martes, 1 de febrero de 2022

ESCAPARATE POÉTICO (CXXXIII) Miguel Anxo Fernán Vello

 




                             MIGUEL ANXO FERNÁN VELLO (Cospeito, 1958)

 

 

OS ESQUECIDOS

 

Aínda respiran diante do espello negro dos días, mais o seu

rostro bebe unha luz final de raíces mortas.

 

Cando a sede era soidade e era o desexo enigma dos astros

Miguel Anxo Fernán Vello (Foto El Progreso)
de devoración, asistían a todo o que treme na sombra e brillá-

balles na fronte o xeo violáceo do abandono.

 

Porque eles sben que no pozo do corpo xeme a serpente dos

días e senten no seu sangue unha chama que abala como a

dor das árbores contra o vento.

 

¡Seres do túnel diario e diúrno, seres da metade escura do

tempo, cando a palabra baleira a súa nudez como un camiño

cara á morte!

 

Védeos aí na súa estrela invisíbel, no tránsito sen nome, na

cinza azul do mediodía.

 

Aliméntanse ás veces do alcohol triste da néboa e coa súa pel

habitan os ocos descoñecidos do desterro.

 

Son a dura existencia entre espectro e vixilia, entre lugar e

exilio. Son a semente escura da desaparición.

 

Están a todas horas morrendo contra un muro ou agardan

nun círculo cego o sopro ulcerado da noite.

 

Ninguén reclama o pulso da vida nin a respiración. Ninguén

coñece a substancia do seu pranto multiplicado na carne.

 

Esta é a natureza do seu abismo, a identidade incerta, a súa

imaxe estranxeira.

 

Esta é a duración do límite, o espasmo do silencio, cando a

vertixe queima o futuro.

 

Cando aínda resiste o derradeiro fío de alento que os une co

mundo e coa nada.

 

 

 

POS-PAISAXE

 

Detense un taxi e ela desaparece.

Cando o sol queimaba o vidro das casas

e o mar era un peixe azul que eu sentía no sangue.

Mais agora xa non vexo o mar, só vexo a illa

que lentamente configura o poema.

As casas nas que eu vivín árdenme na cabeza

e teño as súas paredes entaladas no no recordo,

porque unha casa é un corpo devorado polo tempo,

como as palabras que eu vexo devorarse a si mesmas

no poema. E só fica a brasa que divide as tardes,

como esta na que ela desaparece en forma de chama

anunciando a luz fendida do futuro.

 

Detense o taxi e hai un tremor na aura

do destino. Todo o baleiro violáceo da tarde penetrándome

até o sabor da lámina metálica do abandono:

a náusea refinada do instante.

 

Detense o taxi e ela desaparece.

Rosa de mel negro caída nos ollos,

o animal máis escuro rozando a pel do fogo.

Cando o sol queimaba o vidro das casas

e o mar era un peixe azul que eu sentía no sangue.

 

 

 

(Do libro Duración da penumbra, editado por Espiral Maior, 2021)