Mostrando entradas con la etiqueta vázquez freire. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta vázquez freire. Mostrar todas las entradas

lunes, 26 de abril de 2021

ESCAPARATE POÉTICO (CXXVII) Miguel Vázquez Freire

 




                                   Miguel Vázquez Freire (Corcubión, 1951)

 

 

 

Á MORTE DUN AMIGO

 

                                               Para Enrique X. Macías, 1995

 

 

música de voos renxen tristuras no peirao

chuvia e vento baixo un ceo entoldado

 

un amigo marchou sen deixar sequera un adeus

Miguel Vázquez Freire
 

eu non sei como hei chorar a súa partida

 

se con músicas silenciosas de palabras mudas

atoradas na seca gorxa de dor atónita

 

se con músicas sonoras das súas propias músicas

viaxando nelas tras da presencia ausente

 

se co diálogo que a memoria conserva interrompido

reavivado en imaxinario coloquio renovado

 

se con bágoas de escrita no papel húmida

transcendencia física do desconcerto íntimo

diante da pechada porta inevitable

 

meu amigo

u-las respostas ás preguntas aterrecidas?

 

 

 

 

VELLO

 

 

só quere durmir e comer

 

désteme xa de almorzar?

pregunta dez minutos despois de facelo

 

pódesme levar a cama?

pregunta sen deixar enfriar as sabas


 

xa non pega patadas no sofá

mentres ve fútbol na televisión

nin se enfada nin discute

cando escoita dicir:

Deus non existe

 

cando o seu fillo o saca de paseo

aproveitando o amable sol outonal

hai xentes que o paran e saúdan

e el

educado

e cortés

a todos saúda con extrema corrección

mais di

non sei se con tisteza ou indiferenza

señor, señora

perdóeme

pero eu de vostede non me lembro

 

el é un vello

 

 

 

 

 

VIAXES

 

 

son eu un viaxeiro lento

sen degoro da viaxe

 

onde  ir que eu tamén non vaia?

 

onde chegar que eu xa non estea?

 

atopar o que endexamais busquei

descubrir o que aínda non pescudei

 

así a viaxe sería a miña viaxe

 

 

 

 

 

INVERNÍA DA IDADE

 

 

a invernía da idade

chegou silandeira

habitada de friaxes

en corpos e en almas

con mañás de xiadas

e agardanzas dun sol

que xa non volverá

 

 

 

(Do libro Cantos do despois, editado por Aflera, 2020)

 




viernes, 15 de noviembre de 2019

"DA CARAPUCHIÑA VERMELLA AO SEÑOR LAMOTE", TEXTO DE CHUS PEREIRO NA PRESENTACIÓN EN VIGO








Dá gusto escoitar a Chus Pereiro. Mestra de E.P. leva ben anos arredor do mundo da lectura, da literatura e do teatro.
     
     Precisamente, convén salientar dúas pezas publicadas na colección Merlín (Ed. Xerais) que demostran as súas inquedanzas teatrais: ¡Mamasiña, que medo! e Restaurante Farruco.
     
     
Chus Pereiro
Compartiu palestra hai uns días con Manuel Bragado na presentación do magnífico libro de Miguel Vázquez Freire, Da Carapuchiña Vermella ao señor Lamote.
     
     O texto que leu Chus foi excelente, moi ben exposto, intelixente, didáctico e moi esclarecedor sobre a obra presentada e sobre o autor da mesma. Unha presentación fantástica.
     
     Dado o enorme interese que suscitou en nós a súa lectura,solicitámoslle o seu escrito para publicar en Versos e aloumiños e Chus, moi xenerosa, envióunolo, algo que lle agradecemos moi de corazón.
     
     Gozade, pois, dun gran texto e dunha obra imprescindible para os amantes da boa literatura en galego.


Miguel Vázquez Freire e Chus Pereiro, en Vigo


Presentación para o libro “Da Carapuchiña ao señor Lamote. Clásicos da literatura para a infancia e mocidade en lingua galega” de Miguel Vázquez Freire.

Librería Librouro, 7 de novembro de 2019

Boas tardes a todas, a todos.

Moitísimas  grazas por vir.

Compráceme estar aquí hoxe dando a benvida a este libro de Miguel Vázquez Freire, coñecido escritor, crítico e comentarista .

    
Penso que non esaxero se digo que a aparición deste libro era  imprescindible. A  LIX  de hoxe, xa definida e consolidada per se, vive un momento de oferta de textos tan numerosa, en cantidade e calidade, que está a ocultar os seus clásicos. Fronte a eso, este libro é un remedio e unha vacina contra o descoñecemento e os falsos prexuízos, porque aquí está a orixe de todos os libros: os máxicos, os fantásticos, os aventureiros, os realistas, os didácticos, os rebeldes, os ilustrados… todos os que teñen pervivido de xeración en xeración.

     Diríxese a obra aos chamados mediadores ou comunicadores da LIX (familias,  educadores), persoas que teñen un papel clave á hora de presentar ou graduar as lecturas, imprescindibles na comunicación literaria que se establece entre un escritor adulto e un lector infantil.

    
Miguel Vázquez Freire. (Foto Ed. Xerais)
Sinala o autor, na presentación, que se trata dunha recopilación de textos publicados na Revista Galega de Educación nos anos que van de 2006 a 2018, mais hai unha unidade na obra, unha continuidade perfecta entre un capítulo e o seguinte.Ten unha formulación e unha estructura  tan coherente que en ningún momento deixa ver ese carácter de suma de artigos diversos publicados en distintos momentos.  É un compendio das versións ao galego de obras clásicas daLIX, mais aporta  tamén informes e referencias das que non están aínda traducidas. Do lonxe, no tempo, o contidovaise achegando: das obras que beben da tradición oral ás máis recentesde autores recoñecidos. Do lonxe, no espacio, dende a literatura europea ou americana,chega ata os nosos  clásicos galegos. Da Carapuchiña de Perrault aoRamón Lamote de Paco Martín, facendo no primeiro capítulo unha análise da complexidade e dificultade do mundo da adaptación ou da traducción, como se pode dar nos  casosdo Ulises de Homero ou da Alicia de Carrol.

     
Manuel Bragado, Miguel Vázquez Freire e Chus Pereiro
E nesta viaxe pola evolución histórica  da LIX, o  autor analiza as súas orixes, mais tamén o contexto de cada unha das obras(datos históricos, políticos, filosóficosou sociais de cada momento), a ideoloxía que  as motivou,  o simbolismoe a lectura psicoanalítica dos personaxes e os feitos ouas relacións entre a obra e a vida de cada autor. Parte da difusa intencionalidade da escrita das primeiras obrase sinala o paso da adopción das non pensadas inicialmente para os lectores máis novos ata o nacemento das  específicamente creadas para eles. Os clásicos son as fábulas vitais da especie humana.

     Amosa o autor o seu desacordo coas versións que rachan a esencia dunha obra cunha falsa infantilización,con enfoques moralistas ou de falso proteccionismo da infancia, conomisión de temas tabú referidos ao sexo ou á morte. Concordo con el. Penso que esas prácticas amosan un total descoñecemento e un menosprezo cara o mundo da infancia. Desenmascara así  versións dos clásicos que introducen aspectos sexistas que os orixinais non teñen (véxase o bico do príncipe a Brancaneves). E son graves, porque é o sexismo actual  o que nos  ten que preocupar. Se o sexismo de tempos pasados ten unha contextualización, é o sexismode hoxeo que non pode ter xustificación. Se  temos que ser firmes vixiantes no tocante aos roles de xénero que poidan aparecer nos clásicos, penso que é importante  que as persoas adultas, educadoras ou mediadoras, fagamos fincapé na observación dos mesmos.  A necesaria formación da conciencia  crítica na lectura non impide o disfrute dun texto. A sobreprotección nunca é boa receita. Era unha vez… Hai moito tempo… son as palabras clave que inician os contos clásicos. Eis a contextualización inicial dun texto no seu propio tempo.

    
Roald Dahl
Quero tamén  sinalar que o autor non escribe asépticamente. É de agradecer, porque na análise de cada obra transmite a paixón dun lector neno, dun compulsivo lector mozo que é quen de emocionarse aínda ao revivir o texto. Tampouco se deixa levar polo peso sagrado dos grandes nomes, e  analiza criticamente aspectos de obras que aínda valora e disfruta (véxase Roald Dahl)

     Valora  tamén o autor o mundo da ilustración (Maurice Sendak, Luis Seoane), defendendo o que é o equilibrio imaxe- palabra coma un todo artístico.

     Logo de analizar cada texto literario, aparecen no libro notas de versións cinematográficas e as súas referencias (aquí descúbrese tamén un bo cinéfilo), valoracións de ilustracións, informes de sitios web, versións  en banda deseñada e referencias  bibliográficas, editoriais ou musicais.

     Pode que na escolma dos textos e autores falten algúns, seguro, e o tempo o dirá. O que si está claro é que non hai un que sobre. Estes clásicos traspasaron os tempos e traspasaronas linguas. E, dado o seu valor universal, a cultura galega non só non prescindiu deles, senon que fixo xa marabillosas aportacións  que temos que promocionar con orgullo.

     Esta é unha obra  que supón unha aportación clara e práctica para valorar as obras da LIX. É una guía maravillosa para orientar  lecturas cun criterio  crítico e de calidade.

      Parabéns, Miguel, porque fixeches un bo traballo.

                                                                                       Chus Pereiro





viernes, 24 de enero de 2014

DARDO POÉTICO (XIV). AS FOLLAS ACAÍDAS DE MIGUEL VÁZQUEZ FREIRE.



Recibir cartas, agora que case xa non se escriben, resúltame un pracer.
Un costume excitante que tantas páxinas literarias deu en todas as literaturas do mundo.
     
          Cunqueiro, Seoane, Del Riego, Neira Vilas, Piñeiro, Núñez  Seixas, Díaz Pardo, Raúl Sotelo, Marino Dónega… son algúns dos intelectuais galegos cos que eu gocei do xénero epistolar, moi próximo a desaparecer. Entendín moitos dos seus comportamentos, a través das cartas que eles cruzaban. Auténticos tesouros.
 
Miguel Vázquez Freire
         Teño un apartado na miña biblioteca, dedicado unicamente a epistolarios de escritores de todas as épocas, ademais de músicos e pintores, como Van Gogh, por exemplo.
         Fascíname este xénero e volvo a el decontino.

         Pero déixome levar e vexo que me afasto do motivo real destas liñas.
Un motivo que non é outro que expresar a maneira coa que un home, a quen admiro fondamente, me felicitou o ano 2014: Miguel Vázquez Freire.
      

        Antes direi que falar de Miguel é falar de Filosofía, de teatro, de monicreques, de cine, de literatura sen idades, de estética, de materiais didácticos filosóficos, da codirección de coleccións de LIX, de televisión, de preocupación polos hábitos dos rapaces e rapazas, de pedagoxía, de traducións, de banda deseñada, de renovación pedagóxica (Nova Escola Galega), de ensaio, de medios audiovisuais … Sigo?

          Miguel Vázquez Freire é, para min, un auténtico intelectual. Moi vivo, ademais.
Miguel dirixiu a revista Golfiño (fermoso proxecto). Lembro as súas colaboracións  na Revista Galega de Educación, La Voz de Galicia, A Pizarra, suplemento educativo do Faro de Vigo, Cuadernos de  Pedagogía, CLIJ etc.
         

         A Miguel dediqueille, de maneira especial, o meu libro A Poesía necesaria, editado por Galaxia, hai un tempo. E fíxeno porque sentía que eu lle debo moito do que son, no eido pedagóxico, a este home xeneroso, que sempre abriu as portas dos seus coñecementos aos demais. Eu aprendín moito del, nuns momentos nos que se precisaba do seu saber. Eu sería moito menos eficiente no campo educativo, sen as imprescindibles aportacións de Miguel Vázquez Freire.


         E Miguel é, ademais, un magnífico narrador. Lembro o ano 1987, cando lera a súa intelixente novela, Proxecto Pomba Dourada (Editorial Vía Láctea, actualmente en Edicións Xerais). Impactárame. E, dez  anos máis tarde, emocioneime con Anxos en tempo de chuvia (na devandita editorial, na súa colección Fóra de Xogo).
Intentei facerme cos seus libros e lelos. Pode que algún escapase, pero a maioría están lidos. Ai, o gato Bogart e a malvada María Xosé e os contos de Reis e Nadal!


        Hoxe, de todos os xeitos, vou referirme ao Vázquez Freire poeta. Por iso lanzo este novo dardo poético. Porque recibín no mes de decembro un libriño marabilloso. O seu nome:   FOLLAS ACAÍDAS. Versos de ocasión. Fíxome moi feliz o feito de recibilo. E, ademais, encantáronme os poemas de Miguel, cuns gravados moi interesantes de José Valentín. Poesía espida, con referencias filosóficas e cinematográficas; poesía que sinala, poesía que conmove, poesía crítica e intimista. Poesía para gozar  da palabra literaria.

         
Vexamos algúns exemplos:


5 MINUTOS

Gravado de José Valentín
canta o paxaro
flúe o río
que é canto tamén

quen dixo un minuto?

máis tempo hai na música
que tempo hai no tempo




CLEPSIDRA

Gravado de José Valentín.
u-lo tempo?

dispersión
caos, abandono
laio
desencontro
melancólica escoita
dos silencios
agardanza inútil
do agrado fácil
ata un final
que ben podería ser eterno

u-lo tempo?


E remato cun poema acompañado dun dos magníficos gravados de José Valentín.



                                                       Grazas, Miguel, por todo.

Con Miguel, en Santiago.