jueves, 24 de febrero de 2022

Artigo de Antonio García Teijeiro no "Faro de Vigo" co gallo do "Día de Rosalía", 2022.

 




                                                  NO “DÍA DE ROSALÍA”

 

                                                                                                                      Antonio García Teijeiro

 

Este ano cambia o “Día de Rosalía”. Viña celebrándose o día 24 de febreiro, data do bautismo da autora de Cantares gallegos. A investigadora Sagrario Abelleira revelou nova documentación que acredita a súa data real de nacemento. Dende agora, o 23 de febreiro (de ingrato recordo) amosa unha cara brillante: celebrarase o día da gran poeta nacida en Santiago de Compostela.

No “Día de Rosalía” ofréceselle unha homenaxe a unha muller comprometida coa súa terra, co seu tempo e que representa un símbolo cultural a través dunha obra rica en matices e moi xunguida ao país e ás súas xentes.


Lendo a Rosalía no seu día

Non descubro nada novo ao afirmar que Cantares Gallegos (1863, en Vigo) sinala o inicio maxistral do noso Rexurdimento ao recuperar para a arte unha lingua cuxa tradición literaria fora inexistente ao longo de case catro séculos. Poesía máis social (defensa da lingua e da terra fronte a aqueles que as aldraxaron), neste seu primeiro poemario; poesía intimista e subxectiva para expresar a súa visión do mundo - sen deixar á beira o tema social – en Follas Novas (1880),  no que a autora amosa, ademais, un certo desamparo, as esperanzas perdidas e padecendo o sentimento da soidade.

En 1884 sae do prelo En las orillas del Sar  poemario en castelán, no que amosa, unha vez máis, ese mundo subxectivo que a marca, as angurias da dor, a áspera vida das xentes campesiñas, pero faino cunha sorprendente e estoica serenidade. Para algúns é a súa obra máis importante.

As miñas preferencias, hei dicilo, están máis preto de Follas Novas.Neste poemario, a relación entre o vivido e a dor prevalece no máis profundo dela. Nos poemas deste libro, que é unha alfaia literaria, Rosalía incide na terrible mágoa que lle produce a emigración. E séntese solidaria coas mulleres dos emigrantes: mulleres que fican soas (“viúvas de vivos e mortos que ninguén consolará”). Rosalía salienta os seus duros labores en soidade cunha fortaleza exemplar e quéreas no máis fondo do seu ser comprendendo os seus sacrificios sen que lles falte tenrura.


Rosalía fai unha poesía feminina ateigada de sensibilidade que nos envolve. E esa feminidade reloce nos seus versos e contribúe a elevar a alma da muller ata as máis alturas poéticas. Malia ser denominada por Otero Pedrayo de “ánimo viril”, este trazo non é máis que o exemplo do seu carácter forte, difícil de dobregar. O tempo demostrou que certa misoxinia arredor de Rosalía de Castro rematou por esvaecer mentres medraba a grandeza da súa poesía.





Celebro a Rosalía nas miñas obras abrindo portas para que o público infantoxuvenil se achegue a ela.

Converso con ela a través dos seus versos que chegan a fundirse cos meus.

Velaquí un meu poema, mentres oio dentro de min as campás de Bastabales que Rosalía escoitaba e que a facían chorar, como din unhas estrofas deste emocionante poema de Cantares Gallegos:

As Campás de Bastabales / están a repenicar. /Sinto que tocan tristeiras, / eu non as quero escoitar. / Soan e soan ben lonxe / e non me quero achegar, / porque me falan de amores / que xa non quero lembrar. / Son badaladas queixosas / as que están a resoar. / Tinguen o ceo de negro, / sombras de amor e de amar.

Chega o día 23 de febreiro. Chega o “Día de Rosalía”. E reflexiono arredor do mesmo. Se non serve para que as xentes do noso pobo lean a Rosalía, de pouco vai valer tanto titular baleiro. Que se lea a súa poesía, que se convirta en referente poético real, que se coñezan e se digan  os seus poemas nos 365 días do ano.



Estou canso de ver o seu rostro en camisetas, en insignias, en cuncas, en chaveiros e demais. Rosalía como símbolo, si. Pero, sobre todo, como símbolo dunha poesía que no imaxinario galego debe ser coñecida, valorada, porque emociona.

Visibilidade icónica, xaora que si. Porén, se non se abren os seus libros, estamos perdendo a oportunidade de entrar nunha obra dun inmenso valor lírico que nos fará mellores.




Ah!, eu teño sobre a mesa de noite a súa poesía completa. E cada día non apago a lámpada sen ler un par dos seus poemas. Pódese probar.Non fai dano.

 

                                                     (Publicado no Faro de Vigo o día 23/272022)