martes, 24 de junio de 2014

CANTANDO FERMOSAS CANCIÓNS CUNS LIBROS de "SONÁRBORE".


Fragmento canción de Olga Brañas e ilustración de Leandro Lamas para o libro "Pitusa Semifusa".

        Levo ben anos afirmando a importancia da música, das cancións na escola. É máis, cando falo dos pasos imprescindibles para achegar a poesía aos cativos, un deles é cantar cancións en voz alta nas aulas. Cancións con músicas variadas. Cancións con humor. Cancións que os rapaces e rapazas fagan súas. E funciona, claro que funciona.

  


       Podo aseguralo, porque o fixen ao longo da miña andaina escolar con resultados evidentemente positivos. E sigo a facelo. Non importan as idades.


       Se escolles con criterio sabendo o que hai publicado e o que pode resultar axeitado para o alumnado que tes diante, o éxito está asegurado.

        Por todo isto, non debo deixar de aplaudir as iniciativas que algunhas editoriais están a ofrecernos, E, de entre elas, debo salientar a Editorial Galaxia. Levan xa tempo  publicando uns libros excelentes neste eido. Sonárbore, una sección da colección Árbore, é un verdadeiro pracer para os sentidos, ademais dun referente ineludible para que as cancións tomen vida nas aulas.
       

         Libros moi coidados, magnificamente editados e ilustrados, que posúen unha calidade evidente nos seus contidos. Libros que levan un CD con música composta e desenvolvida por artistas de primeira liña. Compositores do mundo musical de noso  ao servizo de temas musicais que farán felices aos oíntes. Libros con CD (e, mesmo, con DVD) que abrirán camiños nas aulas para que o profesorado (pero tamén, na casa) teña unas ferramentas imprescindibles á hora de desenvolver o seu labor. Libros creados dende o máximo respecto aos seus destinatarios. Xa non hai desculpas. Temos material de luxo e debemos aproveitalo.


       Dito isto, vou dar conta, deseguido, de tres títulos que caeron nas miñas mans e que merecen, na miña opinión, ser coñecidos por un público amplo e preocupado pola infancia.

       O primeiro é Pitusa Semifusa, un traballo de Olga Brañas, quen asina as letras, as composicións e a dirección musical do libro-disco. Comparte, ademais, con Sérgio Tannus os arranxos e a produción das cancións.
        

       Pitusa Semprefusa, a personaxe,  preséntase no libro como a neta dunha directora de orquestra, muller espectacular coa batuta, ademais de guapa. Pitusa non a coñeceu pero é a receptora dun gramófono que a súa avoa lle deixou en herdanza. A partir de aí, atopamos dez cancións divertidas que nos van amosando diferentes instrumentos (de corda, de vento, percusión…) incluíndo a voz. Cancións alegres, divertidas, que convidan a cantar e a coñecer as aventuras da protagonista,
       Cancións nas que participan moitos artistas como Jara Ortiz, Xiana Lastra, Magín Blanco, Najla Shami, Xoán Curiel, Santi Cribeiro, Uxía ou Anxo Pintos entre moitos outros, Un acerto, sen ningunha dúbida.


        O segundo leva por nome Estamos no verán. Un verdadeiro reto pois é una novela-disco. A primeira novela-disco da literatura galega. Nace da colaboración do músico Xoán Curiel (magnífico o seu traballo, Nai) e a escritora Charo Pita, narradora, que imparte talleres de literatura oral e  licenciada en Filoloxía Hispánica.
        

       Unha novela coa que se van sentir moi felices os lectores e lectoras,  porque conta esa ilusión que todos temos cando, tras un curso longo, pensamos no verán e estamos cheos de proxectos.  Xoán, o seu protagonista, conta os seus desexos en forma de diario. Aventuras de verán, una panda que se xunta, e o meirande soño do protagonista: ter un grupo de música.
       Así, aproveitan os autores para crear una banda de son marabillosa. Doce temas moi variados, algún espectaculares, que se moven entre ritmos tan suxestivos coma o rock, o reggae, o blues, o funky ou a bossa nova.
       Libro fermoso que vencella literatura e música dun xeito intelixente e novidoso.


       E o terceiro vén da man da entrañable Familia Fumaça. Outra xoia. Outro proxecto engaiolante tras o maxistral, María Fumaça,    cantar e bailar para ser máis feliz!!! Un proxecto, o de María Fumaça, exemplar, modélico, que che contaxia as ganas de rir, bailar, cantar, ou sexa, de vivir.
        

       Do que é María Fumaça terán os lectores de Versos e Aloumiños una información proximamente. Dicir só que María Fumaça é un proxecto musical de celebración da vida. Unha chea de artistas cantando a alegría de respirar. Uxía, Sérgio Tannus, Magín Blanco, Isaac Palacín, Tanxarina, Carlos Blanco, Familia Domínguez Senlle e Ruí, xaora, cun bo número de amigos e amigas xúntanse para crear un enxeñoso espectáculo musical con cancións variadas e de moita calidade, como xa sucedera no libro-disco anterior. Neste, en concreto, cuxo título é Xiqui xoque, fiú fiú,  recuperamos a locomotora máis famosa do mundo, ben marchosa ela e ateigada de alegría.
        

       Vinte temas excepcionais, un CD e un DVD con video-clips de altura. Cancións de autor / a, temas tradicionais, adaptacións varias ao galego, temas en portugués, en inglés (magníficos os arranxos de Sing, Sing, Sing de Louis Prima, a cargo de Tannus), en castelán (Eliseo Grenet) etc. Non podo deixar de mencionar a canción Parabéns, Ruí, pola emoción que me produciu e o extraordinario tema, en italiano, Il bambino di Alaró, con letra e música de Magín Blanco.
                                    (María Fumaça. En directo na Biblioteca "Ánxel Casal" de Santiago. Cantan "Alegría")

       En definitiva. Temos que estar satisfeitos do que podemos descubrir se imos ás librarías sen medo, buscamos, preguntamos aos libreiros /as, folleamos e valoramos a necesidade de que os cativos e cativas estean preto dun bo libro, cunha  música axeitada para seren máis felices.
       

        E esa necesidade resulta prioritaria.
       Convenzámonos de que un libro será decote un verdadeiro amigo.
       Parabéns á editorial Galaxia por abrir esta liña tan necesaria para ampliar o panorama da LIX galega.

                                                                        ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

sábado, 21 de junio de 2014

TEMPO DE LER ( I )





       Agora que se achega o verán, é tempo de lectura.
       Mar, auga, sol, azul, luz…e libros.
       Velaquí uns fragmentos de libros en galego de narrativa e de poesía, que teñen un interese especial para nós. Hai máis, xaora, e tócavos descubrilos.
       Grande aventura.
       As librarías agardan a vosa visita.






 Fragmentos, fragmentos, fragment, fragm....






       … o portugués afastoulle os pelos da cara cunha delicadeza que lle enchoupou a alma e perdéronse en caricias primeiras. Pirrula deixouno facer. Ela tiña dabondo con termar do remuíño de pracer que lle fedellaba no estómago e lle subía en espirais deica a gorxa. Lembrou a única vez que estivera cun home e…

                                                               (Acordes náufragos. Antón Riveiro Coello. Ed. Galaxia)





        …foi así como, aos meus dezaseis anos, me vin lendo libros como La peste de Camus, La madre de Gorki, La metamorfosis de Kafka ou volumes  que recollían poemas de León Felipe, de Walt Whitman, de Neruda… Libros clandestinos, que non sei como conseguía Euclides. Libros que lía con ansia e que me deixaban…
                                                                                  
                                   ( A viaxe de Gagarin. Agustín Fernández Paz. Ed. Xerais).







       …a miña nai tamén me ten contado dun crego dunha vila de Lugo que nos anos cincuenta obrigaba as rapazas a confesarse de ler libros. A unha delas (a ela) díxolle, nun xogo de palabras que polo menos é orixinal: “ Xa o di a palabra: novelas,  non velas”. Tamén este home era un personaxe de O  Quixote: era un crego…

                                                        ( Escrito en cafeterías. Miguel Anxo Murado. Ed. Galaxia)


 

 … o amor foi
un trallazo moi forte
que rompeu a
ventá. E quedou rota
para sempre. Eu limpei
do chan
os cristais. Corteime
con eles
en tódolos dedos.
       
                                                                  
                                               (Pornografía. Lupe Gómez. Ed. Positivas)





 
… enmascarada
detrás do seu sorriso,
a táctil pinga gris
e a súa intemperie
xogaron a ser corazón
argumentando
cada puntada
sutil, humanizando a aceda constancia
do noxo, a covardía,
verbalizando un agarimo
entre augas…

                                                  (Bater de sombras. Francisco X. Fernández Naval. Espiral Maior)



 

… pero á fin non podo mentir.
non son capaz de transmitir
todo por moito que a miña
boca se abrise coma unha
caverna quente dun volcán
e non deixase de falar en
cen anos porque o peito me ferve
de dor.
eu, con vós,
síntome…

            (Presente continuo. María Reimóndez. Ed. Xerais)

miércoles, 18 de junio de 2014

APARECEU NUNHA ROCHA DA PRAIA


        Vino sobre una rocha.
      
       Non semellaba nin confuso nin desconcertado. Movía a cabeza abranguendo coa súa ollada a praia enteira

      Non estaba sentado nin deitado. Ergueito, non deixaba de mirar todo o que había ao seu redor. Daba a impresión de controlar cada movemento das persoas que tomaban o sol, dos rapaces que corricaban pola area e das conversas que se espallaban polo aire.

      Ao lonxe, as ondas parecían decatarse da súa presenza. Unha lene melodía invadía o aire e confundíase co vento que acariñaba o seu lombo. Non sei o que estaría a pensar, mais desprendía serenidade. Estaba vivo, moi vivo. Podo aseguralo.Non levaba colar. E tampouco daba a impresión de ter amo. Pero non parecía importarlle.

      Fun achegándome a el. Coloquei a miña toalla á súa beira.
      Olloume, depositando tenrura no meu corpo. Mais non se moveu. Sorrinlle. Deixou de mirarme.

      Seguía eu sen adiviñar a quen pertencía. Non semellaba estar abandonado. Porén, ninguén se preocupaba del. O can seguía na rocha gozando da paisaxe mariña.

      Colocada a toalla fun á beira. Coma sempre, paseniño, fun mergullándome na auga salgada que tanto me conforta.

      Dende o mar busqueino coa vista.

      E alí seguía.

      Fachendoso. Esculcando o horizonte.

      Falando, ao lonxe, coas ondas.

      Rindo, sen espaventos coas gaivotas.

      Mais ninguén parecía reparar nel.

      A xente chegaba. A xente marchaba. A xente falaba.

      Unha indiferenza absoluta semellaba envolver a súa presenza alí.

      Coma se fose invisible.

      Sería real? Cheguei a preguntarme.

      Eu estaba mar adentro.
      Nadei. Mergulleime.

      Deixeime acariñar polas ondas.

      Pero una forza interior empurrábame a buscalo coa vista.

      E alí seguía.

      Cando saín da auga volvín á toalla. Volvín á súa beira.

      Vino de novo de preto.

Andrés Neuman
      Veríano os demais? Estaría abandonado?

      Lembreime dun poema de Andrés Neuman.
        
              Un perro flaco,
     sin techo, a mis espaldas.
              Marchamos juntos.

      Non era o caso. Non estaba fraco, pero encantaríame marchar con el.

       
       Viñéronme á mente aqueles versos de Ángel Guinda dedicados ao seu can. 
Ángel Guinda
                    E viñeron onda min, porque eu, por desgraza, xa non teño can.
        
          
         Mi perro es la calma
         de las nubes inmóviles,
         la puerta que se abre
         cuando todo se cierra,
         la soledad del mar.

      
        
       En efecto, a calma das nubes. Portas que se abren en demasiados momentos negros da vida.

      En efecto. A soidade do mar.

      Iso sentín. Deixei pasar o tempo.

      Aquel ser resultábame cada volta máis entrañable.

      E pensei na miña andoriña que axiña entraría pola nosa fiestra.

      Dubidei. Mirei cara á rocha. Os seus ollos pedíanme algo.

      Volvín mirar e todas as direccións. Mirei cara arriba e cara abaixo. Á dereita e á esquerda.

      E tomei a decisión.

      Daquela, sen dubidalo máis, collín ese can de pana, cuxa mirada tanto me quería dicir, e marchei para á casa con el envolto na miña toalla.

      Hoxe vive feliz no meu balcón.

     Chámase o can Can.

      E séntese feliz entre os libros.

      Que ben!!!


                                                                                                      ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO