viernes, 24 de enero de 2014

DARDO POÉTICO (XIV). AS FOLLAS ACAÍDAS DE MIGUEL VÁZQUEZ FREIRE.



Recibir cartas, agora que case xa non se escriben, resúltame un pracer.
Un costume excitante que tantas páxinas literarias deu en todas as literaturas do mundo.
     
          Cunqueiro, Seoane, Del Riego, Neira Vilas, Piñeiro, Núñez  Seixas, Díaz Pardo, Raúl Sotelo, Marino Dónega… son algúns dos intelectuais galegos cos que eu gocei do xénero epistolar, moi próximo a desaparecer. Entendín moitos dos seus comportamentos, a través das cartas que eles cruzaban. Auténticos tesouros.
 
Miguel Vázquez Freire
         Teño un apartado na miña biblioteca, dedicado unicamente a epistolarios de escritores de todas as épocas, ademais de músicos e pintores, como Van Gogh, por exemplo.
         Fascíname este xénero e volvo a el decontino.

         Pero déixome levar e vexo que me afasto do motivo real destas liñas.
Un motivo que non é outro que expresar a maneira coa que un home, a quen admiro fondamente, me felicitou o ano 2014: Miguel Vázquez Freire.
      

        Antes direi que falar de Miguel é falar de Filosofía, de teatro, de monicreques, de cine, de literatura sen idades, de estética, de materiais didácticos filosóficos, da codirección de coleccións de LIX, de televisión, de preocupación polos hábitos dos rapaces e rapazas, de pedagoxía, de traducións, de banda deseñada, de renovación pedagóxica (Nova Escola Galega), de ensaio, de medios audiovisuais … Sigo?

          Miguel Vázquez Freire é, para min, un auténtico intelectual. Moi vivo, ademais.
Miguel dirixiu a revista Golfiño (fermoso proxecto). Lembro as súas colaboracións  na Revista Galega de Educación, La Voz de Galicia, A Pizarra, suplemento educativo do Faro de Vigo, Cuadernos de  Pedagogía, CLIJ etc.
         

         A Miguel dediqueille, de maneira especial, o meu libro A Poesía necesaria, editado por Galaxia, hai un tempo. E fíxeno porque sentía que eu lle debo moito do que son, no eido pedagóxico, a este home xeneroso, que sempre abriu as portas dos seus coñecementos aos demais. Eu aprendín moito del, nuns momentos nos que se precisaba do seu saber. Eu sería moito menos eficiente no campo educativo, sen as imprescindibles aportacións de Miguel Vázquez Freire.


         E Miguel é, ademais, un magnífico narrador. Lembro o ano 1987, cando lera a súa intelixente novela, Proxecto Pomba Dourada (Editorial Vía Láctea, actualmente en Edicións Xerais). Impactárame. E, dez  anos máis tarde, emocioneime con Anxos en tempo de chuvia (na devandita editorial, na súa colección Fóra de Xogo).
Intentei facerme cos seus libros e lelos. Pode que algún escapase, pero a maioría están lidos. Ai, o gato Bogart e a malvada María Xosé e os contos de Reis e Nadal!


        Hoxe, de todos os xeitos, vou referirme ao Vázquez Freire poeta. Por iso lanzo este novo dardo poético. Porque recibín no mes de decembro un libriño marabilloso. O seu nome:   FOLLAS ACAÍDAS. Versos de ocasión. Fíxome moi feliz o feito de recibilo. E, ademais, encantáronme os poemas de Miguel, cuns gravados moi interesantes de José Valentín. Poesía espida, con referencias filosóficas e cinematográficas; poesía que sinala, poesía que conmove, poesía crítica e intimista. Poesía para gozar  da palabra literaria.

         
Vexamos algúns exemplos:


5 MINUTOS

Gravado de José Valentín
canta o paxaro
flúe o río
que é canto tamén

quen dixo un minuto?

máis tempo hai na música
que tempo hai no tempo




CLEPSIDRA

Gravado de José Valentín.
u-lo tempo?

dispersión
caos, abandono
laio
desencontro
melancólica escoita
dos silencios
agardanza inútil
do agrado fácil
ata un final
que ben podería ser eterno

u-lo tempo?


E remato cun poema acompañado dun dos magníficos gravados de José Valentín.



                                                       Grazas, Miguel, por todo.

Con Miguel, en Santiago.