martes, 1 de marzo de 2022

UNHA NOVA GADOUPADA DO MAR: "O Villa de Pitanxo" naufraga nas augas de Terra Nova". Poemas sobre o rostro escuro do mar.

 



Xa están de volta os que puideron volver. Tres.

Xa están de volta nove cadáveres.

Moitos máis permanecen nos espazos descoñecidos que o mar presenta moi a miúdo.

Familias rotas. Impotencia. Dor, moita dor. E o mar segue sendo o mar coas súas facianas diversas.

Unha vez máis, ese mar condenado cobrou as súas vítimas.

Outro suceso de loito tras unha vil gadoupada dunhas augas que, dende hai ben tempo, son moi traidoras.

O mar, si, é plasticidade, paixase amable, fonte de alimentos, apertas de auga e sal, si; pero tamén é morte, perigo, anguria e loito.

Isto e moito máis sinto perante o terrible naufraxio do Villa de Pitanxo nas augas crueis de Terra Nova.

 

 



Fermoso o artigo en La Voz de Galicia de Víctor F. Freixanes sumándose e evocando a voz dos poetas para reflectir a dor que lle produciu o terrible naufraxio que se levou por diante vidas humanas.

 

 




Os que me coñecen saben moi ben o que o mar significa para min. Porén, non son tan inxenuo de considerar ese mar como algo bucólico e pintoresco unicamente. Xa en 1996 no meu poemario tan querido, Na fogueira dos versos, escribía eu este poema no que salientaba un dos rostros negros dos océanos.

 

 



E en 2016, no meu libro Poemar o mar incluía outro poema que amosaba de novo esa faciana que o mar ten de devorar aos seus fillos.

 

 


 

A tristura invádeme fondamente.

Amo e odio o mar nestas circunstancias.

Téñolle moito respecto, medo -nalgúns casos- e sinto por el un desexo enorme de fundirme coas súas esencias.

Pero en situacións coma estas, repudio o seu comportamento e fico desanimado vendo as súas consecuencias.

Cos homes e mulleres do mar, SEMPRE!




                                                                                                                                             ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

jueves, 24 de febrero de 2022

Artigo de Antonio García Teijeiro no "Faro de Vigo" co gallo do "Día de Rosalía", 2022.

 




                                                  NO “DÍA DE ROSALÍA”

 

                                                                                                                      Antonio García Teijeiro

 

Este ano cambia o “Día de Rosalía”. Viña celebrándose o día 24 de febreiro, data do bautismo da autora de Cantares gallegos. A investigadora Sagrario Abelleira revelou nova documentación que acredita a súa data real de nacemento. Dende agora, o 23 de febreiro (de ingrato recordo) amosa unha cara brillante: celebrarase o día da gran poeta nacida en Santiago de Compostela.

No “Día de Rosalía” ofréceselle unha homenaxe a unha muller comprometida coa súa terra, co seu tempo e que representa un símbolo cultural a través dunha obra rica en matices e moi xunguida ao país e ás súas xentes.


Lendo a Rosalía no seu día

Non descubro nada novo ao afirmar que Cantares Gallegos (1863, en Vigo) sinala o inicio maxistral do noso Rexurdimento ao recuperar para a arte unha lingua cuxa tradición literaria fora inexistente ao longo de case catro séculos. Poesía máis social (defensa da lingua e da terra fronte a aqueles que as aldraxaron), neste seu primeiro poemario; poesía intimista e subxectiva para expresar a súa visión do mundo - sen deixar á beira o tema social – en Follas Novas (1880),  no que a autora amosa, ademais, un certo desamparo, as esperanzas perdidas e padecendo o sentimento da soidade.

En 1884 sae do prelo En las orillas del Sar  poemario en castelán, no que amosa, unha vez máis, ese mundo subxectivo que a marca, as angurias da dor, a áspera vida das xentes campesiñas, pero faino cunha sorprendente e estoica serenidade. Para algúns é a súa obra máis importante.

As miñas preferencias, hei dicilo, están máis preto de Follas Novas.Neste poemario, a relación entre o vivido e a dor prevalece no máis profundo dela. Nos poemas deste libro, que é unha alfaia literaria, Rosalía incide na terrible mágoa que lle produce a emigración. E séntese solidaria coas mulleres dos emigrantes: mulleres que fican soas (“viúvas de vivos e mortos que ninguén consolará”). Rosalía salienta os seus duros labores en soidade cunha fortaleza exemplar e quéreas no máis fondo do seu ser comprendendo os seus sacrificios sen que lles falte tenrura.


Rosalía fai unha poesía feminina ateigada de sensibilidade que nos envolve. E esa feminidade reloce nos seus versos e contribúe a elevar a alma da muller ata as máis alturas poéticas. Malia ser denominada por Otero Pedrayo de “ánimo viril”, este trazo non é máis que o exemplo do seu carácter forte, difícil de dobregar. O tempo demostrou que certa misoxinia arredor de Rosalía de Castro rematou por esvaecer mentres medraba a grandeza da súa poesía.





Celebro a Rosalía nas miñas obras abrindo portas para que o público infantoxuvenil se achegue a ela.

Converso con ela a través dos seus versos que chegan a fundirse cos meus.

Velaquí un meu poema, mentres oio dentro de min as campás de Bastabales que Rosalía escoitaba e que a facían chorar, como din unhas estrofas deste emocionante poema de Cantares Gallegos:

As Campás de Bastabales / están a repenicar. /Sinto que tocan tristeiras, / eu non as quero escoitar. / Soan e soan ben lonxe / e non me quero achegar, / porque me falan de amores / que xa non quero lembrar. / Son badaladas queixosas / as que están a resoar. / Tinguen o ceo de negro, / sombras de amor e de amar.

Chega o día 23 de febreiro. Chega o “Día de Rosalía”. E reflexiono arredor do mesmo. Se non serve para que as xentes do noso pobo lean a Rosalía, de pouco vai valer tanto titular baleiro. Que se lea a súa poesía, que se convirta en referente poético real, que se coñezan e se digan  os seus poemas nos 365 días do ano.



Estou canso de ver o seu rostro en camisetas, en insignias, en cuncas, en chaveiros e demais. Rosalía como símbolo, si. Pero, sobre todo, como símbolo dunha poesía que no imaxinario galego debe ser coñecida, valorada, porque emociona.

Visibilidade icónica, xaora que si. Porén, se non se abren os seus libros, estamos perdendo a oportunidade de entrar nunha obra dun inmenso valor lírico que nos fará mellores.




Ah!, eu teño sobre a mesa de noite a súa poesía completa. E cada día non apago a lámpada sen ler un par dos seus poemas. Pódese probar.Non fai dano.

 

                                                     (Publicado no Faro de Vigo o día 23/272022)





miércoles, 23 de febrero de 2022

PASEOS POÉTICOS (XIII) Paseo no "Día de Rosalía" polo camiño dos versos que acariñan.

 



Aproveitando este 23 de Febreiro, Día de Rosalía de Castro, paseo pola soidade das miñas lembranzas. Rememoro aqueles tempos da descuberta da muller e da poeta que deu luz e substancia á nosa poesía, ou aínda máis, á nosa literatura.

Camiño entre roseiras e moitas flores que recenden a frescura, a palabra agochada entre as herbas, a versos que ateigan de esperanza os meus pasos tan descridos como arelantes de esperanza.


Rosalía de Castro



E Rosalía non é unha poeta máis. Rosalía sempre foi unha escritora que posuía unha forte vocación de poeta. Sempre foi esa muller comprometida coa terra, co tempo que lle tocou vivir. Rosalía de Castro é un símbolo real, por representativa, da literatura galega de todos os tempos.

A publicación, en 1863, de Cantares Gallegos sinala o inicio do Rexurdimento literario galego. É a recuperación para a arte dunha lingua cuxa tradición literaria fora inexistente ao longo de catro escuros séculos.

 

Sento sobre o tronco dunha árbore cunha antoloxía rosaliana, ao bordo do camiño e reparo, unha vez máis, na potencia da súa voz lírica, do seu verso intimista que descobre moitas das posibilidades que se descoñecían arredor da nosa lingua. Se en Cantares Gallegos puxo a poesía ao servizo do social, en Follas Novas (1880) e, posteriormente, no poemario En las orillas del Sar (1884) preséntasenos como unha poeta da intimidade e, co tempo, da fondura universal.

Sigo paseando e véñenme á memoria os fermosos versos que Manuel Curros Enríquez lle dedicara a esta muller loitadora infatigable a prol da verdadeira  esencia dun país moi castigado polas adversidades.

E recito en voz alta:

 

                                                A ROSALÍA DE CASTRO  (1885)

 

          Do mar pola orela

          mireina pasar,

          na frente unha estrela,

Manuel Curros Enríquez
          no bico un cantar.

 

          E vina tan sola

          na noite sen fin,

¡que inda recei pola probe da tola

eu, que non teño quen rece por min!

 

          A musa dos pobos

          que vin pasar eu,

          comesta dos lobos,

          comesta se veu…

 

          Os ósos son dela

          que vades gardar.

¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!

¡Ai, dos que levan no bico un cantar!

 

 

Que emocionante poema lle dedicou o poeta de Celanova, unha das voces máis xusticeiras do seu tempo e un poeta dunha potencia lírica tan evidente.

Érgome do banco e debuxo co dedo no aire un poema que eu incluín no meu Caderno de fume ao sentir en segredo as campás de Bastabales, esas que enchían de soidade á nosa poeta.

 

 


 

Sigo a pasear con pasos curtos. Deixo as pegadas sobre unha terra que sostén o meu corpo e a miña lectura poética nun día tan sinalado.

Daquela, doulle voz a Rosalía para que sexa ela quen loe esas badaladas tan tristes que a fan chorar. Eu non podo evitar escoitar eu ao lonxe a voz lírica e envolvente de Amancio Prada cantando coma ninguén estes suxestivos versos que apuntan ao corazón do ser humano máis sensible.





E un ano máis, desexo fondamente que Rosalía de Castro pase de ser unicamente un rostro nas camisetas, nas cuncas, nos chaveiros ou nas máscaras e os galegos e galegas se decidan a lela como a súa obra merece. Nunca é tarde e xamais perde substancia na relectura.

 


 

Pouco a pouco foi rematando o paseo; porén, síntome feliz e cobro nova vida.

É a maxia da poesía.

É a maxia de Rosalía.




                                                                                                                              O POETA PASEANTE


lunes, 21 de febrero de 2022

FAÍSCAS (11) "Versos de portes obertes", de M.Dolors Pellicer. Poemas no confinamento.




Introducció

 

Non era de creure

nin désperar,

però una cosa tan xicotiua

que no es por veure

                          ni es pot tocar

va dur la pena entre la gent,

la malaltia, el patiment.

Durant un temps,

tothom a casa ens vam quedar.

Es declarà rotundament

l´estat d´alarma.

                         Confinament.

 

 

 

 

Nestes tempos duros de pandemia resulta un agasallo precioso recibir e ler o poemario de M. Dolors Pellicer, Versos de portes obertes, ilustrado por Josep Ferrer e editado por Iglú.

 

     A poesía de M. Dolors é sempre dinámica, chea de ritmos, moi musical e capaz de crear axiña a complicidade co lectorado.

Pola súa sinxeleza, pola emoción que desprenden os versos, pola musicalidade e a intención literaria, Versos de portes obertes achega un estado de ánimo poético que atrapa.





Son as sensacións dun confinamento feitas palabras e, xa que logo, versos. Son poemas que na súa primeira parte nos transportan a unha certa decepción por ese becho que nos cambia a vida (pero vitais, iso sempre) e na segunda, son poemas de esperanza e de maioir ledicia.

 

    

     

M.Dolors Pellicer

A autora nunca perde a ilusión e contaxia co seu discurso poético os lectores e lectoras que logo entran nese espírito lúdico que, con versos curtos, coma golpes suaves -mais persistentes- recibimos meses duros momentos de illamento. O tempo vivido fica retratado nuns versos que precisan respirar e respiran. Son versos cun gran sentido lúdico e, á vez, dun exquisito lirismo. Quen le este poemario sente a frescura da boa poesía e retoma unha esperanza quizais perdida.

Decote quedan abertos os poemas para gozar da palabra literaria e deixarse levar pola intelixencia sensible da poeta.

 

 

     O poemario, ilustrado por J. Ferrer, está salpicado de debuxos dunha expresividade contaxiosa que alegra os ollos de quen se detén neles. Contundentes, de liña grosa poñen o punto de diversión que precisa un libro coma este.

 

 

Pescant paraules

en oceans llunyans

hem trobat mons.

No oblidarem els mots

que ens han fet ser qui som.

 

 

                                                                                                                                   ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO


jueves, 17 de febrero de 2022

DARDO POÉTICO (LXXX) "No xardín do poeta", un poemario de Antonio García Teijeiro que conversa con Lorca".

 



Teño nas mans o primeiro exemplar adiantado do poemario No xardín do poeta, un libro polo que levaba devecendo hai ben tempo.

Este poemario foi adiado por mor da pandemia e as súas secuelas no eido editorial

 


No xardín do poeta é unha homenaxe clara, definitiva, a ese gran poeta que é Federico García Lorca, a cuxa traxectoria tanto lle debo.

 

En todo o libro, os versos do poeta de Fuentevaqueros teñen unha presenza continua. E con eses versos, co seu espírito, nacen os meus, continuación literaria da fondura lorquiana e pasean felices por un xardín lírico despois de dialogar cos do gran Federico.

 


E atopamos nese xardín marabilloso, ao que accedín pola necesidade de ulir as súas flores, poemas de formas varias e medidas diversas; poemas musicais, rítmicos, cheos de luz, lúdicos, que intentan ser brillantes e, sobre todo, vitais, porque son froito da conversa íntima entre dous poetas que aman a vida.

 




Pero o poemario non sería tran atrente sen a ollada lírica, tenra, intelixente do seu ilustrador, Víctor Rivas.

Víctor non puido captar mellor o que agochaban e mostraban os poemas deste libro. De aí que as súas ilustracións procuran -e conseguen- fundirse co pensamento poético destes versos para crear criaturas que danzan con eles e danlle unha segunda vida.

 




Estou moi satisfeito co resultado final deste libro, No xardín do poeta, e agradezo a Edicións Xerais o agarimo e o coidado que puxeron dende o primeiro día na elaboración deste poemario tan querido por min e que ve a luz na colección Merlín.