miércoles, 24 de agosto de 2016

PAPEIS RECOBRADOS ( 9 ) Falando da relectura

    Foto de Anxo Cabada



Coa música de John Lennon de fondo, recobro un texto publicado no semanario “A Nosa Terra” no que escribo sobre a necesidade da relectura cando queremos chegar ao fondo dos textos literarios que posúen fondura.
     Foron unhas palabras do escritor César Aira as que me empurraron a poner por escrito o que penso sobre este tema.


     A ver que vos parece.


                     FALANDO DA RELECTURA

                                                                        
                                                                                                                                      ANTONIO  GARCÍA  TEIJEIRO


Estou escoitando a John Lennon. Acabo de mercar algúns dos seus discos remasterizados. Un pracer. E decátome – imposible non facelo – de que levamos trinta anos sen John. Escribo un texto que me piden e, unha vez máis, emociónome diante da súa figura e da súa música. Non son tan inxenuo para pensar que era un anxo. De ningunha maneira. Mais tampouco o demo que certos xornalistas e escritores pretenden facernos crer. Celebro as súas cancións e non podo menos que recomendar que estean presentes nas aulas. Serven para collerlle gusto á música, para discutir, recrear ou cantar, sen máis. Non é pouco.

John Lennon
     
     Abro  as páxinas dun suplemento literario, Babelia, que tiña gardado entre os múltiples papeis que invaden a miña casa. Atópome cunha entrevista co escritor arxentino César Aira, de quen hai pouco estiven a falar cun bo amigo que lía o seu último libro. Di cousas interesantes este home. Entre elas, destaco a seguinte afirmación: “Estou na idade da relectura. Reler é un pracer dobre”.
     
       
César Aira

     Agrádame este comentario porque eu sempre insisto no tema da relectura, sobre todo a certos niveis. Ben sei que hai moito que ler e dá certa preguiza volver ao lido. Pero a riqueza que proporciona entrar de novo nunha obra interesante paga a pena salientalo. Captas detalles aos que non lles deras importancia, reparas en aspectos técnicos que pasaran desapercibidos na primeira lectura, comprendes mellor algúns comportamentos dos personaxes, rescatas algún secundario que pide que o escoites, entendes certas funcións da obra e ábreche un camiño amplo para achegalo aos teus alumnos, se es ensinante. Os mediadores ou mediadoras deben reler aquelas obras coas que traballan nas aulas. Hai que tentar sacarlle o zume ao máximo para que os alumnos gocen e perciban o espírito literario que te levou a recomendar ese libro.

     Relín moita LIX nestes últimos meses. Pensei nos meus alumnos e tamén en min mesmo.Fixen a relectura de Noite de voraces sombras de Agustín F.Paz (comprendín mellor certas obsesións que viven no libro) e gocei coas dúas novelas de Marilar Aleixandre, Rúa Carbón e A cabeza de Medusa. Dous libros intelixentes no tratamento de temas  tan delicados como a violencia en Euskadi ou a violación feminina. 
   

     

     Escritos de maneira maxistral, permitíronme descubrir matices que se me pasaran na primera lectura. Lectura/relectura, dúas facetas decisivas do desenvolvemento lector, que debemos ter en conta.  Encántanme escoitar os comentarios dos mozos e mozas perante un libro, as súas reflexións e a capacidade que teñen para valorar humanamente a vida que os rodea. Van descubrindo criterios e referencias que os sorprenden e nos sorprenden. A literatura debe xogar o seu papel.

     Mentres soa “Working class hero” de Lennon, penso nisto e en moitas máis cousas. Música e literatura, sempre da man. E canto axudan a sentirse ben!
    

                                          (Versión acústica da canción)