martes, 16 de febrero de 2021

PALABRAS URXENTES NA MORTE DE JOAN MARGARIT

 

Con Joan Margarit no Liceu de Barcelona en 2007


Foise Joan Margarit, tan en silencio e sen grandes aspaventos. Foise o home, pero nunca o poeta: ese queda, permanece vivo na súa obra que tanto di da persoa e do seu espírito creativo.

Foise o anunciador de estrelas, transmisor de mundos, ás veces moi tristes, que a súa poesía facía máis levadeiros.

Poesía clara, difícil nalgúns momentos, mais sempre bondadosa e intensa. Con antecedentes na lírica de Salvador Espriu ou Miquel Martí i Pol, Margarit posúe unha obra moi valorada tanto polos lectores e lectoras coma pola crítica especializada debido ao xeito de saber dotala das ensinanzas da vida, de ter presente a historia común e convertelas en poemas, verdadeiros vendavais das nosas propias imperfeccións.

Partillando palestra no Liceu (2007)

A dureza e, ao mesmo tempo, a tenrura do refuxio contra a intemperie fan da súa poesía un horizonte cara ao que debemos camiñar para sentírmonos seres humanos abertos e ateigados de optimismo e redención.

Coñecín a Joan Margarit en Barcelona co gallo dunha palestra que partillamos no Teatro do Liceu sobre a poesía de Paco Ibáñez un día de Sant Jordi no ano 2007. Foi moi afable e agarimoso e falamos de jazz, xénero do que era un grande especialista, ademais de Paco e de poesía.

A derradeira vez que estiven con el tivo lugar en 2016 no Teatro Apolo de Madrid, cando na compaña de Bernardo Atxaga e de Luis García Montero subimos ao escenario para recitar os nosos poemas, nas nosas respectivas linguas, á beira de Paco Ibáñez que cantou en castelán, catalán, éuscaro e galego. Foron tres noites inesquecibles nas que sentimos o agarimo do público, o respecto e, mesmo, a admiración, polos versos recitados e cantados nas distintas linguas do Estado. 

Teatro Apolo (Madrid) Atxaga, Margarit, Paco, AGT e García Montero (2016)

Concordo coas palabras de José-Carlos Mainer quen sitúa a poesía de Margarit entre a dos poetas que “non adoitan abandeirarse na espontaneidade senón na densidade e que escriben para mellor dominar e entender o que viviron, evitando absolverse a si mesmos (polo menos, non demasiado), substituíndo a complicidade ou o pudor pola destemplada lucidez”.  (Antonio García Teijeiro)

 



Leamos un poema de Joan Margarit e lembremos decote a forza e mais a necesidade da poesía, da súa poesía.

 

 

EL PARE

 

Em guardava un lloc al seu costat

en un tren que es perdía a l´horitzó.

 

El recordo acostant-se, indefens, al final.

Però, amb trajo i corbata,

semblava encara que estigués manant.

Tenia molta por. Molta. I en canvi,

transmetia una nova dignitat

agafant, elegant, l´ultim revolt.

 

Sento el perill passant vora els miralls.

I en el pedregal trist de la infantesa,

amagat, l´escurçó del seu amor.

 

                                                (Do libro Casa de Misericordia (E. Visor)