martes, 21 de enero de 2014

ABBADO, GELMAN E BRENDEL, TRES POETAS DA VIDA.



Claudio Abbado

Acaban de dicirmo.

E doeume moito.

Persoas coma el nunca morren, porque deixan o seu ronsel para sempre nas súas interpretacións, nos seus discos, nos eidos audiovisuais. E todo permanece na memoria dos que amamos a música.

Foise o gran director italiano Claudio Abbado. Sen dúbida, o mellor director da súa xeración. Un home admirable, comprometido co ser humano.
Ese home que chegou a afirmar que non lle gustaba falar, que prefería dirixir.
Director musical das mellores orquestras do mundo. De natureza tímida e introvertida. Un home que loitou por acadar ese soño que, xa cando tiña oito anos, escribira no seu diario que quería ser director de orquestra.

Un fenómeno poco habitual: foi un director sen ego.

As  súas cualidades humanas son moi evidentes. Como di a escritora Helena Matheopoulos, “Abbado é unha persoa desprendida, tranquila, absolutamente sincero e auténtico, un dos poucos directores que produce na orquestra a impresión de ser un colaborador interesado en acadar o mellor dela  (desagrádalle  enormemente que o chamen “mestre”), e valora moitísimo o feito de ter sido director musical dalgunhas orquestras cuxos músicos elixen o director”.

Así é. Escoito, na súa lembranza, o primeiro concerto para piano e orquestra de Beethoven. Ao piano, o seu amigo Maurizio Pollini; el, dirixindo a Orquestra Filarmónica de Berlín. Unha xoia que está moi preto de min no meu lugar de traballo.

Ademais, tamén merco unha caixiña cunhas obras de Haydn que pagan a pena. Son sete sinfonías de Londres. Dirixe a Chamber Orquestra of Europe e resulta unha delicia escoitala.

Ata sempre, MESTRE, aínda que non che guste o termo.


Escoitemos e vexamos a Claudio Abbado dirixindo o Adagietto da 5ª sinfonía de Mahler. (8´31)



 
Juan Gelman


Hai xa algúns días deixounos tamén outro home comprometido.

Comprometido coa sociedade civil arxentina, loitador contra a ditadura que infectou este país durante ben tempo. A súa poesía desgarrada, directa, nacida do vínculo entre a realidade inmediata xunto a unha elaborada estrutura expresiva e certas técnicas vangardistas, para “descubrir o marabilloso que se agocha tras os feitos cotiáns”.

Si, hai uns días foise Juan Gelman, o poeta arxentino, nado en Bos Aires no ano 1930.
Juan Gelman que definiu a poesía como “ un oficio ardente no que un traballa mentres agarda que se produza o milagre da maridaxe feliz da vivencia, a imaxinación e a palabra”.

Poeta de moito talento, xera unha poesía plena de intensidade que pon en conxunción vida, creación e escritura. Versos dotados dunha gran precisión na linguaxe, chea de amor e sentimento, de delicadeza e orixinalidade.





 Juan Gelman fala sobre a poesía. Escoitalo é un pracer. Ironía e claridade no seu recitado.


Leamos, agora, dous poemas deste magnífico escritor:



HILOS

El nudo ata hilos para que
no insistan en su pretensión
de coser.
El hilo calla y sigue con
el alma que le quieren atar
y
como amado en su amada desata
aires, aguas, ardores
que no se pueden apagar.
El nudo que ató la pobreza
es una cara de la nada.
Hay hambres
en el sabor roto del mundo.
                               
                                    (De Mundar. Visor 2008)




NO SABER


ARROJEN las desgracias íntimas.
Si permanecen, vean
cuáles deliran, inútiles.
Sobre sus hojas no hay
pajaritos del cosmos desvestido.
Viva el sol, viva el sol.
En los menos del alma
caben amores a la vista, caballos,
maderas de un carpintero loco.
Llevaron a otro cuarto
las hogueras  sagradas, los
abordajes a la esperanza, triste
de nos, callados.
Se pregunta qué somos
Sin cosechar la boca.

                              
                                                  (De El emperrado corazón amora. Tusquets. 2011)





   Se queredes escoitar o poeta na súa propia voz, tedes aquí, un vídeo de 22 minutos, que paga a pena ver.


 
Alfred Brendel

E o terceiro suceso, este si, vivo e cheo de paixón pola música do extraordinario pianista Alfred Brendel.
Nado en Wiesenberg, Moravia, este home, que ofreceu o seu primeiro recital aos dezasete anos, tras estudar no Conservatorio de Graz, converteuse nun concertista dun grandísimo prestixio.

Recibiu numerosos premios ao longo da súa carreira, outorgáronselle os títulos de  honoris causa das universidades de Oxford e Yale, ademais de moitos outros galardóns. É, tamén Brendel, un brillante ensaísta sobre temas musicais, sen esquecer os varios libros de poemas que escribiu. A súa integral, por exemplo, das sonatas para piano e dos cinco concertos para este instrumento e orquestra de Beethoven son xa unha referencia esencial para os amantes da música clásica.

Teño nas miñas mans un libro interesante e imprescindible: De la A a la Z de un pianista. (Un libro para amantes del piano). Acantilado 2013, coa tradución do alemán de Jorge Seca.

Coincido co rotativo alemán Frankfurter Allgemeine Zeitung, cando afirma “que Alfred Brendel fai neste volume unha sincera declaración de amor ao seu instrumento con este glosario”.
Efectivamente, un glosario apaixonado, escrito dunha maneira intelixente, no que toca temas fundamentais do piano, escritos dun xeito ameno e clarificador. Acorde, arpexio, Bach, Beethoven, Brahms, conxunto instrumental, crescendo, emocionar, equilibrio, interpretación, lied, pedal, síncopa, sinxeleza, tose, trinos ou virtuosismo, entre moitos outros, son puntos sobre os que Brendel escribe con sabio coñecemento e esta sabedoría permite que o lector deguste a súa prosa e aprenda sen se decatar.

No prefacio, o propio Brendel explica o obxectivo do libro. É moi nidio e comeza así:
“Este libro destila o que, á miña avanzada idade, teño que dicir sobre a música, os músicos e os asuntos do meu oficio. O meu outro oficio, a literatura, esixe que diga as cousas con sinxeleza, pero sen simplificalas inadmisiblemente. Ademais, tamén intervén aquí a miña predilección polo aforístico e fragmentario…”

Un libro de referencia, coma as súas interpretacións, escrito por un artista, un intelectual, un estudoso, alguén que, de xeito apaixonado, dedicou a súa vida á arte da música, sempre en consonancia coa literatura.
Un libro, pois, para gozar da música e da palabra sedutora.



 Saboreemos a mestría de Alfred Brendel, interpretando un impromptu de Schubert. Op.142, nº2 (5´59)

Tres grandes homes. Tres poetas da vida. Tres persoas enchendo de sentimento todo aquilo que acometeron (e Brendel, afortunadamente) aínda emprende).

Tres figuras que Versos e aloumiños hoxe quere salientar.


                                                                                                                                  ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO