lunes, 13 de enero de 2014

A LUZ DAS PALABRAS (36). Ledicia Costas



Ledicia Costas
Lera dela, no ano 2000, unha novela que me gustou moito. Era unha novela xuvenil dunha autora que descoñecía por completo. Pero algo había nas páxinas de Unha estrela no vento que me chamou a atención. Non sei ben o que. Quizais fose a maneira de expresar os problemas que enchen a vida dos mozos e mozas de hoxe. Quizais, o personaxe de Reina, unha rapaza xitana que ensinará a Miguel o que é o amor, ou Abel, un mozo minusválido, que me resultou un personaxe fascinante. Non o sei, pero a novela non quedou no baúl dos recordos.

A súa autora, Ledicia Costas, tiña daquela vinte e un anos. Lembro que iso si non me pasara desapercibido.

E Ledicia Costas, amante dos proxectos audiovisuais, da poesía, da narrativa, ou sexa, da boa literatura en calquera dos seus xéneros, foi consolidando a súa maneira de escribir. Foi medrando, como persoa atenta ás chamadas silenciosas dos sentimentos e continuou coa paixón de escribir.
  O ano 2012 foi un ano literario para ela moi especial. Saíron do prelo dous libros marabillosos: A novela xuvenil, O corazón de Xúpiter (Edicións Xerais de Galicia) moi premiada, e un poemario magnífico, unha viaxe interior profunda cara ao seu interior, Xardín de inverno (Ed. Everest).
Para min, esa novela e o libro de poemas demostraron a capacidade de unir dúas facetas importantes das súas inquedanzas literarias: prosa e verso.


                                                                  volvo atrás

                                                                  e os medos empezan

                                                                  a agromar da area



                                                                  son proxectís de frío

                                                                  que se incrustan na cerna

                                                                  da perfecta muller mecánica



                                                                  tic-tac, tic-tac,tic-tac…

Son uns versos duros, reflexivos, desacougantes. Pero é poesía pura, directa. Poesía sen idades, que saen á luz nunha colección dirixida á mocidade. Está claro que van dirixidos aos bos lectores de poesía teñan a idade que teñan.

O corazón de Xúpiter é un experimento temático e literario moi intelixente. Muda de cidade Isla, comeza de cero. Viaxa polo espazo a través do telescopio, inventa o nick de Casiopea para entrar nos foros sobre astronomía que tanto lle interesaban. Alí coñece a Xúpiter, que sabe moito das estrelas, manteñen longas conversas ata ben entrada a madrugada e sente a necesidade de saber todo del, quedan para coñecerse en persoa… Unha novela moi aconsellable pola súa calidade literaria.

Ledicia e mais eu quedamos a tomar un café (eu, un chocolate) na cafetería que tempo atrás había na Casa do Libro. Intercambiamos algúns libros e Ledicia pareceume unha persoa coas ideas ben claras. Logo volvemos a vernos en La Cuchufleta e seguimos coas conversas iniciadas no noso primeiro encontro. Sentinme moi a gusto falando con ela. É unha persoa agradable que fai que o tempo voe.Ama fondamente a literatura, participa en numerosos actos literarios e, estou seguro, ten un futuro moi brillante dentro deste terreo tan difícil da escritura.
Pedinlle para Versos e aloumiños un texto. E ela non o dubidou. Acabo de lelo, fermoso, emotivo. Sen máis, escribo esta introdución. Un pequeno achegamento a Ledicia Costas, de quen se deben ler as súas obras.
Se cadra, non estaría mal comezar por este texto e continuar, deseguido, cos seus libros. De verdade que paga a pena facelo.
Grazas, Ledicia, por estas liñas tan interesantes.


Con Ledicia Costas en La Cuchufleta



O tamaño das emocións



Ás veces, na vertixe que é a miña vida, busco un ángulo no que recollerme, un recanto onde poder desafiar ao mundo un instante. É aí cando os pulmóns teñen a súa oportunidade. Dilátanse ata case a rotura, expándense nun movemento elástico que me fai lembrar aquelas gomas negras coas que xogaban as nenas á hora do recreo. Saltaban sobre elas, enredaban e desenredaban as súas pernas, enroscábanse nunha arañeira imposible. Eu observaba. Observaba sempre, desde fóra. Hoxe, tantos anos despois, sigo observando. As cousas mudaron moito. Polo menos, por dentro.

Non sei reflexionar sobre a literatura sen regresar á infancia. Diso mesmo falaba Fina Casalderrey o pasado venres, na lectura do seu discurso de entrada na Real Academia Galega: Desde os refachos do corazón ata onde habita o imaxinario.
Fina Casalderrey
Emocioneime con ela (sen chorar, eu acostumo a tragar as bágoas, son desas persoas que sente por dentro en lugar de por fóra). Todo isto vén a conto do tamaño das emocións. Estou convencida de que as persoas que vivimos creando constantemente, sentimos distinto. E ás veces é complicado manexar ese volume denso de cousas que se enroscan no estómago. Sucedeume de novo, unha vez máis, a semana pasada. Con Fina, como dicía, mentres escoitaba o seu discurso. Pero tamén noutro lugar ao que regresei despois de 16 anos. Ese espazo que adoito transitar literariamente de xeito case obsesivo, e tamén no meu recordo. Tanto tempo despois, volvín pisar o instituto no que estudei de adolescente e todo me veu grande. Excepto os espazos, que eu recordaba amplos, e resultaron ser minúsculos. Escribín Unha estrela no vento hai xa moito. E todas e cada unha das súas páxinas foron concibidas sentada nunha daquelas cadeiras verdes. Os anos pasan sobre os libros de distinta maneira. De súpeto eu xa non tiña 16 anos. Xa non estudaba terceiro de BUP, xa non era aquela rapaza introvertida que lía a Kafka e a Lorca no tempo libre e que escribía novelas ás agachadas. 


De súpeto estaba diante do alumnado, falando de cousas de antes. Da razón de escribir Unha estrela no vento, da verdadeira orixe da historia, da importancia dos lugares, de como hai cousas que se arrastran para sempre de xeito inevitable. E todo ía como tiña que ir. Ata que soou o timbre, chegou a hora do recreo e o mundo adquiriu outra dimensión. Leváronme a un pequeno despacho e presentáronme a unha rapaza xitana que estuda terceiro da ESO e que padece unha importante xordeira que a obriga a asistir ás clases cunha intérprete. A súa profesora (a muller que me levou de cabeza á literatura galega a mediados dos anos noventa e a quen admiro profundamente), advertíramo: é unha rapaza especial. Emocionouse moito co libro, sobre todo con Reina, a xitana da que se namora o protagonista. Cando tiven a aquela alumna diante, derretinme (por dentro, por suposto). Ela case non podía falar: “estoy tan emocionada que no puedo hablar”, díxome desde os seus catorce anos. “Me tiembla todo. Para mí es muy fuerte hablar contigo”. E entón
Franz Kafka
tamén eu comecei a tremer. Porque ser xitana, padecer xordeira, faltar a clase varias veces á semana pola digna vida de feirantes que levan os seus pais e empeñarse en continuar estudando pese a todas as dificultades, é un exemplo de superación. Por medio da súa intérprete e da súa mestra souben que chorou con Unha estrela no vento, que a devorou nunha tarde, que nunca un libro a fixera sentir así. Ela estaba tan nerviosa que só facía mirarme desde os seus ollos grandes. Eu falei. Falei e falei: da literatura, da integración, da felicidade de compartir momentos como aquel. E cando rematou o recreo e a conversa, o mundo empezou a xirar de novo, pero a outra velocidade.

Estas son as mellores cousas que me dá a literatura. Hai momentos inesquecibles, case todos da man de lectoras e lectores que fan que todo teña sentido. Aínda que ás veces, polo camiño, non deixe de preguntarme unha e outra vez que fago eu no medio deste vórtice e desta especie de carreira sen meta definida.
Federico García Lorca

Creo que non poderei esquecer xamais a esta alumna, que dilatou o tamaño das miñas emocións ata a extrema. Levareina comigo para sempre. Dentro, por suposto. Onde se gardan as cousas que de verdade importan.



LEDICIA COSTAS.  

domingo, 12 de enero de 2014

NA HABITACIÓN DE VAN GOGH EN ARLES





Entrar no cuarto de Van Gogh en Arles foi un desexo que acariciei durante bastante tempo. Como era imposible, decidín facelo no cadro que o representa. E abofé que me sentín moi a gusto dentro; miraba pola ventá, sentaba a ler na cadeira e ata botei una soneca sobre a cama do pintor. Iso foi hai xa ben tempo. Por iso, agora, cando Faktoría K de Libros publica un fermoso libro que permite ao lector ou lectora entrar no cadro, explorar este particular universo de Van Gogh, descubrir a beleza de cada recanto, non podo menos que alegrarme moi fondamente. O seu título: Un cadro de Van Gogh.
          
          O álbum está coidado ao máximo, algo habitual nesta editorial que nos anima a gozar con cada
Claire D´Harcourt
volume que tira do prelo. Da man de Claire D’Harcourt, percorremos este espazo atractivo, reproducido en detalles que serven á autora para poñer textos ben relacionados, a partir da súa propia experiencia sensorial e das palabras que Vincent escribiu, nas súas famosas cartas, ao seu irmán Teo.

          Falándolle do cuarto, sinxelo e con mobles rústicos, di o pintor: “Coas formas cadradas dos mobles quero expresar a tranquilidade”. E un vai pasando as follas plastificadas de cada detalle da obra e saborea as formas, a intensidade das cores tan vivas, as pinceladas rápidas e sinuosas do artista e a voz da autora semella moumear no oído palabras delicadas que te introducen na linguaxe propia das cores e dos obxectos pintados. Unha viaxe emotiva e poética por ese universo tan particular do pintor holandés.

          E a min, que tanto me gustan os seus retratos, prodúcenme alegría estas palabras de Van Gohg: “Comprei expresamente un espello para poder traballar sobre a miña propia imaxe”. Non podemos esquecer que pintou preto de corenta autorretratos como afirma Claire D’Harcout. Un libro fermoso, enriquecedor, ao que non lle falta nin lle sobra nada, que fai as delicias de todos aqueles que decidan achegarse a el. 
          
          Un libro cheo de poesía sensorial, de lirismo verbal que se pecha coa lámina plastificada dese óleo maxistral pintado sobre tea por un dos mestres indiscutibles da pintura de sempre.


          En definitiva: despois de moito tempo volvín pasear polo cuarto no que tantas veces soñei coa vida.

                                                                                                        
                                                                                                       ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO

sábado, 11 de enero de 2014

"LA MONTONERA" , UNHA ALFAIA MALDITA, DE JOAN MANUEL SERRAT.



Joan Manuel Serrat en Vigo.
Que Joan Manuel Serrat é unha desas persoas que, paseniñamente, se foi filtrando na vida sentimental de toda unha xeración, non ofrece ningún tipo de dúbida.

Que nos deu dous álbums extraordinarios que achegaron aos seus seguidores a Antonio Machado e a Miguel Hernández, tampouco se debe discutir.

Que as súas cancións emocionaron (e seguen a emocionar) a unha boa parte da sociedade  deste país, é un feito comprobado.

Mediterráneo, o seu disco máis coñecido, figura no máis alto das listaxes dos mellores traballos da música española.

A min gústame Serrat moito (aínda que estou máis preto do universo de Aute), pero a Susi, a miña compañeira de toda a vida, gústalle moito máis que a min aínda.
Susi e Serrat en Vigo.

Aínda lembro as miñas viaxes balonmanísticas a Barcelona co Teucro, nas que me ía facendo coa obra do cantautor en catalán. Aquí, daquela, era misión imposible mercala.

Al noi del Poble Sec, o seu barrio natal, vímolo en directo ben veces. A verdade é que nunca defrauda. Próximo, faladeiro, profesional, dá todo no escenario para alegría dos seus seguidores. É un pracer velo/escoitalo en vivo.

Máis adiante, terá outra entrada en Versos e aloumiños.

Hoxe está aquí por dous motivos.

O primeiro, porque hai un tempo que saíu a noticia dunha canción maldita de Joan Manuel Serrat: La montonera. Descoñécese, de certo, a quen ía dirixida. Quen foi a muller referida polo cantante. Existen varias suposicións. A min tanto me ten.

Coméntase, ademais, a relación do autor catalán cos montoneros, as súas axudas aos presos políticos arxentinos… Tampouco non vou entrar niso. Non me gustan as suposicións; prefiro feitos comprobados.

O que si queda claro é que Serrat nunca gravou nos seus discos este tema. Podemos afirmar que mira para outro lado se se lle amenta a canción. É, dende logo, unha canción politicamente incorrecta. Mais tamén hai que dicir que é moi fermosa. Segue a liña serratiana dos anos setenta. E circulan por aí versións clandestinas da mesma.

Encantoume.
Así que lla quería dedicar a Susi, que mañá domingo día 12, está de aniversario (non digo o número deste aniversario, pois se enfadaría seguro). Este é o segundo motivo deses dous dos que falaba antes.

Os lectores e lectoras deste blog podedes gozar desta canción comprometida e fermosa. Con todos vós quero compartila. Ben o merecedes por permitir que Versos e aloumiños superase , días atrás, as cincuenta mil entradas.
Escoitade este vídeo e despois podedes xulgar.




E, deseguido, a mesma canción cantada en vivo.




Emocionante. Por se alguén non o comprendera aínda, este é un reflexo da admiración como cantante, como referencia ideolóxica para o pobo arxentino, ademais do agarimo que lle profesan nese país. Como ben se ve, o agarimo é mutuo.

jueves, 9 de enero de 2014

DESDE MI VOZ, ANTOLOGÍA POÉTICA DE ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO EN LA PÁGINA ESCRITA.

       
Acaba de aparecer el número 6 de la revista digitalde la Fundación Jordi Sierra i FabraLA PÁGINA ESCRITA:

       Como siempre, viene repleta de artículos, entrevistas, relatos y poemas escritos por jóvenes y por toda clase de curiosidades, alrededor del mundo de la literatura juvenil y de la creación literaria.

       Maravillosamente ilustrada por Tesa González, podemos destacar las entrevistas a Ricardo Gómez, Ana María Machado, Perla Suez y a la propia Tesa González.

       En este número, del mes de enero, ofrece un libro que se puede descargar libremente. Se trata de la antología, DESDE MI VOZ, de Antonio García Teijeiro. Un libro que no se puede adquirir de otra manera y que contiene poemas de todos los
libros en castellano del autor. La selección corrió a cargo de María Jesús Fernández Domínguez y Alba Piñeiro y cuenta, además, con una introducción de Pedro Cerrillo, un prólogo de Noa García, algún dibujo de Xosé Cobas y Xulio García Rivas.
El diseño corrió a cargo de Mar Blanco, bajo la dirección y coordinación editorial de Amigos de Papel, una editora que, poco a poco, está irrumpiendo en el mercado del libro con una gran calidad y cuidado de sus libros.
   
       Nadie debe dejar de entrar en las páginas de una revista digital de esta categoría. 
Recordad que es trimestral y que está surtida de propuestas de una gran importancia para navegar por este mundo maravilloso de la literatura para niños y jóvenes.



       En Versos e aloumiños, podéis entrar en LA PÁGINA ESCRITA, a través del espacio dedicado a ella por nuestro blog.



                                                                                                                                               VERSOS E ALOUMIÑOS