martes, 26 de marzo de 2013

CADERNO ÍNTIMO (VII)



Páxina sétima





  ...E tíñalle demasiada manía a aquel edificio vulgar e anticuado, sempre ateigado de xente que parecía desorientada. Desde que entraba ata que saía, todo semellaba insufríbel naquel lugar morto: non soportaba o desfile constante dos vixilantes da estación, que trataban de impor as súas absurdas normas…
Non, non son eu quen fala. Son eu quen pensa simplemente. Estas cousas días Uxío, un personaxe da espléndida novela que estou a ler de costas ao mundo. Unha novela, Nubes de evolución, moi ben escrita por Andrea Maceiras.
Eu tamén lle teño manía a este edificio sen paredes visibles no que me atopo. Rodéame demasiada xente desorientada, quizais, aínda que o que se encontra máis afundido e sen norte son eu. Claro que isto que me ocorre resulta insufrible! Síntome morto para realizar actividades que antes me ilusionaban. Agora, non. E sufro o axexo constante de vixilantes coa ollada fría, con xestos mecánicos que paralizan o pouco sangue que me queda.
Lembras entre a néboa outras persoas coas mans cálidas que impediron a miña caída por un precipicio máis perigoso. Noites co ceo apagado. Penumbras ateigadas de insectos que conseguen desencaixar a mínima tranquilidade que procuro. Cortinas mestas de fume procedentes dos arames que esconden o horizonte tantas veces soñado.  Soños esmagados polo esquecemento dos banquetes do pracer. O lume queimando as entrañas sen auga para acalalo. Vomito labaradas pola boca, porque non soporto a súa calor velenosa. Tarefa interminable.
E a chave da esperanza, perdida no deserto.
Escoito a música de Charlie Parker. Agárrome con forza ao saxo de Bird, para poder rachar a corda que, ás veces, me inmobiliza e loito para que os poemas, que escribo no meu interior con lapis invisibles, non perdan ningún verso. A música aliméntame. Nútreme de sensacións con algunhas cores. O que eu preciso. E tamén, esa poesía silenciosa, case fantasmal que vou tecendo sen papel.
Continúa Charlie Parker deleitándome co tema, cheo de beleza, Night and day, que o seu fraseo xenial  deixa no aire. Semella unha conmovedora chamada á felicidade. Agradézollo. Sen a música, sen a poesía, sen certas mans preocupadas que me acariñan, estaría  nun edificio máis sucio e fedorento do que estou.
E falando de poesía, teño diante un poemario de María do Carme Kruckenberg:  Jazz espido. Un e dous. Dáme medo abrilo, pero venzo as miñas reservas. Que casualidade! Música e poesía. Ábroo e leo fermosos poemas desta música que tantas variacións ofrece e que a autora mestura e dedica aos nomes  gloriosos do jazz. Nel dou con liñas marabillosas relacionadas con Dinah Washington, Ella Fitzgerald (como te amo, Ella!), Duke Ellington, Anita O´Day, a gran Billie Holiday, Dexter Gordon, o fascinante John Coltrane ou Coleman Hawkins, entre outros. Que poemas tan belidos! Detéñome na páxina corenta. Como segue a soar  o gran Bird, agora co tema Cosmic Rays, leo o poema no que aparece o seu nome. Primeiro para min, sen mover os beizos. Apoio o libro no meu peito, pecho os ollos e escoito. Escoito. Escoito. Escoito. De súpeto, unha forza interna obrígame a  pousar a mirada nun club de jazz, alá pola América profunda onde naceu esta música. Véxome entre fume, cun ambiente cargado, con bebidas, ruído de vasos, xente que fala e uns músicos negros, que non teñen nome.  Non retiro a vista do recanto , no que está a gloria. Fico así un tempo. Non sei canto, en realidade.  Cando regreso ao libro, leo o poema en voz alta. Case berro. Cálmome un pouco e decido compartir estes versos da autora. Quero darlles vida e que queden neste caderno.


15

A búsqueda é constante
non deixa que remate
o motivo primordial da orixe.
Remóntase ao proceso da dor
racionalizado polo agarimo.
Despois nasce o brado
tan silandeiro como unha cantiga
que perdura impasible,
aló do infindo.
A estreitez do coñecemento
remonta ata o descoñecido
e a forza inmortal da fermosura
trócase maxistral
coa inmunidade do amor idílico
de Charlie Parker.

E eu digo, para min, haberá certas raiolas de sol entre as nubes negras que me cegan a partir destas palabras e desta música cromática e viva?
Cala Charlie Parker.
Eu, tamén.


                                                                                       O VELLO  SOÑADOR

                     
                                                              

domingo, 24 de marzo de 2013

Oita, un artista xeneroso


Oita
 Oita é unha persoa curiosa e entrañable. Curiosa, porque ten unha chea de inquedanzas que, se non o coñeces ben, podes ignorar e sería unha mágoa. Entrañable, porque é alguén sensible, próximo, que goza conversando coas persoas sobre diversos temas. Quere os seus amigos e sente por eles. O que lle pasa a un amigo, pásalle a el.

Oita é un verdadeiro artista en proceso de continua evolución. Ceramista, comparte taller con outros/as artistas coas mesmas ilusións ca el. Visiteino tempo atrás e encantoume. Alí, respirábase arte por todos os recantos. Chámase este lugar Espacio Cerámico.  A Oita gústalle facer escultura e denvolve con Francisco, amigo oleiro, traballos de cerámica útil: cuncos, olas, vasillas, pratos,  viradeiras, etc. Cando traballan xuntos adoptan o nome de Dúas testas.

Oita séntese libre e a gusto facendo cerámica. Vistos os resultados, non me estraña. Pero confesoume que o que máis lle gusta é pintar.

Ademais, e iso únenos, Oita é un apaixonado da música dende sempre. Posúe un gusto musical exquisito. Non pode traballar sen ela. Se está no taller, pon Radio 3 e música electrónica. Na súa casa, música de todo tipo. Iso, si, dunha calidade incontestable. Cando nos poñemos a falar de cantantes ou grupos, a conversa resulta un pracer enorme.

Oita sabe da miña paixón por Bob Dylan.

Oita é tan xeneroso, que xa me fixo dous agasallos artísticos e outro, sorprendente.

Guitarra debuxo dylaniano
Hai xa uns anos, regaloume unha guitarra en cerámica fermosísima. Era unha creación propia dun debuxo de Bob Dylan, sacado dun libro de cancións, poemas e debuxos variados do xenio de Minnesota. Unha obra maxistral, que ocupa un lugar destacado na miña sala.

Uns días atrás, chamoume para dicirme que tiña algo para min. Quedamos na miña casa. E chegou con outra obra de arte. Sobre madeira, que leva escitos en grande uns versos da canción Like a rolling stone coa letra manuscrita do músico, vemos unha figura en cerámica, que é un mozo de fasquía moderna e cunha camiseta coa cara do artista. A obra chámase, como non!, Dylanita. Fiquei emocionado. É un traballo de grande imaxinación e dunha calidade extraordinaria. Xa está colgado na parede do salón. Este home faime feliz. E se a isto lle engadimos que me agasallou a folla oficial, atopada por un amigo no escenario, coas cancións que Bob Dylan cantou no seu concerto de Vigo, quero reafirmar unha das facetas máis salientables de Oita: a súa xenerosidade.

Parolando con el na miña casa, decidín facerlle algunhas preguntas, para coñecer mellor algúns dos seus gustos. Oita aceptou encantado e respondeu, coma nel  é habitual, con sinceridade.

E comezou dicindo que, para el, un artista é alguén que o que leva dentro necesita transmitilo, expresalo si ou si, sen intentar buscar o éxito. Ese éxito cara ao que esta sociedade te empurra. Iso sería, para un artista, un erro. E non debemos esquecer que todo éxito é algo relativo.

Aproveitei a súa boa disposición para facerlle toda unha chea de preguntas curtas. Foi moi interesante e divertido.

-          A túa canción favorita:  Lay Lady Lay  (Bob Dylan)
Dylanita
-          Un álbum musical:  Tonight's the Night (Neil Young)
-          O teu músico:   Neil Young, Bob Dylan e John Martyn
-          Un grupo musical:  The  Band
-          Unha película:   Un hombre tranquilo  (John Ford)
-          E musical?  :  The Last waltz  (Martin Scorsese)
-          Unha cantante:  Joni Mitchell e Billie Holiday
-          Un músico de jazz:  Miles Davis
-          Un concerto en directo:  Ambos en Vigo, o de Eric Burdon e o de Leonard Cohen.
-          Un músico de blues:  T-Bone Walker
-          Un cantautor español:   Pablo Guerrero
-          Un compositor clásico:  J. S. Bach
-          Un escritor favorito: Jack Kerouac, William Burroughs e Ánxel Fole. Encántame “ A lus do candil”.
-          Un poeta:  Walt Whitman, Allen Ginsberg e García Lorca.
-          Un libro:  León, el Africano  (Amin Maalouf)
-          Un pintor:  Francis Bacon.
-          Un escultor:  Juan Muñoz e Giacometti.
-          Unha cor:  A cor do mar.
-          Unha ilusión:  Viaxar. Non deixar de moverme.
-          Unha viaxe pendente:  Cruzar os EE.UU. de costa a costa, cunha parada obrigada en Nova Orleans.
-          A quen borrarías do mapa?   Os  imbéciles intolerantes.
-          Que eliminarías da sociedade?  Todas as relixións.
Dylanita xa cologado na parede
-          Con que personaxe histórico comerías un arroz con verduras?  Con Ghandi e o Che Guevara.
-          Con quen non tomarías nin sequera un café?   Con Aznar.
-          Un actor:  Paco Rabal e Charles Laughton.
-          Unha actriz:  Lauren Bacall
-          Un director de cine:  John Ford

E, sen que eu lle diga nada, dime: Gústame moito Brian Eno. É un músico que sempre vai por diante.

A este home marabilloso, a este artista por convicción, doulle as grazas por ser como é.

Antes de despedirnos dime que agora quere facer gravados. O que eu dicía. Inquieto. Sempre dándolle voltas á cabeza. Sempre imaxinando para crear. Seguro que fará cousas fermosas. Sente todo o que fai.
Grazas, amigo, por todo.

Con Oita e a súa obra na miña casa
                                 

 ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

viernes, 22 de marzo de 2013

A luz das palabras (19): Xabier P. DoCampo



Xabier P. DoCampo. 2013
Xabier P. DoCampo ten un corazón grande, moi grande que, ás veces disimula, cando afirma cousas que doen. E doen porque dá na diana cos seus dardos. Claro que, coma calquera persoa deste mundo, non sempre acerta, pero é tan xeneroso que sabe desculparse. Xabier, o meu amigo, é un ser sensible e comprometido co mundo. Tras esa apariencia algo brusca, que pode asustar os que non o coñecen, Xabier ten un corazón enorme, onde vivimos os que nos consideramos próximos a el e o queremos. Home inquieto, intelixente, crítico co con aquilo que considera inxusto, abre os brazos con agarimo ás persoas que precisan do seu ánimo.
Para min, cando comezaba neste mundo da escrita, sempre tivo palabras eloxiosas cara á miña poesía e animábame, ademais, a escribir en prosa. Canto lle agradecín esas palabras!
Xabier contaxia. Xabier é unha das persoas máis simpáticas, irónicas e enxeñosas que coñezo. É un gran conversador que, dicindo cousas moi serias (ou non tan serias, se cadra) fai que chores coa risa. Cando deixas de rir, pensas no que dixo e reflexionas sobre o seu discurso.
Hai unhas semanas quixo estar comigo, despois de enviarme correos cheos de afecto, e estivemos con Agustín, co quen xantou, nunha cafetaría falando, desta volta, principalmente de cinema. Porque Xabier ten o seu libro A casa da luz, en filme. Que ben! Pero o malo é que non está distribuída. Vaia desperdicio!  Agora, anda mergullado noutro proxecto cinematográfico que é do máis interesante. Agustín e mais eu escachamos coa risa escoitando algunhas anécdotas de Xabier. Eu agradecinllo profundamente, pois había ben tempo que non ría tanto. Coa súa voz tan peculiar, os seus acenos e a cara de pillabán que pon, Xabier mete no peto a xente. Quero moito a Xabier. Non di nunca nada por dicir. E Xabier, para quen non o saiba, quere moito os demais. Este chairego, nado en Rábade (Lugo) e que fixo maxisterio  n´A Coruña, leva sobre as súas costas unha morea de proxectos dignos de admiración. Traballou en varias escolas e en Preescolar na casa. Pertenceu aos Movementos de Renovación Pedagóxica. Estivo no Consello de Redacción da Revista Galega de Educación. Deu cursos, conferencias, obradoiros e fixo ponencias ben importantes sobre a lectura e a súa implicación nos medios escolar e social. Todo isto levouno a percorrer Galicia, España e, mesmo a predicar, como lle gusta dicir a el, en América. Guionista en RNE, escribiu obras para vídeo e televisión. Formou parte da directiva que constituíu GÁLIX, asociación da que foi presidente durante dous anos.
"Confesando" a Susi. Ribeira Sacra. Camiñantes. 2009

Foi galardoado en bastantes ocasións, das que eu destacaría: dúas veces o White Ravens da Biblioteca de Munich, a Lista de Honra do IBBY e, por suposto, o merecidísimo Premio Nacional de LIX, polo seu magnífico Cando petan na porta pola noite, no ano 1995, que foi publicado por Ed. Xerais, na colección Merlín, e hoxe figura na colección Fóra de Xogo, da mesma editorial.
Xabier P. DoCampo é un gran narrador oral e, iso, convérteo nun gran escritor de narrativa.  O segredo está en que sabe equilibrar ambas facetas e darlles aos seus libros unha intensidade especial, ademais dunha calidade e dunha frescura fóra de calquera dúbida. Resulta fascinante perderse entre as súas páxinas. Aínda lembro o primeiro libro que lin del: O misterio das badaladas (Vía Láctea). Resultoume apaixonante. Foi unha auténtica descuberta. Hoxe, por fortuna, esta magnífica obra está reeditada en Edicións Xerais de Galicia, na súa colección Merlín. Está a ter un éxito impresionante. O bo permanece sempre. O bo mantén a súa vixencia malia o paso dos anos.

Cando a colección Merlín tiña unha parte final chamada Cando o autor fala de si, Xabier escribiu no seu Cando petan…  moitas cousas ás que lles tiña medo. Eu collín algunhas para rematar esta introdución.

Xabier tíñalle medo, e seguro que segue a terllo, a:

A estar só cando non quere estar só.
A non morrer nunca.
A morrer pronto.
A os que quero que non me queiran.
A que non haxa  flores.
A que non haxa troitas nos ríos.
A non poder mirar as estrelas pola noite.
Ao mar (desde o mar).
A mirar un día para o ceo e non ver un paxaro.
Á guerra, aínda que non teña que ir.
Ás almas miserables.
Cando pasa moito tempo sen que ninguén pete na miña porta…


Grazas, Xabier, por seres como es. Grazas polo teu texto e pola consideración con Versos e aloumiños.  A túa luz, as túas palabras aluman moito máis este proxecto.
Leamos o que nos deixou con todo o seu agarimo.




Despois de ler un poema de Antonio García Teijeiro
Hai voces que nos cobren
Con Antonio. Homenaxe a Xavier Senín. 2012
e nos ensanchan.
Fan máis larga
a nosa alma
e máis longo
o camiño noso.
Vagaroso
camiño de verán,
de caxato e chapeu.
De fonda verba
e ollada ao chan.
De silencio e espreita.
De feliz espera.

Xabier P. DoCampo
No día de San Brais de 2013



Dedicatoria 1ª edición "Cando petan na porta pola noite".