Mostrando entradas con la etiqueta sentimentos. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta sentimentos. Mostrar todas las entradas

viernes, 19 de abril de 2013

CADERNO ÍNTIMO (X)


Páxina décima

Lembro unha tarde de abril, na que non soaba música celeste. Ao meu corpo feble chegou a figura dunha muller secuestrada pola lava dos volcáns  ameazantes. Eu estaba na cama. Ela achegouse calma, con dozura.  Agasalloume a súa man delicada coma a súa saúde. Sentou onda min, que tiña febre, pousou os seus dedos na miña fronte e acariñoume con tenrura.  O tempo semellaba deterse. Un clarinete de plástico, que non era, precisamente, de Benny Goodman nin de Sidney Bechet, foi testemuña fiel dun momento apracible que ficou gravado no meu corazón para sempre. Foron os derradeiros bicos. Foron os derradeiros sorrisos. Foi a derradeira vez que vin a súa faciana facendo esforzos para ser libre.
Esa noite quedei durmido placidamente.
Horas máis tarde, en plena escuridade nocturna, o ambiente volveuse infernal. Tronos, lóstregos, terremotos sacudían o meu leito. A porta estaba pechada. Tiña o corazón encollido. Movementos rápidos de aquí para alá, prantos inconsolables, verbas que se cruzaban entre si,máis prantos de moitos tons. Eu tiña nove anos e non fun quen de abrir a porta do meu cuarto. Meu irmán durmía. Permanecín agarrado ás sabas na penumbra. Que pasa?, preguntei en voz alta. Non houbo resposta.  Pasaralle algo ao avó?, pensei para min. El era a quen máis oía chorar. Entón comprendín. Mamá. A lava cruel decidiu sepultar a súa leve respiración. Que duro espertar!  O sorriso roubado polo destino decidiu borrar as súas liñas. Non habería sorriso igual endexamais. A atmosfera que rexía a miña casa a esas horas enlouquecera e convertÍase en angueira case eterna. Sen sabelo, neses momentos deixaba de ser neno. Non o sería nunca.
Cando entrou meu pai desfeito no noso cuarto, eu xa o adiviñara. Non acendeu a luz. E cunha voz angustiada díxonos: Mamá morreu.  Nos meus oídos comezou a soar a melodía do mar alporizado. As miñas bágoas mesturábanse coa noite que xa estaba a arder.
A partir dese tráxico momento, fixéronme desaparecer  do noso xardín que se volvera seco e sen flores.
Unhas horas antes ulía a xasmín.
E principiou o meu camiño pola vida dos adultos. Eu era un neno ferido. Canto botei en falta os aloumiños e mecos dunha nai! E nese camiño dos adultos, aparecían miradas de mágoa. As pedras , moitas delas moi sucias e repugnantes, dicíanme  palabras como orfo, pobriño, mamá está no ceo, agora tedes que ser bos… anoxábanme. A meu pai as circunstancias roubáronlle anos. Nunca se despreocupou de nós. Neste sentido, foi un exemplo. A min, roubáronme a nenez. Non volvín a ser un neno normal. Dáballe moitas voltas á cabeza. Pensaba de máis. Orfo. Orfo. Odiaba esta palabra, tan repetida, e choraba ás agachadas. Sentía que perdera os meus soños infantís. Atopaba o mar ardendo. Cuspín á escuma que cantaba na súa beira.
Nome da túa nai? Arrubiábame. Silencio. Non teño.
Día da Nai, 8 de decembro. Desolación. Debuxiños e verbas para elas. Eu riscaba o papel. Deserto.
Foi unha renuncia obrigada ao amor. Anos de sobresaltos. Noites de insomnios.
Por que? Preguntaba eu á vida. Ela enmudecía, afastaba a vista de min e miraba cara a outro lado. Non teño nai, berráballe. Palabras mortas acoitelábanme no meu baleiro xeado. Non saíu o sol en moitos, moitos anos. As olladas feríanme. No cemiterio fixaba os meus ollos nunha cruz hipócrita. Eu lía e relía o seu nome. Meu pai poñíalle flores que recendían. Para min, estaban rotas. Miña nai nunca foi libre. Viviu secuestrada en zulos pequenos aos que só podían acceder meu pai e o médico, alá na capital. Canles indescifrables que me atormentaban. Eu calaba. Meu pai sufría.  Quero lembrar os abrazos que non sei se chegou a darme moitas veces. Quero lembrar os bicos que, estou seguro, encheron o meu rostro de agarimo. Lembrar. Lembrar. Necesidade do tacto na miña respiración. 
Silencio en vida.
Silencio na morte.
Aínda non sei, aos meus anos, que lle fixo a Besta. Explicacións que ninguén me deu. Palabras confusas que se perdían nas nubes e nos ríos que fluían sen auga.
Por todo iso, hoxe descendín ao inferno. Buscaba a Rimbaud. El tamén o fixera. Rimbaud, Poeta maldito.
Unha vez alí, sentín que as chamas non queimaban. Ninguén berraba de dor. Decateime de que non era como o contaban. O inferno está arriba. E como Rimbaud pasou unha tempada nel, quixen saber se aínda o atopaba nalgún recanto. Recoñezo que non o vin. Pero descubrín que deixara pegada da súa estadía alí. Nunha parede lin: Eu sempre almorzo aire, rochas, carbóns, ferro. Preguntei quen escribira aquilo e un anxo negro, moi guapo, calou a boca. Soábame ao Poeta.  Noutra parede, había un vello andel cuns libros e papeis antigos e usados. Collinos, fun pasando follas soltas e púxenme a ler:
A quen achegarme? Que besta hai que adorar? A que santa imaxe atacamos? Que corazóns hei rachar? Que mentira debo soster? Que sangue pisar?
Eu fixérame moitas preguntas semellantes a estas ao longo da miña vida.  Non dera, a miúdo, con respostas acertadas.  Aquí, no chamado inferno, parecíanme máis doadas de responder. E seguín remexendo e lendo papeis que caían de libros  moi gastados, para intentar descubrir palabras que, talvez, fosen do Poeta.  Polos camiños, en noites de inverno, sen acubillo, sen vestidos, sen pan, unha voz atenazábame o corazón xeado. Debilidade ou forza; velaquí : é a forza. Non sabes nin onde vas nin por que estás indo; entra en todas partes, responde a todo…
Así  actuei eu na miña vida. Camiñei moitas veces sen coñecer o meu verdadeiro destino, Sufrín nas noites de inverno, nas de outono… nas de todos os días un insomnio enfermizo preguntándome cando volvería bater en min a Besta.  O pan era para comer, pero non enchía o meu espírito. Tiña o corazón envolto en xeo, pero procuraba calor. Precisaba derreterme. Precisaba unhas mans que sandasen os meus sentidos. Fun débil perante as voces que chamaban ao esquecemento.  Saquei forzas de non sei onde para non ser derrubado por machadas asasinas. Entrei en tumbas de mármore. Entrei en estancias con follas caídas das árbores que medraban no teito. Baixei ao fondo do mar e sentín que a súa forza me afogaba. Dei berros de salitre. Aturuxos salgados. Penetrei na esencia das persoas, quixen abrazalas e, unha vez dentro, sufrín os golpes da metralla no meu corpo. Unha e outra vez, erguíame. Unha e outra vez, agredíanme as medallas e as falsas condecoracións dos imbéciles. Procuraba seda e recibía cobre. Procuraba música doce e atopaba melodías de xofre.Non me rendín endexamais, pero quedei marcado pola Besta.
Sentín nacer e morrer ben de veces. Mais eu négabame a deixar de perseguir a esperanza.
Cando máis afundido me encontraba, apareceu  a man da muller que me ama. Logo, dous xílgaros marabillosos, macho e femia, entraron na nosa vida e asubiaban acotío a cantiga do acougo. A miña saúde mellorou, mais o ruído da Besta nunca fun quen de botalo fóra das miñas entrañas. Acaleina grazas ao agarimo de seres nobres e honrados que abrían as súas fiestras para que entrase o sol. Un sol que non era limpo. Un sol que máis dunha vez escoitou chorar a un neno.
Continúo vendo papeis , cadernos, libros e unha chea de máis papeis.
Daquela leo:
Que veña xa, que veña
o tempo que namora.

Tiven tal paciencia
que esquezo para sempre;
medos e sufrimentos
ao ceo marcharon.
E a sede malsá
escuréceme as veas (..).
 
E tras outros versos, que leo por riba, repítense os dous do principio:
Que veña xa, que veña
o tempo que namora.

E ao pé do poema dúas letras moi significativas:  A. R.
Tiña que ser el. Arthur Rimbaud. Que Poeta tan incrible! Póñome de xeonllos e leo uns versos en alto coma homenaxe.
Incorpórome e vexo ao fondo ao Anxo Malo. Non o parece. Está a ler con outras persoas poemas ao redor do lume que non queima. Dá luz amarelada, fermosa. Uns cantan. Outros bailan. Está claro: o inferno non é como o contaron.
O verdadeiro inferno está  arriba.
Pecho os ollos e déixome levar por unha voz de neno. Unha voz que non lle escoitara ao neno que fun.
Atópome, por un momento, sentado nun sillón á carón da miña nai cun libro aberto. Está a lerme un conto marabilloso coa súa delicadeza que sempre imaxinei ao lonxe. Un conto de fadas. Un conto de lobos. Un conto de amor.
Xa arriba, no verdadeiro inferno, de costas a el, vou dereito aos dous volumes da personaxe Celia, creada por Elena Fortún. Eran da miña nai, cando era pequena. Neles están a súa fragrancia, o seu afecto, o seu recordo, o seu amor.
É o momento no que sinto no meu ombreiro a man da muller que me ama. Sinto o seu alento na caluga. Transmíteme a súa enerxía. Non me ve os ollos, nin as bágoas que esvaran pola miña faciana, mentres pronuncio un milleiro de veces a palabra mamá. Pero ela sabe dos meus infortunios e tenta alivialos decote. E ao lonxe, pero moi preto do meu corazón, dous xílgaros, un na capital e outro alén do mar, asubían cancións de acougo.
Tras colocar no seu sitio os libros de Celia, volvo notar o agarimo da muller que me ama. O meu corpo treme de felicidade co seu contacto.

                                                                          

                                                                                                            O VELLO SOÑADOR







 







miércoles, 10 de abril de 2013

CADERNO ÍNTIMO (IX)








Páxina novena

Abandono a Nada que teño en fronte dos meus ollos para emprender esa eterna viaxe de costas a un mundo que, cada vez, me gusta menos. Non hai máis que abrir un xornal e o resultado é desolador.
Así que estou a chegar a Amherst. Massachussets, cos ollos pechados e a mirada atravesando un inmenso océano.
Recibín unhas liñas algo enigmáticas. Estaban datadas nesa vila estadounidense. Eran uns versos dun fermoso poema que me soaba ao lonxe. El viento llamó con golpecitos, / como un hombre cansado. / Y, como una anfitriona , yo / contesté resuelta “Entra”. / Entró entonces en mi habitación…  Semellaba  unha invitación e decidín aceptala, se cadra para entrar nos trazos da luz. Ademais, unha forza incontrolable empurrábame na dirección deses versos. Son, claro, de Emily Dickinson, esa muller que pasou parte da súa vida recluída nun cuarto da casa do seu pai en Amherst, punto final da miña escapada. Gustáronme sempre os seus poemas. Acompáñanme nesta secreta e case que cega viaxe as melodías do clarinete de Sidney Bechet, unha auténtica obra de arte. Que poesía tan fermosa, tan sinxela e intensa á vez, escribiu Emily Dickinson! E, agás cinco poemas, a súa obra non se coñeceu ata despois da súa morte.
Pero, de que morte falamos?  Cando morren en realidade os poetas? Onde están  soterrados os seus versos?  Viven mentres viven os seus libros? Hai poetas mortos en vida? Unha chea de preguntas que me fago mentres lembro algúns sucesos da súa vida.
Emily recíbeme con educación. Non sei se con agarimo. Ambos estamos pechados nuns espazos ocultos, á marxe dese mundo tan cruel que temos ao noso carón. Emily parece un chisco sorprendida pola miña visita. Claro, non foi ela, foi a forza da súa palabra poética, quen petou na miña porta. Sidney Bechet segue fóra e non deixa de tocar. Pregúntolle timidamente se a visitou o vento. A súa resposta é conmovedora. Comparouno cunha onda mariña, cun home retraído, sen pés e a quen non lle puido ofrecer unha cadeira onde sentar, pois o vento non tiña ósos. A voz do vento era como o falar de moitos colibrís revoando todos xuntos nunha árbore. Iso,si, o vento tiña dedos que improvisaban melodías saídas dun cristal. E Emily cala, e ponse a escoitar a Bechet. Co seu clarinete dá vida á fermosa St. Louis Blues. A música e mais as palabras da poeta entenrecéronme. Emily tampouco vive no mundo real. Vive no seu mundo. Síntome moi preto dela. Só fala cando lle preguntan. E faino en baixo. Emily non soporta vivir en voz alta. O bulicio exaspéraa. Daquela, pregúntolle por algo que a min me fascina. Pregúntolle polo mar.  Ela, ben baixiño, coméntame que un día marchara cedo da casa co seu can e visitou o mar. As sereas das profundidades mariñas  saíron para vela. Pasou un transo que a asustou. O mar seguíaa de preto. Nalgún momento deu en pensar que a ía tragar coma se fose unha pinga de orballo. Non se sentira segura ata que chegou de volta á cidade. Un lugar no que o mar non parecía coñecer ninguén alí. O mar botoulle unha ollada a xeito de saúdo e retirouse. Emily, entón, respirou. Unha vez máis, o mar, amor e medo ao mesmo tempo. Impresionoume esta historia. Invención ou realidade? Tanto ten. Fermosas verbas.  Eu mirei pola fiestra e non había mar. Había flores de distintas clases inclinadas sobre os vidros desa fiestra que sabía o segredo da poesía. Emily permanecía  ensumida nos seus pensamentos. Eu desexáballe facer máis preguntas en voz baixa. Conmóvenme os versos desta muller. Eu leo nos seus ollos moitos dos poemas que non lera antes. Como pode ser? Dende o balcón que dá á Nada crin ler a miúdo palabras que se convertían en versos. Pero, entendía esas palabras, eses versos? Estaba lendo a súa poesía escurecida por sombras infinitas?
De súpeto, Emily colleu un caderno e díxome sen pensalo: Eu non son ninguén. Quen es ti? / Tamén ti non es ninguén? / Daquela xa somos dous! / Non o digas! Pregoaríao, xa sabes… Fiquei sorprendido ao escoitar estes versos. E foi como, case que sen me decatar, viñeron á miña cabeza os catro versos que completaban o poema  co que me sorprendera. E díxenlle coas verbas de seu:  Que aburrido ser alguén! / Que ordinario! Estar a dicir o teu nome, / como unha ra todo o mes de xuño, / a unha charca que te contempla.
Agora foi Emily quen ficou abraiada. Debuxou un feble sorriso e púxose a escribir no caderno.
Atopábame feliz nese cuarto de Amherst. Sentía o poder dos libros colocados no andel. Ulía o sangue vivo dos poemas perdidos entre eses libros. Había unha cálida placidez no silencio das dúas persoas atrapadas naquela habitación. Ela escribía sen erguer a cabeza. A pluma esvaraba polo  papel cun monótono canto. Eu, sentado nunha cadeira, tiña a sensación de que estaba vivo por vez primeira des que entrara nun túnel sen saída. A calma, que respiraba cos ollos pechados, levábame  suavemente máis aló da memoria máis próxima. Comezaba a gozar dunha certa plenitude entre os versos desta muller enigmática. Sentinme moi próximo a ela na noite. Alegrábase o meu corazón escoitando os rechouchíos dos paxaros de papel. Eu deixábame arrolar pola herba infinita que refulxe na lúa. Decidín, sen pedir permiso, prolongar a miña estadía naquel lugar. Faría todo en voz baixa, movéndome sen amolar a Emily. Como se o tempo se detivese nun paraíso anónimo. Sería unha sombra sen nome entre as liñas e os versos, flores que non murchan endexamais.
E así o fixen. Intentei sandar con ecos poéticos as miñas feridas na procura da cicatrización.
Non sei canto tempo estiven alí. Puideron ser horas, semanas e, talvez, meses. Non o sei. Pero si sei que durante este período incontrolable, escoitei asubiar o vento, falei coas andoriñas, acariñei as ondas do mar e brindei coas sereas por días mellores.
Cando nesas andaba, sentín uns aloumiños dunha man que remexía docemente o meu cabelo. Era a man da muller que me ama. Biqueina. Emily, que seguía escribindo, ergueu a cabeza. Mirounos. Non sei o tempo que levaba escribindo poemas, mentres eu me perdera no meu soño de cores.
Entón, comezou a lernos en voz baixa, como adoitaba facer, unha das súas composicións.
             How many Flowers fail in wood-
             Or perish from the Hill-
             Without the…
Nese intre detívose. Decatárase de que non estabamos a entender as súas palabras e comezou a ler o poema noutra lingua.
              
               ¡Cuántas flores mueren en el bosque
                o se marchitan en la colina
                 sin el privilegio de saber
                 que son hermosas!

                  ¡Cuántas entregan su anónima semilla
                   a una brisa cualquiera,
                    ignorantes del cargamento escarlata
                    que a otros ojos lleva!

A muller que me ama e mais eu volvemos bicarnos.
Cando diriximos a nosa ollada cara á mesa na que estivera a escribir, Emily Dickinson desaparecera. Un recendo a rosas flotaba no cuarto e unha néboa mesta cubría a peza de Amherst. No corpo desa néboa escribín co dedo unhas emotivas liñas por todo o sentido:
           
          Nunca morren as olladas dos poetas.
          Ao abrirmos a porta da vida están os seus versos.
          Moitas veces chegan a cambiar o rumbo dos acontecementos.
          Deixemos as fiestras abertas e que flúan os poemas.

E logo abandonamos o lugar con pena.
Hoxe non quero saber da Nada.
Pero seguirei de costas ao mundo.
E o clarinete de Sidney Bechet segue a gorentarme co tema I got rhythm.
A miña esperanza inmediata ten moito que ver coa música e cos versos de Emily Dickinson.
                                                    

(Os poemas de Emily Dickinson están traducidos por Enrique Goicolea)


                                                                                                 O VELLO SOÑADOR