Mostrando entradas con la etiqueta ana mª fernández. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta ana mª fernández. Mostrar todas las entradas

viernes, 15 de marzo de 2019

DARDO POÉTICO (LIX) : "SILENCIOS", UN PROXECTO POÉTICO DE ANA MARÍA FERNÁNDEZ







Sempre resulta interesante asomarse a aquilo que escribe Ana María Fernández. Sexan os seus textos en prosa, en verso para a infancia e a mocidade ou para todos e todas; estean escritos en solitario ou compartindo creación con Xoán Babarro, un grande da nosa LIX, Ana María é quen de acariñar os sentimentos do lectorado, sacudilos ou  e tirar deles milleiros de emocións.

 
Ana Mª Fernández
Por iso está aquí, de novo, en Versos e aloumiños. Vímonos en Santiago nun acto na RAG en conmemoración de María Victoria Moreno, pechando o seu ano. E pedinlle algo. Non podía deixar pasar a ocasión. Ela, admirable e xenerosa, accedeu á petición. Despois dun certo tempo, enviounos este proxecto poético, Silencios, seis poemas que peturban, que chaman a nosa atención nun mundo estraño e que nos levan a gozar da palabra poética de xeito intenso.

     Gozade, lectores e lectoras deste blog-revista, da capacidade de seducir dunha gran poeta.




SILENCIOS


I
Nun paseo tardío
escoito o berro dunha folla, desigual a outras da súa especie,
única na tonalidade, na degradación das cores,
enrugada e encollida por distintas intemperies,
que, para máis datos, protesta con diferente intensidade.
Xulio García Rivas. Tinta chinesa sobre papel
Porque, a dicir verdade, outra fonética advirto na crebadura do seu traxe,
no corte seco do pecíolo polo belisco do vento.
Unha folla que, sen dúbida, foi magnífica no seu tempo,
que pasou as tres reválidas dos meses luminosos,
engaiolada, verde e fachendosa, no souto cantareiro.
Cae unha e caen outras con ela,
pero non saben que contarse;
quizais que á primeira lle nacera unha mancha na cara,
por onde cruzaban as formigas.
Ou que a segunda, en tempos, era a preferida do escornabois…
Caeron varias follas desde as ameas das ramas
e rebotaron resignadas esculcando os arredores,
por saber que pantano ou que camiño devoraría o seu recordo,
quizais a bota dun humano furtivo.
É outono…
E estas cousas pasan.





           II


Anuncia hoxe o mar un novo desafío
no altofalante dos cabos,
mentres esvaran, nos arrabaldes do horizonte,
as ondas quentes do verán.
Xulio García Rivas.. Acrílico. Lenzo
Mostra, fachendoso, as enrugas do frío
cunha paleta grisalla.
Ronca teimudo, unha e outra vez,
no ensaio das borrascas
e suplica, coa gaita do seu labio,
a chegada vitoriosa do vento,
que se despraza con rodas de mudanza.
No horizonte,
un sol vello,
altivo
e insumiso,
aférrase aos azuis cun brazo vermello
na procura da prórroga de lume
que lle permita incendiar
o último horizonte.







 III

Digo páxina e agardo
a que o silencio se faga dono dos arredores.
Só o eco das sílabas se cambalea, desolado,
Xulio García Rivas. Tinta chinesa sobre papel
adiviñando o precipicio  do esquecemento na tertulia dos labios.
Digo brote e os demais adiviñan a supervivencia do verde,
da Terra, que nos mira sen que lle importen os vivos.
Pero, no silencio,
caben todas as intencións
e unha palabra é unha intrusa,
fuxitiva,
sen a suficiente documentación
como para quedar onda nós por moito tempo.





  

  IV


Nas páxinas da soidade,
sinto vibrar a alma
cunha porcentaxe apaixoante de certeza.
Rebélaseme potente,
dadivosa,
intransixente.
Cova,
nai,
Xulio García Rivas. Acrílico sobre táboa
presenza,
desmesura de silencio…
Ocúltase á inquisidora insistencia
do cazador de recompensas,
nunha vertixe máis ca centenaria.
Véxoa libre
no interior máis secreto,
na perfecta converxencia
do ser consigo mesmo.
Viva,
con alicerces de ás,
e farfallar de fervenzas…
Locuaz
no consenso das células.
Guerrilleira
no camiño.
Eterna
na súa causa.





V

E onde pode estar
o incenso conmovido?
A oración sen boca despois do sol da tarde?
Este silencio de coágulo,
saciante,
subterráneo,
suculento,
aborixe do interior,
marxe de sombras,
ten areas repentinas,

un babel de insomnios,
Xulio García Rivas.. Tinta chinesa sobre papel
pulsacións de lóstregos nocturnos,
pasados, presentes, futuros
e unha risa desaparecida.
No interior,
estás ti,
estou eu
e, nas ruínas dos malvóns,
vibra unha estrela,
contendo o ruído do seu brillo.








  
VI

Do que máis falamos agora
é do descoñecido.
E facémolo decote,
mentres a vida segue,
conmove
Xulio García Rivas. Tinta chinesa sobre papel
e armoniza rancores
nos suburbios infelices.
Ao espertar,
feridas de ausencias
abren sucos de carne
e moldean espellismos
nos eidos das brétemas confusas.
Pero do que máis falamos ti e mais eu,
coas palabras de sempre,
é do descoñecido.
Quen entende os proverbios da alma?
Quen coñece a liturxia do Paraíso
na verdade dos límites?



lunes, 9 de junio de 2014

A LUZ DAS PALABRAS (41) Xoán Babarro e Ana María Fernández.



    
Ana Mª Fernández e Xoán Babarro
Ana María Fernández e Xoán Babarro son dúas persoas marabillosas que levan enriquecendo a LIX galega dende hai ben tempo. As súas traxectorias son modélicas e teñen publicados unha chea de bos títulos.
      
     Lin por primeira vez un libro deles, escrito de maneira conxunta, alá polo ano 1985. Foi Primeiro libro con Malola na editorial SM, Premio “O Barco de Vapor” dese ano.
      
     Dende aquel momento, non deixei de ler o que caía nas miñas mans, escrito por eles, tanto en conxunto como individualmente. Unha obra, a de ambos, de moi alta calidade e que toca os paus máis diversos: ensaio, conto, novela, narrativa tradicional, poesía, teatro etc. acadando diversos premios: O Barco de Vapor, O Arume de poesía, o Lazarillo, O Facho, o Pura e Dora Vázquez…
       
     Quero salientar, ademais, que Ana María e Xoán foron dos pioneiros á hora de preparar libros de texto para o ensino do galego. Isto di moito do seu compromiso coa lingua desta nosa terra.
       
     E non podo menos que lembrar as súas traxectorias no eido da poesía. Amar e outros verbos, de Ana María, gañou o Premio Lazarillo no ano 2001. É un poemario que vén comigo cada vez que dou conferencias, talleres e demais. Un clásico, para min, da nosa poesía sen adxectivos. Unha xoia en verso libre que saborean e conxugan poeticamente persoas de todas as idades.
     

      Xoán Babarro, máis centrado, quizais, na narrativa, toda ela escrita cun léxico rico e cun nivel literario ben alto (imposible citar un só da súa extensa obra), deu ao prelo un  libro poético que tamén viaxa á miña beira nos actos que realizo: Reino Verde, unha xoia que se move entre a natureza, a lírica tradicional e o lirismo máis puro, non exento de humor.
      
     E, por riba dos seus indubidables méritos literarios, Ana María e Xoán forman unha parella entrañable. Foxen de protagonismos, son amables e sensibles, traballadores e comprometidos co feito cultural galego.
      
     Sinto por eles unha enorme admiración. Admiro a súa obra e admiro, xaora, a súa maneira de ser. Nun mundo de prepotencias (non falo a nivel galego) e protagonismos lamentables, Xoán e Ana son o exemplo da naturalidade e a amabilidade exquisitas, do traballo realizado con agarimo e con rigor.
      

     Todo isto levoume a pedirlles a súa colaboración en Versos e aloumiños. E eles, sen pensalo dúas veces, accederon con esa xenerosidade que os caracteriza. E fixéronme feliz. Todos os seguidores e seguidoras do blog poderían descubrir o seu talento, pensei.
      
     E, por suposto, aquí está a proba do que veño de dicir.
      
     Xa podedes  gozar do texto, fermoso coma sempre, que enviaron para facer máis rico este proxecto, nacido para amosar a palabra de persoas coma eles.
      
     Unha honra.
      
     Grazas, Xoán. Grazas, Ana María, por serdes como sodes.




  

CANTOS DE MERLA
I

As  olleiras do ceo esvaecen no feitizo das luces matutinas.
Xa vencida,
a noite deixa a calceta sobre os carballos altos.
Confórtame pensar que, a estas horas,
os corzos pacerán libres e que, nas tímidas bufardas, 
as fendas da madeira darán paso aos primeiros raios insolentes.
Nesta fervorosa calma do abrente,
"Árbore do amor". Acrílico sobre lenzo. XULIO GªRIVAS
a pequena merla canta, pero sen lira e sen frauta.
Non sentes ese aroma a pétalos furtivos?
A luz máis pura sostén o seu comezo no teclado dos cristais
e eu,
absorta nas ríxidas pautas da palabra enfebrecida,
degraño silencios espartanos
e descubro letras invisibles nos ocultos folios de min mesma.
Desexo  escribir un poema desbocado,
co idioma do dragón
e a maxia dos líricos discursos amorosos.
Fóra,
cantarán os violíns cos besbellos das brisas
e a carriza brillará coma illa de mercurio,
nos peitos dos mamíferos que pacen herbas libres.
Será entón cando nos palanquíns das copas,
que enrestran soños co seu pelo de ramas,
soará para min, solemne, a música perfecta do primeiro verso namorado.
E, mentres tanto, ao pé da casa,
a pequena merla canta, pero sen lira e sen frauta.

                                                      
                                                                       ANA Mª FERNÁNDEZ MARTÍNEZ



II

Dondea a noite
coa luz do columbrar.
Gume entre soños.

Mira a engalar a merla da alborada
"Xardín". Acrílico sobre lenzo.XULIO Gª RIVAS
rousando o milenario portalón,
colgando leve haiku na salgueira,
cada gato un luar de Colibrí,
meu ti.

Olla no alén que loce Aguia Dourada
e estrica nas corcheas do regueiro
ledicias de semente, seara en cerna,
folepas que pintorlan os arrós,
meu nós.

Sinte o trilo que asoma pola fiestra,
enfeita azul celeste no sorriso,
peneira de sol verde o abeledo,
coalla a sabatina do romeu,
meu eu.

Soan as flores
sabadeadas de merla.
Seremos canto.


                                                XOÁN BABARRO GONZÁLEZ