viernes, 6 de febrero de 2015

ELLA FITZGERALD E LOUIS ARMSTRONG: UNHA REUNIÓN NO CUMIO DO JAZZ

Xa nolo dicía Irving Berlin nunha das cancións que compuxo para a película Holiday Inn: "Let's start the new year right", é dicir, "Comecemos ben o aninovo". E que mellor para seguir o consello do gran compositor de "Cheek to Cheek" e tantos outros standards que escoitarmos dous excelentes elepés que se atopan entre as mellores colaboracións vocais da historia do jazz? É que hai ocasións nas que a maxia non ocorre soa, senón que é preciso amañala un chisco, poñer as condicións necesarias e xuntar as persoas adecuadas para que xurdan eses intres especiais que fican gravados para sempre na historia da música. Por dicilo doutro xeito, ás veces fan falta intermediarios.


O productor Norman Granz en 1947
E un dos intermediarios por excelencia no eido do jazz—xa o teño dito en moitas outras ocasións e non descubro nada ao dicilo—é Norman Granz, un home adiantado ao seu tempo, cun oído e unha visión de futuro coma poucos. El creou selos importantísimos (Norgran primeiro; Verve despois) e actuou como catalizador para innumerables reunións musicais, tanto en forma de concerto coma en forma de sesión de estudio, que, simplemente, non terían ocorrido sen a súa mediación. E a música en xeral, e os bos aficionados ao xénero en particular, terían quedado sen momentos que, parafraseando o libro que Jaime Urrutia vén de publicar (e que, por certo, é moi recomendable e de doada e interesante lectura), son para enmarcar.


Louis e Ella nunha etapa posterior das súas carreiras

Dous destes momentos tiveron lugar durante a sempre fructífera década dos anos cincuenta e o resultado foi a edición de dous discos que recollen unha das colaboracións máis memorables que o jazz ten agasallado á música do século XX. Os títulos dos dous elepés son concisos e mencionan simplemente os nomes propios dos protagonistas: Ella & Louis, publicado en 1956, e Ella & Louis... Again, que saíu á rúa un ano despois. Os apelidos non son precisos, pois todos sabemos que se trata de Fitzgerald e Armstrong, dúas lendas do jazz que, coas súas sólidas discografías, se ocuparon de trocar a dirección tanto do jazz coma da música popular do seu tempo. Tiña sentido, sen dúbida, que alguén pensase en reunilos nun estudio de gravación para que, alí xuntos, cos acompañantes axeitados, creasen unha música pola que non pasa o tempo. Ese alguén, claro está, foi Granz, que foi quen de ver tanto as posibilidades artísticas coma as posibilidades comerciais da reunión. E, coma tantas veces, Granz non se trabucaba nin nunha cousa nin na outra.


Un dos songbooks de Ella, adicado á música de Cole Porter
Armstrong e Fitzgerald atopábanse nestes intres en puntos álxidos das súas carreiras. Pasaran xa dúas décadas dende as súas influentes gravacións cos seus quintetos e septetos nos anos 20 e 30, os chamados Hot Fives and Sevens, e Satchmo estaba a facer excelentes discos (coma os tributos a W.C. Handy ou Fats Waller), ademais de dar concertos arredor do mundo con pequenos grupos caracterizados polas súas formacións estelares. Con estas xiras estaba a poñer os alicerces da súa reputación como embaixador internacional do jazz. Fitzgerald estaba tamén a alicerzar a súa reputación como Primeira Dama do jazz, e viña de comezar a súa longa e exitosa serie de songbooks, eses discos adicados á obra de diversos compositores famosos, como Cole Porter, George Gershwin, Johnny Mercer ou Irving Berlin, entre outros. A reunión entre estes dous grandes supuxo unha oportunidade para que o talento de un complementase o do outro, e o resultado non podía ser máis que máxico.


Isto queda claro dende as primeiras notas de "Can't We Be Friends," o tema que abre Ella & Louis: a compenetración e o entendemento entre Satchmo e a Primeira Dama son totais, e o repertorio, formado por unha serie de melodías inmortais saídas da pluma de Berlin, Gershwin, Vernon Duke ou Hoagy Carmichael, representa o material perfecto para a creación dunha obra mestra. Se engadimos a isto que o cuarteto que os acompaña inclúe a Oscar Peterson ao piano, Herb Ellis á guitarra, Ray Brown ao contrabaixo e Buddy Rich (que non é realmente un membro do trío de Peterson) á batería, non hai dúbida de que Granz se asegurara de mercar todas as papeletas para que lle tocase a lotería. Armstrong canta coa súa inconfundible voz rouca, pero afortunadamente ten espazo para tocar a súa non menos inconfundible trompeta. Algúns dos temas estrela do disco? Pois "Cheek to Cheek", "Isn't This a Lovely Day?", "Stars Fell on Alabama" e "The Nearness of You".


Pouco despois, xa en 1957 (un ano no que Verve editou nada menos que oito discos de Armstrong), Granz tentou repetir a fórmula, e fíxoo con éxito, xa que Ella & Louis... Again é un magnífico complemento do seu antecesor. Fiel ao adaxio que di que cando algo funciona ben non hai razón para cambialo ou complicalo, o productor rodeou a Armstrong e Fitzgerald dos mesmos músicos, coa excepción de que Louie Bellson substitúe a Buddy Rich á batería. Nesta ocasión o disco é dobre, pero segue a ser unha colección de standards escritos por grandes nomes como os anteriormente mencionados, aos que hai que engadir os de Walter Donaldson, Gus Kahn, Jerome Kern ou Dorothy Fields. Tampouco non é este só un disco de duetos, pois os dous protagonistas cantan algúns temas en solitario, case un por cara do disco: Louis interpreta "Makin' Whoopee", "Let's Do It, Let's Fall in Love", "Willow Weep for Me" e "I Get a Kick out of You"; Ella fai o propio con "Comes Love", "These Foolish Things" e "Ill Wind". Hai críticos que protestan—e penso que con razón—porque Satchmo non goza de tantas oportunidades para tocar a trompeta neste disco, pero aínda así, o álbum non desmerece nada ao anterior, e se estivesemos nos anos 90 e non nos 50, ben podería terse chamado Ella & Louis II. Ademais destes dous discos, Ella e Louis gravarían, tamén para Verve, a súa versión de Porgy & Bess, a ópera en clave de jazz de George Gershwin. Pero iso xa é outra historia.




                                               ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ