jueves, 2 de septiembre de 2021

PACO IBÁÑEZ E ANTONIO GARCÍA TEIJEIRO NO AUDITORIO MAR DE VIGO (Vídeo)

 

Paco Ibáñez e Mario Mas durante a actuación no Festival Terraceo en Vigo
    


Si, a lenda, Paco Ibáñez volveu a Vigo para, nun marco fermosísimo, volver engaiolar  ese público fiel e intelixente que aínda cre nas boas cancións e na necesidade da poesía. Foi un concerto memorable, coa ría de Vigo ás súas costas, as Cíes escoitando a súa voz e as gaivotas interesadas en non perderse unha nota da interpretación.

     Acompañado do gran guitarrista, Mario Mas, Paco Ibáñez interpretou dezaseis cancións (catro delas, en galego) coas que estabeleceu unha comunicación máxica cuns asistentes que se emocionaron coa súa voz.

     Paco Ibáñez é unha lenda que atrapa pola arte que posúe en musicalizar os poemas de sempre. E , ademais de pola súa arte, pola proximidade ao público e a ética que guía todo o seu comportamento ao longo de toda a súa extensa traxectoria.

     

Con Paco no escenario

     Eu teño a fortuna de que varios poemas meus estean na súa voz e na súa música. Deles, tres foron interpretados polo trobador na cidade olívica. Mesmo, como en Paco é habitual, “obrigoume” a cantar con el a canción “Pomba de menta”. E, se xa todo era emocionante, a estrea de “Se falases de min” foi a guinda no pastel.

     Tedes aquí os tres poemas cantados por Paco Ibáñez.

      Versos e aloumiños debe gardalos para sempre.

       Que vos gusten.