jueves, 24 de marzo de 2022

ENCONTROS 2022 (1) No IES de SANXENXO (BALTAR)

 



O mércores, día 23 de marzo, visitei o IES de Sanxenxo (Baltar) para conversar e vivir unha xornada poética arredor do mar cos alumnos e alumnas dos tres Primeiros de ESO deste centro.


Foi un acto de fondo espírito lírico, no que eu fun presentando a Triloxía do mar, formada polos poemarios En la cuna del mar, Poemar o mar e Palabras do mar.



Con Rafael Alberti como referencia, faleilles do meu encontro coa poesía, a importancia da mesma na miña vida e o desexo profundo de escribir versos e de facer partícipe o alumnado da súa importancia na formación dos seres humanos.



Linlles uns poemas de Marinero en tierra, do poeta gaditano, varios poemas da triloxía, fixemos algunha proposta lúdica oral e escribimos un par de poemas conxuntos no encerado da aula.



Houbo preguntas arredor da miña traxectoria poética e a mañá foi pasando, insistíndolles a necesidade da poesía nas súas vidas.


Un banzo máis nesa escaleira interminable de acadar que os poemarios estean nas aulas e que a lírica ocupe un lugar importante na docencia de hoxe en día.