abstracto, unha idea, un concepto, un sentimento… Ninguén que lea este libro poderá disociar os poemas das extraordinarias ilustracións que os complementan.
-         Dixen que eran catro autores, fáltame un. E este é, sen dúbida, o editor. Este libro non sería o que é sen o mimo e o coidado cos que está editado. Todo, cada detalle, está pensado para facer do libro unha pequena xoia: O papel empregado, o tratamento das ilustracións, a capa, as gardas, o tipo de letra, a disposición dos elementos na páxina… Todo isto fai de Verso e viveverso un fermoso obxecto artístico.
E que imos atopar no libro?
Son trinta poemas escritos a dúas mans polos seus autores. No libro cada poema ten unha pequena introdución, unha estrofa, unhas veces en castelán se é obra de Juan Carlos, e outras en galego se a escribiu Antonio, a continuación, o outro poeta retoma a idea que lle suxiren estes versos e a amplíaa e recréaa cunha creación propia. Antonio glosa a Juan Carlos e Juan Carlos Glosa a Antonio.
Son poemas que teñen como destinatario a todo tipo de público lector,  desde os nenos e nenas  aos que vai dirixido preferentemente, ata calquera persoa adulta amante da poesía.


     A maior parte destes poemas posúe estrutura  clásica, versos agrupados en estrofas  moi diversas,  e utilización de ritmo e rima, ademais doutra gran variedade de recursos poéticos, tanto fonéticos como semánticos ou sintácticos. Non falta a vontade lúdica de utilizar a linguaxe como un xoguete manipulable que se pode montar e desmontar, que  depara sorpresas e novos descubrimentos.
Son poemas intimistas, en todos eles hai un “eu poético”, unha voz en primeira persoa que se dirixe a un ti receptor, e que utiliza todos eses recursos para expresar sentimentos propios.
Tamén atopamos diversidade de temas, algúns dos máis representados son: o mar, as lembranzas, a infancia, a propia creación, a denuncia de inxustizas, os sentimentos…
Vexamos exemplos:
O mar nas composicións deste libro é un mar personalizado, un mar que soña, que bica, que descansa, que pregunta, é un mar que garda recordos da infancia, que resume unha vida enteira, un mar democrático como dicía Nicolás Guillén,  un mar vivo que ten buguinas, ondas, peixes, gaivotas…, un mar grande  que tamén se fai pequeniño para que o  poidamos enrolar como unha toalla e poñelo a secar no tellado,  un mar amigo que nos vén buscar á nosa casa.

                                               He puesto a  secar el mar
                                               en el tendedero.
O mar non está mollado.
Porén, púxeno a secar
sobre o tellado.
Eu plantei na súa escuma
algúns caraveis de sal,
flores de lúa.
………………………………………………

                                                        Mar
                                                                  Mar
                                                        que preto
                                                        e
                                                                  lonxe
                                                                       estás

Unha vez veu o mar
e preguntou por min

Regaloume unha buguina
chea de voces estrañas,
o canto dunha serea
e unha historia de piratas.
……………………………………………………………..

Ás veces, Antonio e Juan Carlos utilizan obxectos simbólicos para expresar sentimentos e desexos: A Chave,  para abrir os soños e deixalos en liberdade:
                                                        Guardo una llave
                                                        bajo la almohada,
                                                        la llave de abrir la puerta
                                                        de la mañana.
Gardo unha chave
dentro do peto.
Abro con ela
soños sen medo.
Soños de lúa
  e de xeada.
Soños que aluma
a madrugada.
…………………………………………………………………………….




O caderno, como símbolo do proceso creativo e da propia escritura:
                                                        Miña naiciña!
                                                        Que cousas teño!
                                                        Xa non me collen
                                                        no meu caderno.
         Sempre levo o meu caderno
         aberto de par en par
         para que escriba quen teña
         unha historia que contar.

         A chuvia escribe con pingas
         letras que non se ven,
         estralan cando se pousan
         e esborranchan o papel.
         ……………………………………………………………….




A poesía tamén serve para denunciar as inxustizas:
                                                                  Cando recibiu a orde
                                                                           de atacar
                                                                  o  neno decatouse
                                                                  de que era Nadal
                                                                  e  perdeuse nas sombras.
Non vou obedecer as túas ordes,
xeneral.
Non quero ser afouto por algo
que non entendo,
xeneral.

Para xogar á guerra é preciso
xogar en paz.
Pois no medio da guerra,
nin sequera xogar á paz
é xogar.

E, finalmente, unha mostra de como as palabras xogan a descompoñerse, barallarse e volver a montarse:

                                                                  Trotamundos es poeta,
                                                                  vagabundo, aventurero.

         O poeta
                   trota
                            mundos
Dinos sempre
                   o que sente,
                   vive lonxe
                            de si mesmo,
                                      pero ben preto da xente.
Trota  mundos
                   e  vereas.
Trota mares.
Trota soños,
                   pola terra
                   polo vento
                   pola neve
                   e polo ceo.
………………………………………………………..



So me resta dar os meus parabéns aos autores de Versos e viceversos, a os catro, desexarlle ao libro unha feliz traxectoria, e a todos vostedes que desfruten coma min coa lectura destes preciosos poemas.
Moitas grazas.
                                                        María Jesús Fernández.
A Coruña, Feira do Libro 2019