Mostrando entradas con la etiqueta césar aira. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta césar aira. Mostrar todas las entradas

miércoles, 24 de agosto de 2016

PAPEIS RECOBRADOS ( 9 ) Falando da relectura

    Foto de Anxo Cabada



Coa música de John Lennon de fondo, recobro un texto publicado no semanario “A Nosa Terra” no que escribo sobre a necesidade da relectura cando queremos chegar ao fondo dos textos literarios que posúen fondura.
     Foron unhas palabras do escritor César Aira as que me empurraron a poner por escrito o que penso sobre este tema.


     A ver que vos parece.


                     FALANDO DA RELECTURA

                                                                        
                                                                                                                                      ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO


Estou escoitando a John Lennon. Acabo de mercar algúns dos seus discos remasterizados. Un pracer. E decátome – imposible non facelo – de que levamos trinta anos sen John. Escribo un texto que me piden e, unha vez máis, emociónome diante da súa figura e da súa música. Non son tan inxenuo para pensar que era un anxo. De ningunha maneira. Mais tampouco o demo que certos xornalistas e escritores pretenden facernos crer. Celebro as súas cancións e non podo menos que recomendar que estean presentes nas aulas. Serven para collerlle gusto á música, para discutir, recrear ou cantar, sen máis. Non é pouco.

John Lennon
     
     Abro  as páxinas dun suplemento literario, Babelia, que tiña gardado entre os múltiples papeis que invaden a miña casa. Atópome cunha entrevista co escritor arxentino César Aira, de quen hai pouco estiven a falar cun bo amigo que lía o seu último libro. Di cousas interesantes este home. Entre elas, destaco a seguinte afirmación: “Estou na idade da relectura. Reler é un pracer dobre”.
     
       
César Aira

     Agrádame este comentario porque eu sempre insisto no tema da relectura, sobre todo a certos niveis. Ben sei que hai moito que ler e dá certa preguiza volver ao lido. Pero a riqueza que proporciona entrar de novo nunha obra interesante paga a pena salientalo. Captas detalles aos que non lles deras importancia, reparas en aspectos técnicos que pasaran desapercibidos na primeira lectura, comprendes mellor algúns comportamentos dos personaxes, rescatas algún secundario que pide que o escoites, entendes certas funcións da obra e ábreche un camiño amplo para achegalo aos teus alumnos, se es ensinante. Os mediadores ou mediadoras deben reler aquelas obras coas que traballan nas aulas. Hai que tentar sacarlle o zume ao máximo para que os alumnos gocen e perciban o espírito literario que te levou a recomendar ese libro.

     Relín moita LIX nestes últimos meses. Pensei nos meus alumnos e tamén en min mesmo.Fixen a relectura de Noite de voraces sombras de Agustín F.Paz (comprendín mellor certas obsesións que viven no libro) e gocei coas dúas novelas de Marilar Aleixandre, Rúa Carbón e A cabeza de Medusa. Dous libros intelixentes no tratamento de temas  tan delicados como a violencia en Euskadi ou a violación feminina. 
   

     

     Escritos de maneira maxistral, permitíronme descubrir matices que se me pasaran na primera lectura. Lectura/relectura, dúas facetas decisivas do desenvolvemento lector, que debemos ter en conta.  Encántanme escoitar os comentarios dos mozos e mozas perante un libro, as súas reflexións e a capacidade que teñen para valorar humanamente a vida que os rodea. Van descubrindo criterios e referencias que os sorprenden e nos sorprenden. A literatura debe xogar o seu papel.

     Mentres soa “Working class hero” de Lennon, penso nisto e en moitas máis cousas. Música e literatura, sempre da man. E canto axudan a sentirse ben!
    

                                          (Versión acústica da canción)

miércoles, 26 de diciembre de 2012

Marabillosas recomendacións

Guillermo Fadanelli
Encántame que, algúns dos poucos amigos bos lectores, me recomenden, un libro, un autor ou autora que non coñezo ou que, sabendo que existe, nunca reparase nalgunha das súas obras.


Vexamos. Un amigo, J, descubriume un libro que me engaiolou. Escrito polo meu admirado César Aira, non está publicado en España. O seu nome, La vida nueva. Ed. Mansalva (Bos Aires 2007). Enxeñoso, crítico, ben escrito. Literatura pura. Direi que non me gusta ler libros que, unha vez rematados e saboreados con pracer, non poidan pasar a formar parte da miña biblioteca. As segundas lecturas dunha obra de interese son máis que interesantes e enriquecedoras. Por iso, o bo de J tivo que remover Roma con Santiago e, a través dun amigo, conseguirmo. Eu, visto o tremendo esforzo levado a cabo, agasalleille Hoy, Júpiter, de Luis Landero, de quen non lera nada.

Outro amigo, M, faloume un día dunha escritora, nacida en Kiev en 1903, chamada Irène Némirovsky. Nunca escoitara falar desta muller, cun enorme talento, que viviu unha vida durísima e que morreu traxicamente nun campo de concentración aos trinta e nove anos de idade. Lúcida, brillante, cunha prosa elegante e unha ollada aceda e intelixente, esta escritora deixoume emocionado tras ler El baile, David Golder e , sobre todo, a súa obra mestra, Suite francesa.
Glenn Gould

E o mesmo sucedeu coa música clásica, hai xa ben anos. O meu amigo, G, abriume as portas do mundo xenial do pianista Glenn Gould (xa o sei. Seino ben que moitos o odian por excéntrico e heterodoxo). Eu adóroo. Apaixóname. E non só polas súas dúas edicións das Variacións Goldberg de Bach, inigualables para min, senón porque revoluciona a maneira de tocar o piano e fai tratamentos marabillosos de Schoenberg, Krenek ou Berg, entre outros. Pois a este amigo que vive en Bilbao, eu descubrinlle  un dos grandes mestres da batuta, Sir Georg Solti, mestre de directores. Son trocos extraordinarios que serven para unir e encher tantas e tantas lagoas que temos no coñecemento da vida.

Ben. Hai un mes e algo, atopeime con outro gran lector. De nome, V. Falamos de literatura, porque do tempo non pagaba a pena falar: chovía a cachón. Non lembro como, saíu o nome de John Fante, un autor que eu lera tempo atrás. E de John Fante fóiseme a cabeza ata Guillermo Fadanelli. Mexicano, innovador, nacido en Ciudad de México en 1963. Descubrírao remexendo nas novidades dunha librería e deixoume un impacto tremendo.Comeceille a falar del. O meu amigo semellaba interesado e, deseguida, comenteille que me gustaban especialmente os seus relatos, pero que era dono dunha prosa magnífica,directa, enganosamente sinxela, cuns personaxes moi ben construídos. A súa linguaxe é crúa e ferinte. É un autor que deixa ferida primeiro e logo, cicatriz. Consegue, ademais, un afastamento da súa escrita, máis aparente que real, e fai que a súa literatura rabuñe nos sentimentos do lector. Os seus relatos están feitos con trazos fortes, nada ornamentais, cunha intensidade que non se percibe ata que entras nas historias que, moitas veces, te deixan á beira do precipicio.

Eu recomendeille, para comezar, a novela La otra cara de Rock Hudson e o libro de relatos, para min maxistral, Compraré un rifle. Esperaba que fosen do seu interese e así foi. Como di do autor mexicano, Christopher Domínguez Michael, en Reforma: “Sobre todos los tópicos que su narración le va exigiendo, Fadanelli tiene una opinión aguda e inteligente que dar, pues es uno de esos escritores que no dejan de mirar un objeto hasta extraer de él todas sus posibilidades.”

Estou de acordo con esta afirmación.

E algunhas semanas despois, debería recibir unhas opinións do meu amigo. Enviáramas a través do móbil. Digo debería porque ao meu nunca chegaron. Cando o atopei nunha libraría, díxome que non contestara a súa mensaxe. Eu non sabía que debía contestar.Daquela, colleu o seu móbil do peto e amosoume as devanditas opinións. Boteime a rir ás gargalladas. Eu ensineille o meu móbil. Non había ningunha entrada súa. Como é algo despistado, díxenlle que mas enviase polo correo electrónico. Fíxoo e confesoume que enviara as mensaxes ao número da miña casa.

Non me estrañou nada. Cando volvín ler as súas opinións non puiden menos que botar outras risas perante o seu humor e mais o seu enxeño.

E escribiu isto:

Me jale el pinche libro del Fadanelli. Historias de meros pendejos, no más. Pero está puto. El gringo Hudson debía ser orgulloso de su cara. (Referido á novela)


Pinches relatos. Como sabe el Fad, hijo de la gran chingada! Y como entiende de güebones y de mujeres con cuerpo de lagartija. (Referido ao seu libro de relatos)





Si que lle gustaron. Integrouse tanto nos libros recomendados e gozados, que perdeu algo da súa esencia propia para adentrarse nunha simpática linguaxe mexicana. Esa parte que un autor tan apaixonante como Guillermo Fadanelli lle deixou, malia a lectura dura dos seus libros.



“Isto teño que contalo”, pensei.

E aquí está reflectido.

Marabillosa literatura.

Marabillosas recomendacións.


ANTONIO  GARCÍA TEIJEIRO