jueves, 8 de septiembre de 2016

"CAMBIACHE O CONTO !", UNHA VERSIÓN PECULIAR DOS CONTOS DE SEMPRE.

Pinto & Chinto


Non cabe a menor dúbida que os contos clásicos de autores coma Andersen, Perrault ou os irmáns Grimm son un tesouro que levamos preservando dende hai moitísimo tempo nas máis diversas formas.
     
     Adozados ou non, en debuxos animados, en libros horrorosos, en discos , películas etc., estes contos están presentes nas nosas vidas e conteñen un valor tanto literario coma sociolóxico importante.
     Lembro aquí a Roald Dahl e as súas versións en verso que lidas aos nenos e nenas supoñen unha maneira lúdica e festiva de achegárllelas para que se divirtan. Tamén Gianni Rodari e outros autores déronlles voltas a estas mostras marabillosas de tradición oral.


     Agora acaba de chegar ás miñas mans un libro delicioso. Un libro que me puxo un sorriso nos beizos e que lin cunha felicidade auténtica. Trátase de  Cambiache o conto!, de Pinto & Chinto, editado por Edicións Xerais.  Un libro editado de marabilla cunhas ilustracións enormemente suxestivas e cheas dunha expresividade total,realizadas por David Pintor. Unhas ilustracións que acompañan os textos de Carlos López, que son dun enxeño e un humor exquisitos.
     
     Unha versión peculiar dos contos tradicionais (O frautista de Hamelin, A Cincenta, O traxe novo do emperador, Branca das Neves…), do libro As mil e unha noites (Alí Babá e os corenta ladróns…), fábulas (A leiteira, O raposo e o gato…) que fará as delicias dos lectores e lectoras.
     
Ilustración de David Pintor
     Nada é como parece neste libro. Comeza cada conto introducindo o autor a narración que coñecemos e, nunhas liñas máis, desenvolve a mesma dunha maneira humoristicamente enxeñosa.
     
     Un vai lendo conto a conto e nos deixa de sorrir. Un querería que houbese moitos máis pois cada final é unha caixa de sorpresas.
     
Ilustración de David Pintor
     Un exemplo disto contense nesta pregunta: sabedes como remata o conto de Polgariño? Os anacos de pan, os paxaros etc., pois na versión de Pinto & Chinto… mellor non volo digo! Nin tampouco vouvos desvelar o que acontece cos tres porquiños, co parruliño feo, con Aladino nin co soldadiño de chumbo. É algo que deben descubrir os lectores e, xa que logo, os oíntes, porque é un libro magnífico para ler en voz alta.

     
     Textos moi ben contados, ilustracións de altísima calidade e unha edición fermosa. Tres compoñentes para que este libro sexa de lectura apaixonante e necesaria.

                                                                                                                                      ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO

domingo, 4 de septiembre de 2016

DARDO POÉTICO (XXXVIII) A dolorosa sinceridade da voz de Idea Vilariño





Fun á libraría cambiar un libro que me agasallaran. Veu a miña amiga comigo. Dentro, ensinoume o que tiña pensado mercarme e que non me mercou. Cambiara de opinión.
     Pensei quedarme con el, facer o troco e todo resolto. Mais no último momento vin unha fermosa edición de Alicia no País das Marabillas e decidinme por ese.


     Daquela, volvín tras. Volvín a aquel libro que me engaiolara. Era  a Poesía completa  dunha autora uruguaia que viña lendo dende había tempo: Idea Vilariño. Non o dubidei. Merqueino eu. Sentín a felicidade do próximo, á vez que eterno. Cando cheguei á casa, non podía ser doutro xeito, xa o tiña nunha edición anterior.
     
Idea Vilariño
     Sedúceme moito a poesía desta muller que naceu en Montevideo en 1920 e morreu no ano 2009.

Hoy tengo el corazón frío y azul, / los ojos de neblina / y las manos heladas. / Ah, madre, / qué cansada estoy, / qué cansada. / Si ya no puedo más con este fardo / este fardo sombrío / que me he echado a la espalda. / Y estos que van conmigo / y que me escuchan / se miran y preguntan / ¿De qué fardo nos habla? / Ah, madre, / no sabes cómo estoy / de cansada.
     Escribía en 1941 poemas coma este e eran publicados e loados, pois unha voz nova aparecía con brillo.


     
     Idea Vilariño foi poeta, crítica literaria, compositora de cancións, tradutora e educadora. Moi nova demostrou un talento excepcional e durante a última década do século XX a súa poesía foi difundida por Europa e América.
Como en la playa virgen / dobla el viento / el leve junco verde / que dibuja / un delicado círculo en la arena / así en mí / tu recuerdo.
    
     

     Esta muller mantivo  ao longo da súa vida unha actitude discreta, o que non impediu, afortunadamente, que se a considere un dos clásicos da literatura latinoamericana.
     Voz sobria. Voz lenta, madurada. Voz tensa. Voz espida pero dunha fonda intensidade. Voz que fala de loita, de vida, pero tamén de morte. Voz que anuncia os golpes do amor. Voz de ausencia e recordo. Voz secreta. Voz fermosa.

Quiero morir.  No quiero / oír ya más campanas. / Campanas –qué metáfora- / o canto de sirena / o cuentos de hadas / cuentos del tío –vamos-. / Simplemente no quiero / no quiero oír más nada.

Idea Vilariño

     Esta recompilación da súa poesía, editada por Lumen, é unha alfaia lírica. Ler os seus versos converteuse para min, dende a primeira lectura, nunha necesidade. Un lugar ao que retornar con frecuencia. Vivín unha experiencia profunda e infinita, sen lindeiros, que me permitiu sentir a beleza da poesía auténtica, sen excesos e ateigada de referentes vitais. 

     Permanecerei por sempre na dolorosa sinceridade da súa voz.

Tanto que estuve amando
tanto tiempo
tanto que amé
que tuve
y que ya dejo
porque este mundo mío
ya no es mío
porque ahora abandono
y resigno
y me voy
y doy la espalda.




                                                                                                                                          ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO

jueves, 1 de septiembre de 2016

ESCAPARATE POÉTICO (LXXXVI) Manuel Álvarez Torneiro





                         MANUEL  ÁLVAREZ  TORNEIRO (A Coruña, 1932)




FRAGMENTO DOS CAMIÑANTES



Crúzanse nos camiños
tristísimos xigantes de ignorancia e tenrura,
Manuel Álvarez Torneiro
montañas de silencio, ou ben restos de un himno.
Pasan falando sempre do de nunca:
serias figuras de benaventuranza,
resistencia de mel ou mica pobre.

    Van aínda negando a princesa do conto,
atuando o horror sobre anacos de louza,
referindo as trampas da música,
ou fan xogos de mans nos milladoiros, beben
ou xuran vingarse se non medran os ríos.

    Levan pouca equipaxe, algo de cinza,
navallas que concentran o fulgor das tormentas,
unas estampas sepias que os delatan:
esa debilidade por facer memoria,
restaurar interiores tan afíns ao misterio.

    Ás veces atópanse á sombra das cortizas,
nos pórticos ociosos,
ou saíndo dos museos que os devolven tan tristes,
o una pólvora enteira que mollou o inverno.

    E son os confidentes: esas palbras neutras
a partir dalgún intre decadente,
a partir desas mans de medir o pecado.

    E poden ser felices se non recordan nada
ou conspirar e telo moi calado.

    Ás veces, ata poden ser felices e dignos,
negar certa ruína
ou velar o extravío co que se fan os soños.





PALABRAS DE VIVIR


Sabía que con outras palabras se construían reinos
que non hai (mais existen),
que se espallaba o clima das magnolias,
o azul, a menta.
Sabía que o mar tiña escribas propios
e illas que levitan,
que o oficio do soñador acadaba
luz zodiacal e coros para hosannas,
e que a norte, ese poder primario,
habitaba extra muros.

    Sabía que con outras palabras
se mentía en beneficio da latrina e o deserto,
das voces do apestado, da alcoba desnortada.
Sabía que hai palabras para explicar a Bach,
custodio aínda da alma mellor;
que hai palabras para matar a espada,
facer o rito
"Fervenza". Xulio García Rivas. (Tinta china sobre papel)
ou retomar o tempo das grosellas.

    Pero as súas eran palabras de vivir:
de dúbida en decembro,
miméticos vocábulos de pedir
piedade pola seca:
palabras de implorar entendemento, auga,
misericordia mesmo.



SEMPRE


Permanece un rostro primitivo,
un perdón imperfecto,
ese retorno á patria non querida,
aquel que bebe calma en flor de desmemoria.

    E o cómplice da pena
que entra, irreverente, no salón orballado.





(Do libro Rigorosamente humano, editado por Ed. Kalandraka, 2015. Col. Tambo)

domingo, 28 de agosto de 2016

"POEMAS BIROLLOS PARA LER COS OLLOS", UNHA PROPOSTA SUXESTIVA COA ORALIDADE E A POESÍA VISUAL COMO BASE.




Di Fran Alonso que a poesía para as primeiras idades está moi apegada á tradición e que queda na convención. Que esquece que hai unha parte importante da poesía que é gráfica, é dicir, que se pode ler coa vista, como se fose un cadro. E considera que debido ao déficit na incorporación da poesía visual e doutros achados importantes, o seu discurso vai por outro camiño para facela máis divertida, máis próxima á sensibilidade das nenas e nenos de hoxe.
 
Fran Alonso
     Acaba de ver a luz un poemario da súa autoría: Poemas birollos para ler cos ollos (Edicións Xerais. Col. Sopa de Libros) É este un poemario transgresor que habita nun potente contexto gráfico. El é o responsable do texto, do deseño e das ilustracións do libro. Evidentemente as dúas bases desta obra dirixida aos primeiros lectores son a poesía visual e a oralidade e bota man, xa que logo, de cancións infantís, arrolos, sortes... revisadas e actualizadas (Unha dúas  tres / suma outra vez / ciranda cirandiña / suma unha galiña / cigalla migalla / suma e nunca falla…)
     
     Poemas birollos para ler cos ollos é unha proposta sorprendente, que moderniza o xénero e non se pode entender sen ler coa vista, si, pero tamén te empurra a gozar das palabras e a súa disposición no espazo, salientando a forza das formas que non deixan indiferente. 
     


     Cada páxina é un convite a deitar os sentidos do lector ou lectora e deixarse levar pola maxia das palabras (cos seus enxeñosos tipos de letras), das cores e dos obxectos que voan polo ceo particular das composicións.
     

     Afirma Fran Alonso que se inspira, sobre todo, na súa intuición e non agocha o seu desexo de buscar novos camiños. Abofé que os atopa e pon a disposición do lectorado poemas divertidos e lúdicos para un maior pracer desas nenas e deses nenos que precisan dunha boa poesía infantil.


     E por se non chegase con todo isto, inclúe o libro unha ligazón a un videoxogo, porque cre o autor “que a poesía de hoxe tamén debe ter algo de videoxogo (e neste libro a relación é moi evidente), de interacción, de conexión, de desafío”.
     Unha proposta, pois, que pode enganchar os pequenos e os adultos, e así, en conxunto, desfruten da palabra de tradición oral e da visualidade que a poesía pode atinguir.


                                                                                                           ANTONIO  GARCÍA TEIJEIRO

miércoles, 24 de agosto de 2016

PAPEIS RECOBRADOS ( 9 ) Falando da relectura

    Foto de Anxo Cabada



Coa música de John Lennon de fondo, recobro un texto publicado no semanario “A Nosa Terra” no que escribo sobre a necesidade da relectura cando queremos chegar ao fondo dos textos literarios que posúen fondura.
     Foron unhas palabras do escritor César Aira as que me empurraron a poner por escrito o que penso sobre este tema.


     A ver que vos parece.


                     FALANDO DA RELECTURA

                                                                        
                                                                                                                                      ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO


Estou escoitando a John Lennon. Acabo de mercar algúns dos seus discos remasterizados. Un pracer. E decátome – imposible non facelo – de que levamos trinta anos sen John. Escribo un texto que me piden e, unha vez máis, emociónome diante da súa figura e da súa música. Non son tan inxenuo para pensar que era un anxo. De ningunha maneira. Mais tampouco o demo que certos xornalistas e escritores pretenden facernos crer. Celebro as súas cancións e non podo menos que recomendar que estean presentes nas aulas. Serven para collerlle gusto á música, para discutir, recrear ou cantar, sen máis. Non é pouco.

John Lennon
     
     Abro  as páxinas dun suplemento literario, Babelia, que tiña gardado entre os múltiples papeis que invaden a miña casa. Atópome cunha entrevista co escritor arxentino César Aira, de quen hai pouco estiven a falar cun bo amigo que lía o seu último libro. Di cousas interesantes este home. Entre elas, destaco a seguinte afirmación: “Estou na idade da relectura. Reler é un pracer dobre”.
     
       
César Aira

     Agrádame este comentario porque eu sempre insisto no tema da relectura, sobre todo a certos niveis. Ben sei que hai moito que ler e dá certa preguiza volver ao lido. Pero a riqueza que proporciona entrar de novo nunha obra interesante paga a pena salientalo. Captas detalles aos que non lles deras importancia, reparas en aspectos técnicos que pasaran desapercibidos na primeira lectura, comprendes mellor algúns comportamentos dos personaxes, rescatas algún secundario que pide que o escoites, entendes certas funcións da obra e ábreche un camiño amplo para achegalo aos teus alumnos, se es ensinante. Os mediadores ou mediadoras deben reler aquelas obras coas que traballan nas aulas. Hai que tentar sacarlle o zume ao máximo para que os alumnos gocen e perciban o espírito literario que te levou a recomendar ese libro.

     Relín moita LIX nestes últimos meses. Pensei nos meus alumnos e tamén en min mesmo.Fixen a relectura de Noite de voraces sombras de Agustín F.Paz (comprendín mellor certas obsesións que viven no libro) e gocei coas dúas novelas de Marilar Aleixandre, Rúa Carbón e A cabeza de Medusa. Dous libros intelixentes no tratamento de temas  tan delicados como a violencia en Euskadi ou a violación feminina. 
   

     

     Escritos de maneira maxistral, permitíronme descubrir matices que se me pasaran na primera lectura. Lectura/relectura, dúas facetas decisivas do desenvolvemento lector, que debemos ter en conta.  Encántanme escoitar os comentarios dos mozos e mozas perante un libro, as súas reflexións e a capacidade que teñen para valorar humanamente a vida que os rodea. Van descubrindo criterios e referencias que os sorprenden e nos sorprenden. A literatura debe xogar o seu papel.

     Mentres soa “Working class hero” de Lennon, penso nisto e en moitas máis cousas. Música e literatura, sempre da man. E canto axudan a sentirse ben!
    

                                          (Versión acústica da canción)