Mostrando entradas con la etiqueta rosalia de castro. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta rosalia de castro. Mostrar todas las entradas

jueves, 24 de febrero de 2022

Artigo de Antonio García Teijeiro no "Faro de Vigo" co gallo do "Día de Rosalía", 2022.

 




                                                  NO “DÍA DE ROSALÍA”

 

                                                                                                                      Antonio García Teijeiro

 

Este ano cambia o “Día de Rosalía”. Viña celebrándose o día 24 de febreiro, data do bautismo da autora de Cantares gallegos. A investigadora Sagrario Abelleira revelou nova documentación que acredita a súa data real de nacemento. Dende agora, o 23 de febreiro (de ingrato recordo) amosa unha cara brillante: celebrarase o día da gran poeta nacida en Santiago de Compostela.

No “Día de Rosalía” ofréceselle unha homenaxe a unha muller comprometida coa súa terra, co seu tempo e que representa un símbolo cultural a través dunha obra rica en matices e moi xunguida ao país e ás súas xentes.


Lendo a Rosalía no seu día

Non descubro nada novo ao afirmar que Cantares Gallegos (1863, en Vigo) sinala o inicio maxistral do noso Rexurdimento ao recuperar para a arte unha lingua cuxa tradición literaria fora inexistente ao longo de case catro séculos. Poesía máis social (defensa da lingua e da terra fronte a aqueles que as aldraxaron), neste seu primeiro poemario; poesía intimista e subxectiva para expresar a súa visión do mundo - sen deixar á beira o tema social – en Follas Novas (1880),  no que a autora amosa, ademais, un certo desamparo, as esperanzas perdidas e padecendo o sentimento da soidade.

En 1884 sae do prelo En las orillas del Sar  poemario en castelán, no que amosa, unha vez máis, ese mundo subxectivo que a marca, as angurias da dor, a áspera vida das xentes campesiñas, pero faino cunha sorprendente e estoica serenidade. Para algúns é a súa obra máis importante.

As miñas preferencias, hei dicilo, están máis preto de Follas Novas.Neste poemario, a relación entre o vivido e a dor prevalece no máis profundo dela. Nos poemas deste libro, que é unha alfaia literaria, Rosalía incide na terrible mágoa que lle produce a emigración. E séntese solidaria coas mulleres dos emigrantes: mulleres que fican soas (“viúvas de vivos e mortos que ninguén consolará”). Rosalía salienta os seus duros labores en soidade cunha fortaleza exemplar e quéreas no máis fondo do seu ser comprendendo os seus sacrificios sen que lles falte tenrura.


Rosalía fai unha poesía feminina ateigada de sensibilidade que nos envolve. E esa feminidade reloce nos seus versos e contribúe a elevar a alma da muller ata as máis alturas poéticas. Malia ser denominada por Otero Pedrayo de “ánimo viril”, este trazo non é máis que o exemplo do seu carácter forte, difícil de dobregar. O tempo demostrou que certa misoxinia arredor de Rosalía de Castro rematou por esvaecer mentres medraba a grandeza da súa poesía.





Celebro a Rosalía nas miñas obras abrindo portas para que o público infantoxuvenil se achegue a ela.

Converso con ela a través dos seus versos que chegan a fundirse cos meus.

Velaquí un meu poema, mentres oio dentro de min as campás de Bastabales que Rosalía escoitaba e que a facían chorar, como din unhas estrofas deste emocionante poema de Cantares Gallegos:

As Campás de Bastabales / están a repenicar. /Sinto que tocan tristeiras, / eu non as quero escoitar. / Soan e soan ben lonxe / e non me quero achegar, / porque me falan de amores / que xa non quero lembrar. / Son badaladas queixosas / as que están a resoar. / Tinguen o ceo de negro, / sombras de amor e de amar.

Chega o día 23 de febreiro. Chega o “Día de Rosalía”. E reflexiono arredor do mesmo. Se non serve para que as xentes do noso pobo lean a Rosalía, de pouco vai valer tanto titular baleiro. Que se lea a súa poesía, que se convirta en referente poético real, que se coñezan e se digan  os seus poemas nos 365 días do ano.



Estou canso de ver o seu rostro en camisetas, en insignias, en cuncas, en chaveiros e demais. Rosalía como símbolo, si. Pero, sobre todo, como símbolo dunha poesía que no imaxinario galego debe ser coñecida, valorada, porque emociona.

Visibilidade icónica, xaora que si. Porén, se non se abren os seus libros, estamos perdendo a oportunidade de entrar nunha obra dun inmenso valor lírico que nos fará mellores.




Ah!, eu teño sobre a mesa de noite a súa poesía completa. E cada día non apago a lámpada sen ler un par dos seus poemas. Pódese probar.Non fai dano.

 

                                                     (Publicado no Faro de Vigo o día 23/272022)





sábado, 13 de abril de 2013

Rosalía de Castro e "Negra sombra" en Tennessee

O pasado mércores, día 10 de abril, tivo lugar na Universidade de Tennessee, na pequena vila de Martin, onde a miña muller, Erin, e mais eu somos profesores, un recital poético titulado "Literature around the World". Este recital celébrase anualmente no Writing Center da nosa universidade e, como o seu propio nome indica, busca achegar diferentes tradicións literarias aos estudantes. Diversos alumnos de intercambio, procedentes de varios países, xunto a profesores de diversas nacionalidades, escollen un poema para leren, primeiro na súa lingua materna e despois nunha tradución ao inglés.


A directora do Writing Center, Anna Clark, púxose en contacto comigo este ano e pediume que participase. Eu díxenlle que estaría encantado de facelo se me permitía ler un poema en galego, unha idea que a ela lle pareceu excelente. Polo tanto, decidín escoller un dos textos de Rosalía que máis me gustan, esa "Negra sombra" que asombra a voz poética, que ao mesmo tempo a inqueda e a atrae. Un poema que fala, se cadra, do noso fado, ou quizais desa parte de nós mesmos da que non nos é posíbel escapar. Un dos poemas que máis me emocionan entre os moitos que compoñen Follas novas, un poemario publicado en 1880, pero escrito principalmente entre 1869 e 1870.

Aproveitei o acto para falar un pouco da diversidade lingüística de España—algo do que non son conscientes aquí a meirande parte dos estudantes—, da historia do galego e tamén da figura ineludíbel de Rosalía, da súa presenza icónica na literatura galega, da súa fixación co destino e a saudade pola terra natal, do seu feminismo avant la lettre, da súa melancolía romántica inspirada pola súa propia traxectoria vital moitas veces amargurada e de tantas outras cousas. Despois, lin "Negra sombra", primeiro na versión orixinal galega, seguida dunha tradución ao inglés que eu mesmo fixen para a ocasión e que podedes ler aquí deseguido:

NEGRA SOMBRA

Cando penso que te fuche,
negra sombra que m'asombras,                    
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.

Cando maxino qu'es ida,
no mesmo sol te m'amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.

Si cantan, es ti que cantas;
si choran, es ti que choras,
i es o marmurio do río
i es a noite i es a aurora.

En todo estás e ti es todo,
pra min i en min mesma moras.
Nin m'abandonarás nunca,
sombra que sempre m'asombras.



BLACK SHADOW (Translation by Anton Garcia-Fernandez)

When I think that you are gone,
Black shadow, you who always astound me,
Right to my bedside
You return to taunt me.

When I imagine that you have left,
You appear even in the sun,
And you are the star that shines,
And you are the wind that blows.

If someone sings, you are the one who sings;
If they weep, you are the one who weeps,
And you are the babbling brook
And you are the dusk, and you are the dawn.

You are in everything, and you are all,
You live for me and within me,
And you shall never leave me,
Black shadow, you who always astound me.


Así mesmo, distribuín tamén un díptico co texto de “Negra sombra” en galego e en inglés, para que os máis de sesenta estudantes e profesores que se deron cita no Writing Center para asistir ao recital puidesen seguir a miña lectura e visualizar a ortografía do orixinal galego. Co obxecto de amosar o lugar senlleiro que ocupa Rosalía na historia da literatura galega e española, ilustrei o díptico con algunhas fotografías da autora, así como coa imaxe dun selo e dun billete de 500 das antigas pesetas coa súa efixie, e por suposto, coa cuberta dese magnífico álbum de mediados dos anos setenta, no que Amancio Prada puxo música a varios dos poemas de Rosalía. Tras a miña lectura das dúas versións de “Negra sombra”, lembrei de súpeto que o poema fora musicado polo compositor lugués Xoán Montes Capón, un fermoso e melancólico alalá que sempre me ten gustado moito, especialmente dende que o escoitei na voz de Luz Casal nese excelente disco de Carlos Núñez que se titula A irmandade das estrelas. Polo tanto, decidín, sen pensalo dúas veces, rematar a miña participación no recital, interpretando a cappella as dúas primeiras estrofas do poema, algo que sorprendeu e gustou moito a todos os asistentes.



Ademais do galego, escoitáronse neste curioso e emotivo recital outras linguas, entre as que se contan o alemán, o chinés, o xaponés, o indonesio, o francés e o coreano. Todos aqueles que me coñecen saben da miña paixón polas linguas, non só por estudalas, senón tamén simplemente por escoitalas, por gozar da súa musicalidade, do seu ton, das súas inflexións. Pouco importa comprender o que o falante di, porque na miña opinión e na dos meus oídos, todas as linguas do mundo teñen a capacidade case máxica de convertiren as palabras e os sons en poesía, independentemente do significado desas verbas. E, mentres escoitaba os diversos sons das palabras poéticas escritas e pronunciadas en linguas que xamais chegarei a falar, sentín que algo (a poesía) me unía a aquelas persoas vindas a Tennessee dende puntos afastados do planeta. E sentín o sorriso nos meus beizos e tamén nos de todos os alumnos e profesores que enchían o Centro de Escritura da University of Tennessee at Martin.

ANTÓN GARCÍA-FERNÁNDEZ

viernes, 25 de enero de 2013

Dende cativos, Rosalía, sempre

O ano que rematou hai un mes, celebrouse o 175 aniversario da nosa máxima expresión literaria e, máis concretamente, poética: Rosalía de Castro. Para celebrar ese acontecemento a Fundación que leva o seu nome e que tanto está a facer pola memoria viva de Rosalía, publicou unha interesante obra para achegar esta muller á infancia. O libro chámase Antoloxía para a infancia. Unha iniciativa que aplaudo con calor, porque estou seguro de que moitísimas persoas falan de Rosalía sen tela lido en condicións. E isto non é san para a saúde da nosa sociedade que maltrata demasiadas veces a nosa lingua e, tamén, a nosa literatura. Di Helena Villar Janeiro, na presentación da escolla, o seguinte, referíndose aos pequenos lectores: "Queremos facerche máis doada a lectura e presentarche unha mostra representativa da súa variada creación. Por iso, algúns poemas longos non están completos. saberás que pasa así cando vexas puntos suspensivos, que indican que se interrompe o texto. Se che gustou ese fragmento, podes completar a lectura no libro ao que pertence". O libro recolle poemas das súas tres grandes obras poéticas: Cantares gallegos (1863), Follas novas (1880) e En las orillas del Sar (1884). Remata Helena a presentación dicindo: "Cando acabes este libro, coñecerás á que é considerada a nosa mellor poeta e unha entre os grandes autores da literatura universal".

A min paréceme unha iniciativa necesaria. Resulta importante que xa, dende as primeiras idades, saiban os nenos e nenas da importancia de autora tan sublime.  A súa obra é transcendente. Non é unha muller que posúa unicamente unha importancia histórica, que si a ten, por suposto. Foi unha persoa cunha vida complexa, chea de atrancos, cunha saúde feble, que non andou nos círculos intelectuais do seu tempo. Tampoco foi unha muller cunha formación completa - máis ben mediocre - e que tivo moitos problemas económicos. Malia todo isto, escribiu con intensidade e ánimo uns poemas que serviron de guía a tantas e tantas persoas, que, coma min, permitiron coñecer o máis fondo da alma humana. Rosalía foi un símbolo da galeguidade, pero quedarse niso podería ser perigoso. De aí, que todo o que se faga por dar a coñecer a súa obra, de que os seus versos nos resulten próximos, será imprescindible. Rosalía non pode morrer e non morre, grazas a diversas iniciativas que manteñen viva a súa imaxe. Personalidade sobranceira, sempre vencellada á nosa terra, está nun lugar de honra na literatura galega e, tamén, na literatura universal.

Podemos afirmar que boa parte da súa poesía foi e é moderna. Dela partiu a andaina poética en Galicia. A publicación de Cantares gallegos en 1863, hai agora 150 anos, marca o comezo da literatura de alta calidade. Hai moitas Rosalías en Rosalía, como sempre mantiven que hai moitos Albertis en Rafael Alberti. Unha Rosalía crítica, unha Rosalía que escribe dende a dor, unha Rosalía amorosa, unha Rosalía que chora a emigración, unha Rosalía que, como di Anxo Tarrío no seu libro Literatura gallega (Ed. Taurus) "era consciente de que escribía dende un país marxinado e malia os compoñentes costumistas e folclóricos dalgunhas das súas páxinas, non é outra cousa ca ilustración dunha ideoloxía que pretendía tanto afirmar os valores específicos da patria galega como denunciar, a través dun berro de indignación, as inxustizas de que eran vítimas as súas xentes". Noto, polo que escoito e leo, que se fala dunha Rosalía sentimental. Tamén existe. Pero esa Rosalía indignada falaba ben alto. Non esquezamos que para ela escribir en galego foi, ademais, un compromiso coa lingua e contra aqueles que a maltrataban. Tiña unha enorme concienciación coa linguaxe e, como dicía Manuel Murguía, con quen casou en 1858, un pobo que perde a súa lingua é un pobo morto. Chea de enigmas, automarxinada moitas veces, consegue dar aos seus versos unha profunda intensidade e unha intemporalidade que a fai actual decote. Orixinal en Follas novas con respecto á métrica, adiantouse uns anos aos modernistas, o que fai de Rosalía unha adiantada ao seu tempo. Din que non é brillante. Para min si que o é. As arestas da súa poesía son unha marabillosa realidade.

Por iso, doéronme as palabras que o petulante Luis Antonio de Villena se permitiu dicir sobre ela. Calificouna de poeta mediana. Esta afirmación doeume e moito, porque non é certo. A capacidade de chamar a atención deste poeta non ten lindeiros. Eu escribín poesía en galego, grazas aos seus versos. Os meus libros teñen unha chea de referencias a ela. Paseniño, paseniño, un dos meus libros preferidos, é un camiñar constante, por vieiros non sempre amables, ata chegar a Rosalía, coa que remato o poemario. Detrás da miña mesa onde escribo sempre está o seu retrato. Nos andeis da miña biblioteca poética está unha figura da "nosa nai e señora". Fíxenlle homenaxes con palabras dende os meus poemas. E hoxe, revolvendo na libraría, que visito case todos os días, dei con outro libro para os pequerrechos, editado por Espiral Maior en 2010. Non o coñecía, confésoo. Ilustrado por Isabel Pintado, recolle o poema Parece unha rosa. Cada estrofa leva a súa ilustración. É unha verdadeira preciosidade. Moi recomendable para todos, faltaría máis, pero ideal para ler cos nosos fillos e fillas e introducilos na fermosísima poesía desta gran muller.

Anúncianse actos para o día 24 de febreiro, data do seu nacemento. Rosalía segue viva. Leámola a miúdo. Non estaría mal que sobre a mesiña de noite sempre houbese unha antoloxía poética súa. Non só non faría mal a ninguén, senón que axudaría a reflexionar sobre esas actitudes tan pouco afeccionadas a ler poemas.
A min, dende logo, prodúceme unha compañía que me dá serenidade.

ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO
Casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón