martes, 23 de febrero de 2021

DARDO POÉTICO (LXX) "No Día de Rosalía, un poema inédito en galego"




No ano 1998 viu a luz un poemario moi importante para min. O seu título: Al hilo de la palabra. Escrito en castelán, foi publicado pola prestixiosa editorial Hiperión na colección Ajonjolí. O seu director, Jesús Munárriz, ficara sorprendido -segundo as súas palabras- por estes poemas que el consideraba diferentes aos que figuraban nesta interesante colección.

     


     Antes de todo isto, estes poemas leunos Rafael Alberti e mesmo lle recitei algún de viva voz. Gustáronlle -que honra!- e animoume a seguir por este camiño, ademais de agasllarme un precioso debuxo para incluílo no libro se se chegaba a publicar como así sucedeu. Foi a primeira vez que o poeta gaditano me chamou “poeta”. Emocionante.

     

O debuxo de Alberti é o que está arriba, á esquerda

     É  Al hilo de la palabra unha sentida homenaxe a aqueles poetas que me marcaron dende que comezara a ler poesía. Nel atópanse autores como Lorca, Alberti, Miguel Hernández, Blas de Otero, Antonio Machado, Juan Ramón Jiménez, León Felipe e algúns máis. Entre eles, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro e, como non!, Rosalía de Castro. Hai, ademais, dous poemas curiosos: un dedicado á poesía e o outro, a Paco Ibáñez, pois con el comezou todo.

     

Rosalía de Castro

     Co gallo do Día de Rosalía, o 24 de marzo, decidín traducir ao galego o poema dedicado á súa persoa e á súa obra. Rosalía, sempre presente na miña vida e fonte inesgotable de sentimentos vitais e poéticos.

     E aquí está para que o coñezades. Coido que é unha homenaxe moi sincera a Rosalía de Castro, a nosa poeta universal.

 

A ROSALÍA

 

Soa unha gaita ben lonxe

chamando o vento que corre.

Soa un disparo profundo

dunha terra sen colores.

 

Perdeu o verde esa terra.

Perdeu os soños de amores.

Perdeu a casa o labrego.

Ficaron sen ás as flores.

 

Os teus versos, Rosalía,

son feridas e son dores,

son desexos que denuncian

e son defensa dos pobres.

 

Rosalía, miña dona,

nunca te esquecen os sons

daquelas campás amigas

que voan coma cancións.

 

                                                                                                        Antonio García Teijeiro