jueves, 3 de marzo de 2022

DARDO POÉTICO (LXXXI) "Ana Fachini reflexiona sobre a poesía + 1 poema"

 



REFLEXIÓN SOBRE A POESÍA

 

 

Adoitamos preguntarnos que é a poesía. Investimos moito tempo e esforzo en tentar definila, analizar as súas características, clasificala e explicala. E case sempre sen éxito, na miña opinión, porque ou ben teorizamos sobre conceptos vagos e abstractos, sen dar atopado as palabras precisas para nos facer entender e afastándonos da súa verdadeira esencia; ou ben, no mellor dos casos e aínda sen pretendelo, rematamos por facer poesía.

 

Talvez a cuestión sexa que resulte imposible falar de poesía sen crear poesía a un tempo. Ou quizais o que ocorre é que a nosa teimosía en querer domeala, etiquetala e escudriñala carece totalmente de sentido, cando o único que deberiamos facer sería ler, escoitar, compartir, cantar, xogar e respirar poesía.

 

Permitírmonos sentir e máis nada. Entregármonos, sen reservas, libres de todo prexuízo, deixándonos levar pola musicalidade e a beleza das palabras, pola emoción da nosa propia voz, dispostos a atrapar coa nosa ollada a poesía que vive en todo o que nos rodea. E deste xeito, converternos, nós mesmos, no máis fermoso dos poemas.

                                                        

                                                                                     Ana Facchini


Ana Fachini




Todo iso e moito máis.

 

          Un gran berro no silencio.

            Un ramallo de lembranzas.

Un oasis no deserto.

       Un pedazo da túa alma.

 

    Asomarse a un precipicio.

 Escalar altas montañas.

  Un encontro inesperado.

         Sementar cantos de infancia.

 

A beleza feita ollada.

Unha bóla de cristal.

       A tormenta das entrañas.

     Conxugar o verbo amar.

 

Un sorriso azul no ceo.

Darlle ás ao teu maxín.

   Baleirarse por completo.

  Pensamentos danzaríns.

 

Malabares de palabras.

          O máis grande dos misterios.

  Apostar a todo ou nada.

      Atreverse a non ter medo.

 

Un latexo acompasado.

Unha meta que acadar.

Atopar o teu espazo.

Aprender a camiñar.

 

         Un papel que cobra vida.

Arrepíos na túa pel.

     Bolboretas na barriga.

    Levantarse tras caer.

 

              Comprender que nada sabes.

     O universo na túa man.

    Un pastel de chocolate.

 Espertar cada mañá.

 

   Ir descalzo pola area.

     Bicos con sabor a mar.

      Perfumarse de alegría.

 aprender a camiñar.

 

  Todo iso e moito máis,

      cen mil cousas pode ser.

 Se ti a queres atopar,

   mira ben ao redor teu.

 

    Dime logo que será    

  se comeza por un P